13:57 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-11-2014

Celébranse as vitorias e conmemóranse as derrotas, aínda que algúns non entendan isto último

O 12 de outubro estivemos en Cans

Valorar (16)

FRANCISCO CALO LOURIDO



No concello do Porto do Son, freguesía de Nebra, nun dos recantos da praia da Aguieira, un cativo río procura a saída directa ao mar ou, como se tivese medo, escolondréase por entre as dunas para se meter na ría abrazado e fundido co seu irmán maior, o Quintáns ou río de Nebra. Este timorato e dubidoso xeito de desembocar, formando canais aquí e acolá, mereceulle o nome de Cans, adoptado tamén polo lugar onde principian as súas reviravoltas. Por aí circulaba o camiño lousado, romano para algúns, ata que, baixo a ditadura de Primo de Rivera se fixo a estrada de Ribeira a Noia, de onde procede o nome de 13 de Setembro (data do inicio da ditadura) que recibe o tramo urbano do Son, popularmente coñecido como Recoletos. Nunha pequena ponte sobre o río, cinco veciños, un home e catro mulleres (Antonio, Francisca, Ramona, Rosa e Xenerosa) morreron por defender a dignidade baixo as balas asasinas da garda civil ao servizo do caciquismo e da corrupción.

Os pobos fan memoriais. Pensemos nos milleiros de monumentos que hai por toda Europa para lembrar e honrar aos soldados mortos na Grande Guerra, ou nos dos aliados en Normandía, etc. Celébranse as vitorias e conmemóranse as derrotas, aínda que algúns non entendan isto último e, por conseguinte, se admiren de que en Barcelona se erguese unha senyera nun mastro de 17,14 metros. A memoria individual é máis frecuente que conserve os éxitos que os fracasos, pero, colectivamente, as derrotas perduran máis no tempo.

Desde hai quince anos vense facendo un memorial de lembranza e homenaxe ás nosas vítimas, no mesmo lugar onde caeron un 12 de outubro de 1916, e o BNG do Porto do Son, por medio de Santiago Suárez, invitoume a pronunciar unhas verbas no acto deste 98 cabodano. Aceptei de bo grado pola procedencia da invitación, pola xustiza da homenaxe e porque os asasinados pertencían á miña tribo. A vida, o traballo e a familia leváronme a dar fondo ao ferro, a arriar a poutada en Pontevedra, pero concordo con Rilke en que a patria do home é a súa infancia e eu teño sempre moi presente que, aínda que transplantado en Pontevedra, son do Son.

Cando se cometeron estes crimes estabamos en plena Restauración Borbónica e produce unha certa sensación incómoda pensar nas semellanzas entre aquel tempo e o actual. Se digo que os militares poñen de xefe de estado un Borbón, que goberna o bipartidismo con alternancia no poder, que hai pucheirazos electorais, caciquismo e que as forzas e corpos de seguridade do estado non están ao servizo do pobo, senón, como o seu nome indica, ao servizo do estado, é dicir, de quen ten sinatura no BOE, no DOG ou nos edictos, bandos e demais papeis oficiais dos concellos, non sabemos se estamos a falar de 1916 ou de hoxe. Se daquela estaba en vigor a Lei Electoral de Maura, con aquel artigo 29 que deu lugar a que se dixese que certos deputados foran elixidos polo carallo 29 e que, aínda hoxe, apliquemos esta expresión para moitas outras situacións, nos tempos actuais vemos como o PP quere legalizar igualmente o pucheirazo consistente en que un alcalde teña maioría, sen conseguir a metade máis un dos votos. Se isto vai arriba, propóñolle ao PP que faga coincidir o artigo que tal diga co 29 da lei para revitalizar o vello dito e retornalo á orixe.

Amais de sufrir o anterior, común a todos os pobos de España, en Galicia tiñan os labregos que soportar os foros; a terra que durante xeracións e séculos viñan traballando non era deles; aínda haberá que agardar ata a redención de foros de Primo de Rivera. Podemos dicir que está en pleno vigor o Catecismo do Labrego (1889) de Fr. Marcos da Portela, onde se di que os deuses, a “condanadísima trinidade”, son “o Alcalde noso señor, o Segredario noso amo e o Cacique noso dono”. Conxurados estes tres deuses no Porto do Son (os nomes e apelidos están aí, pero tal día coma hoxe os que interesan son os dos nosos mártires) impoñen un arbitrio extraordinario e, despois dunhas protestas que rematan con detidos e dunha negativa a pagar o inxusto recargo, decidiuse enviar a Nebra, concretamente a Cans, un axente foráneo, o que hoxe sería un cobrador do frac, como o que a FEMP quere recuperar para cobrar as débedas vencidas non prescritas. Agardemos que, hoxe, non vaian, como daquela, escoltados e protexidos por trinta ou máis gardas civís cos seus tenentes e capitán. Dunha banda desta ponte de Cans están os gardas civís, da outra uns 300 labregos, cada quen cos seus instrumentos de traballo: aqueles cos fusís, estes cos legóns, fouciños, fumeiros... e podemos lembrar aqueles versos do “Meu carriño” que Cabanillas dedicou a Vilar Ponte: “E dille ós irmáns que atopes / que nas mans dun home enteiro / o estadullo carreteiro / non lle ten medo ó fusil”.

Había tres anos que a garda civil nomeara patroa á Virxe do Pilar e aqueles que foron a Cans non viron mellor xeito de celebrar o día da súa festividade que efectuando varias descargas de fusilería. O resultado foi unha masacre: dous morreron alí, tres nos seguintes días e o número de feridos de distinta gravidade andou polos trinta. Non dispararon contra Francisca, Rosa, Xenerosa, Ramona e Antonio, non, dispararon contra o pobo; as forzas e corpos de seguridade do estado están, coma sempre, ao servizo do estado contra o pobo, se quen manda o considera pertinente. Os nomes viñeron despois, conforme os médicos foron certificando as defuncións. Por iso as vítimas, independentemente da súa ideoloxía, de que tivesen ou non votado a Gasset (no Barbanza sempre había que elixir ao liberal Gasset, por medio de Viturro, a quen atacou Castelao no conservador “El Barbero Municipal”, ou a Calvo Sotelo), representaban o pobo enteiro; eles eran Cans, Nebra, Porto do Son e Galicia toda. Por iso o pobo os meteu no seu santoral laico, na Alba de Groria de Castelao, na Santa Compaña dos inmorrentes, e por iso é polo que un numeroso grupo de veciños do concello do Son (e mesmo doutros do Barbanza, caso do amigo de bacharelato Deira Triñanes, alcalde nacionalista que foi de Boiro, e sinto non reter o nome dunha señora de Lousame) nos xuntamos para lembralos e honralos no lugar onde as balas asasinas acabaron coas súas vidas.

Xa o 24 de abril de 1923, nunhas follas de propaganda electoral que obran no meu arquivo e das que respecto ortografía e léxico, podo ler como Xan do Outeiro di que o déficit “causou as víctimas de Nebra” e máis adiante: “Non te olvides de decirlle os do Son que non se olviden das víctimas de Cans; todos os días mo están desindo, que maldito e mal nacido o pai, fillo e veciño que non fai por votar fora os que están no Ayuntamiento, na Cruña é en Madrí. E que si algún vota a Gasset, que eles pedirán permiso a Nuestro Señoriño para vir a este mundo a esganar a quen tal faga”. Poucos anos despois, Castelao, no seu álbum “Nós”, publica unha das “Cousas” co seguinte texto, tamén con diminutivo: “¡Un padrenuestriño pol-os que morreron en Oseira, Nebra e Sofán!”

Remato o artigo coas verbas coas que alí o fixen: “Manteñamos sempre viva a súa lembranza, porque só así seguiremos sendo un verdadeiro pobo digno de existir”.


[18-07-2017 19:48] Paco do Martelo comentou:

O señor Suárez debería de deixa de botar bile e non mentir que nun mestre coma el queda moi feo entre os seus alumnos. Se ser nacionalista é tomarse licenza de atravesar unha propiedade privada con unha pista mercé ao seu vínculo co ex concelleiro do bi-partito, pois SI, son antinacionalista despois de militar máis de 30 anos no BNG, cando no Son non eramos máis que catro pelagatos. E no tocante a que este acto dende un primeiro intre foi cousa do BNG d'O Son, onde estaba el o primeiro ano que o organicei? Magoa que Joseph Goebbels, crease escola coa súa famosa frase: «Una mentira repetida mil veces convértese en verdade». Neses tempos poida que colase mais hoxe en día é imposible.

[15-11-2014 18:57] Santiago Suárez comentou:

Emparelláchedes a Calo Lourido coa imaxe do paripé que monta un fulano reaccionario e antinacionalista: el convida a algún alcalde do PP e, as máis das veces, nin lle van.
O acto no que intervíu Paco está convocado, dende o primeiro momento, polo BNG d'O Son, e, por suposto,ten carácter laico e aberto (bng.gal/portdoson).

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña