06:43 Sabado, 23 de Febreiro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-11-2014

Contra o abandono e unha explotación colonialista da terra

O factor terra

Valorar (19)

XOÁN COLAZO PAZÓ



Dende o punto de vista económico a terra –en senso amplo- é o conxunto dos recursos naturais existentes na natureza. Son bens que están á nosa disposición e que podemos aproveitar e transformar para o noso interese. É o que os economistas clásicos denominaron factor terra ou capital natural, fonte de riqueza das nacións ao lle ser aplicado o traballo, isto é, a intervención humana para a obtención de produtos. Co tempo a importancia dada ao factor terra foi diminuíndo pois, entre outras cousas, entendíase que era de dispoñibilidade ilimitada, até que se foi tendo de novo unha consideración da terra como un ben escaso e básico para o desenvolvemento e sustentamento dunhas poboacións mundiais cada volta maiores.                                                               

En Galiza usouse a terra historicamente de xeito intenso ao longo de todo o territorio, facéndose un aproveitamento ao máximo de cada recuncho de terra. No sistema de produción precapitalista, que perdurou en moitos dos seus aspectos básicos até mediados do século pasado, a terra (agros, montes, ríos, mares, mesmo os mineirais do subsolo) aproveitábase até o límite para sustentar a nosa sociedade rural. E non esquezamos que a densidade de poboación en Galiza estivo nos últimos séculos entre as meirandes de Europa. Isto é, o ben terra, coas súas características intrínsecas (tipos de solo, fonduras, materiais base) xunto co clima, a orografía, a orientación e outros factores, así como o labor do traballo de homes e mulleres sobre ela sostivo centos de xeracións de galegos e galegas. A crianza do gando, a obtención de toda caste de producións vexetais –en xeral para o autoconsumo de alimentos – así como a obtención de materiais para a construción ou para a vestimenta dependían directamente deste soporte primordial. Agora xa non é así. Xa falabamos disto hai xustamente catro anos neste mesmo medio.

Non hai que ser un observador moi agudo para se decatar do total e absoluto abandono da terra en Galiza. De percorrermos a nación dende calquera punto cara a calquera destino, atravesemos a comarca que atravesarmos, esteamos perto do mar, nunha cidade, nas chairas ou nas montañas a terra está a monte, a terra non esperta interese, a terra non se cultiva. Poucas excepcións escapan a isto, e de todos os xeitos están moi localizadas, son de pequena entidade e respostan a unha especialización tamén perigosa: aquí viña, alá fabas, acolá forraxes para vacas de leite. Pouco máis. O normal é ollar montes eucaliptizados e vales onde tamén se plantan árbores, leiras con fento e toxos, xestas a dominar onde antes había pastos, e cada volta máis acacias, canavais de bambús e outras bioinvasións campando sen couto por toda a parte. Tamén o proceso de urbanización da terra se estendeu por xalundes, non só no “Eixo atlántico”, en calquera parroquia “rural” hai beirarrúas, casas no medio das veigas, máis asfalto e cemento ca en toda Gran Bretaña ou Alemaña, lugares onde, por certo, a terra se aproveita incomparábelmente máis ca en Galiza para a agricultura. Un panorama triste, desolador, insustentábel e símbolo do que ocorre co propio país. Por iso mesmo, un panorama que debe mudar.


Todos estes trocos que nos levaron dunha Galiza milimetricamente cultivada a unha xigantesca touza para goce do porco bravo producíronse moi apresa. O proceso “modernizador” que comezou na segunda metade do Franquismo nos anos sesenta incidiu nunha nova emigración masiva de galegos, que deixaron os traballos agrícolas para ir vivir ás cidades de Vigo, A Coruña e en maior medida outras do Estado Español e Europa. O roubo dos montes veciñais na década dos corenta-cincuenta do século pasado non tivo un papel menor nese comezo do esbarrullamento da sociedade tradicional agraria. Pero foi en “democracia” e coas políticas activas derivadas da entrada no Mercado Común Europeo-Unión Europea, impostas por Bruxelas e Madrid e executadas con entusiasmo polos gobernos da autonomía –agás un-, foi dende os anos 80 até hoxe cando se produciu a total deconstrución do sector primario da nosa economía, até reducilo case á nada. A maior gloria claro está das transnacionais e outros territorios europeos que así evitan un molesto competidor ao tempo que nos poden vender os seus produtos. Mercé a este marabilloso mundo globalizado e ao papel que deseñaron para nós, os galegos e galegas que queden e que poidan beberán en breve, se non o fan xa, leite francés e comerán pementos de Marrocos, amorodos de Chile, e castañas italianas. É ben sabido que aquí eses produtos non se dan nada ben.

Perdemos nos últimos 30 anos unha quinta parte da superficie agrícola por cousa da urbanización difusa, a forestación e a construción de infraestruturas. Perdemos tamén neste período un terzo das mellores terras. E para que? Desbaldimos un recurso escaso e estamos a facelo inservíbel para o futuro. O que non está estragado témolo a criar silvas. Os usos do solo mudaron, a metade do noso territorio trocou de uso nestas últimas tres décadas. Estamos entre os territorios europeos cunha menor proporción de territorio dedicado á produción de alimentos. O número de explotacións agrarias son a metade das existentes en 1960. Trocos inmensos nun periodo de tempo historicamente mínimo, como nunca se deran en Galiza e con poucos equivalentes en lugar ningún do mundo, nin sequera nos países industrializados.

Parello ao abandono de terras prodúcese, ou máis ben intensifícase o proceso de explotación colonial dos recursos que xurden dela. Exemplifiquemos o anterior nas canteiras –a meirande parte delas ilegais-, na minaría contaminante, na produción enerxética de corte colonial, na forestación con pouco valor engadido –pasta de papel, cultivos enerxéticos-, en definitiva no esquilme de materias primas que non deixan máis ca contaminación, esgotamento de recursos e uns míseros salarios que nin sequera axudan a fixar poboación na maioría das bisbarras. Esta é a outra cara da mesma moeda dunha terra inutilizada para beneficio do país e depredada por intereses alleos. Alén do máis, acadouse tamén a total desvalorización da terra na mentalidade da xente, proceso parello e imprescindíbel para aculturizar a paisaxe e inflinxir feridas á nosa identidade territorial. Semella que a terra carecese de valor para a sociedade galega, mesmo sentimental. Vendéronnos como desenvolvemento o que en parte ningunha de Europa entenden como tal, un suposto desenvolvemento que supuxo en realidade un absoluto desleixo territorial. As súas consecuencias son os lumes, a perda de hábitats, a simplificación paisaxística, a perda de patrimonio cultural, a destrución de elementos construtivos (muíños, pozas, regos, sequeiros, canastros, alboios, pontellas, chozos,...), toda a arquitectura sen arquitectos, popular, que foi modelando a nosa paisaxe e carácter ao longo dos séculos. E iso que a meirande parte dos galegos e galegas son propietarios de terras, ben sexa de xeito individual, ben colectivo a través das comunidades de montes veciñais en man común. Mentres, noutras latitudes gobernos e transnacionais acaparan terras como xeito de investimento cara ao futuro dun planeta superpoboado.

E, porén, os solos de alta calidade son un recurso escaso e non renovábel, e en Galiza, pola propias características territoriais (fertilidade, pendentes, tamaño, accesibilidade) non son nada comúns. Son, si, terras básicas para producir alimentos a sustentar poboación. Podémonos permitir ese inmenso luxo de ter o país abandonado, tanta terra erma cando existe moitísima emigración e desemprego? Dise que cada 17 hectáreas de terra cultivada equivalen a un posto de traballo. Canta xente podería vivir do noso agro se nesa viaxe que se fai de Vigo ás Portelas en máis de dúas horas só enxergamos un pouco de cereal nunha pequena parte da Limia? É incultivábel a nosa terra ou galegos e galegas estamos incapacitados para aproveitarmos ese recurso básico que é a terra? Non. Evidentemente hai culpábeis desta situación, hai uns actores claros no deseño da realidade que padecemos. O nacionalismo tivo e ten moi ben definido cales eran os males e as solucións, aínda que para poñelas en práctica haxa que vencer poderosísimos intereses en contra, galegos e exteriores. Con nomear o que foi e o que é o Banco de Terras xa non é preciso enumerar máis argumentos. Só tomando conta da nosa soberanía poderemos dicir algún día que a nosa terra é nosa. Énos urxente facelo canto antes e pór mans ao traballo.


[06-11-2014 11:13] Foxo comentou:

Os meus parabéns a Xoán por este magnífico traballo. É unha tese de doutoramento sintetizada nun artigo. Que marabilla! Unha lección imprescindíbel para sabermos o país que temos e o que podería ser Galiza con soberanía política e cun goberno de seu. Claro, pedagóxico e cun sentimento da terra que mesmo emocionaría a Uxío Novoneyra.

[06-11-2014 10:42] Fernando Flores comentou:

Dóeme por certo.Mesmo,querendo,atopaste con enormes muros nese caminho

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña