14:52 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

31-10-2014

Na sociedade do espectáculo o catastrofismo está servido en todas as súas gamas de obsesión e ignorancia

Despois das leproserías e dos lazaretos

Valorar (19)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



Na sociedade do espectáculo o catastrofismo está servido en todas as súas gamas de obsesión e ignorancia. O “Apocalypse Now” cos seus Catro Xinetes e algún poldro desbocado máis, transmítense en directo e chegan até o safacama: fanatismo, a guerra por todas partes, a fame e os desafiuzamentos, por riba a peste e conseguintemente a morte. Todo nun escenario de inoportunas cicloxéneses explosivas. A catarse colectiva pon a proba a crise, a incultura, a incompetencia que culmina no pirindolo da pirámide.

Non é novidade o das pestes, sábese e prevense dende a Prehistoria: apartábase ós apestados a lugares arredados, a illas, insuas, montes ou ermos. No século I o grego Strabón fálanos das costumes dos galaicos e di que fan como os exipcios, abandonan ós enfermos ó pe dos camiños por si por alí pasa alguén que coñeza o remedio do seu mal. Temos referencias dunha antiga tradición nas ribeiras do Miño ourensán, perto de Untes: os devanceiros deixaban sos os moribundo enfermos sobre unha gran peneda que emproa cara o Miño e ó occidente... Así llo escoitamos, polo 1965, ó ourensán Manuel Blanco Guerra, entón colaborador de Ferro Couselo. Arredor destes lugares temos cavilado que algunhas denominadas “Penas de Namorados” , as que se poñen en relación con cultos fecundativos, puideron tamén responder a “penas de amorados”, como moradas para apestados ou por algún motivo desafiuzados da comunidade, mesmo tamén fuxidos. Os “Feitos dos Apóstolos” contan que Xudas Escariote, despois de traizoar ó “Mestre”, fuxe e cos trinta denarios da venta merca un lugar apartado no que se suicidará, chamado Acealdama , co equivalente a “Eido de Sangue”. Acealdama aparece na toponimia, ás veces desfigurado polo uso. Retorcendo as cousas temos cavilado que o topónimo coruñés “Haceadama”, “Acea-da-ma” (polas aceas da mar ?) nas inmediacións do Burgo dos cabaleiros templarios, teña respondido a esta mesma significación, como lugar apartado e de morte. Moito queda por purgar no labirinto da Historia.

Na Grecia do século IV a. C xa cavilaban en como previr os contaxios e creáronse espazos de acubillo para enfermos arredor de templos a Esculapio, balnearios e espazos de concentración de sabios da medicina, en Pérgamo, en Epidauro... Acertos e fracasos dos que saíron médicos, medicinas e hospitais. Hipócrates xa escribía “Sobre os aires, augas e lugares” idóneos para a saúde segundo as enfermidades.

Nas cruzadas, nas peregrinacións, nas viaxes e nas relacións coas indias e coas américas, vaise escarmentando, probando, experimentando e mellorando no coñecemento de febres, das pestes, das corentenas e dos lugares e habitáculos nos que acoller ós contaxiados. De Xerusalén pasáronse a Europa modelos organizados para afectados en lugares illados, con cachopas separadas dos sans. Así naceron os lazaretos, xa normalizados entre o século IX e XI a raíz dese mal gangrenoso que momificaba as extremidades, coñecido como “Fogo do Inferno” ou “Fogo de San Antón”, provocado polos fungos do pan centeo. Pero tamén a lepra e a mesma febre marela ou “mariñeira”, a sífilis...

Lugares nas entradas ou saída das cidades, con nomes que tamén nos proporcionan datos en relación cos santos que os amparan e a orde dos frades que os atenden, centrados por ermidas para asistencia espiritual, dedicadas a San Lázaro, San Roque, San Antón ou mesmo á Madanela. San Lázaro como o morto resucitado cando xa fedía; San Roque fidalgo trotamundos, menciñeiro da escola occitana de Montpellier a curar a desvalidos; o San Antón, outro ermitán, sabio curandeiro; a Madanela dos ungüentos... Lazaretos atendidos xenerosamente por mulleres e homes con algo de meigas, magos ou santos. Lugares nos que temos comprobado, aínda hoxe e a pesares das mudas, perviven plantas medicinais difíciles de erradicar, usadas para tisanas e panaceas : as malvas, as adormideiras, a lavanda, o pirixel, o biouteiro, a figueira, o loureiro, a carqueixa... botánica, orixe das boticas e da que moito ten escrito o sabio ilustrado Padre Sarmiento.

E velaí no medievo e no Reino de Galiza-León a misión dos frades hospitalarios nos camiños de Compostela: non había tramo no que faltase un pequeno lugar de acollida ou hospitais reais como o de San Marcos de León e o de Santiago de Compostela, seguindo o modelos do gran hospital de Milán, deseñado por Filarete, sobre planta de cruz inscrita nun cadrado e con catro patios interiores para airear e dar luz ós cuartos. Tamén os modelos renacentistas de lazaretos de Xenova ou Marsella foron referente . Coa Ilustración, no século XVIII - nos tempos da misión do comboniano padre Damián en “Molokay, a illa maldita” que no nacionalcatolicismo se nos contou insistentemente en película - en Francia e Inglaterra, ante a preocupación polos seres humanos, danse grande adiantos na planificación racional de lazaretos e hospitais, sempre ben orientados, en lugares escollidos, como o Hospital de San Bartolomé ou de Barts, en Smithfield de Londres, con pavillóns separados por patoloxías. No 1787 o invento de Claude Louis Berthollet do hiperclorito de sodio, a lixivia, normalizada por Pasteur como antiséptico, marca un fito, tan usada, abusada e producida en Galiza.

A Real Academia de Belas Artes de S. Fernando conserva proxectos de lazaretos do sc XVIII, para a capital e para portos: os dos arquitectos José París, Pedro Nolasco Ventura, Fermin Gutierres ou Miguel Antonio de Marichalar, preocupados pola “arte da saúde dos pobos”. Importante foi o lazareto da Illa de San Simón, a carón de Redondela, perto de Vigo e de Cangas. Iniciativa dos comerciantes que operaban con ultramar, coa ansia de crear un dos mellores lazaretos, xunto co da illa de Maón no Mediterráneo, dotado para atender ós enfermos contaxiosos que chegaban das colonias. Plan iniciado polo enxeñeiro Alejo Andrade Yañez, ó que tamén se lle encargan obras no Cemiterio do San Amaro da Coruña, quedando da súa autoría a fermosa Igrexa de trazas neoclásicas. Na Illa de San Simón crea unha ponte, dividida en dúas esclusas preventivas, con portas nunha e noutra banda para evitar contactos nos traspasos. Reparto de pavillóns médicos, de enfermos, cloacas, cemiterio...etc. Escenarios dunha continuada triste historia de monxas, médicos, familias contaminadas e mortas. Despois a de servir como campo de concentración para republicanos e nacionalistas.

Preocupación pola “Sanidade exterior”, complementaria das aduanas .A elección de lugar, o deseño de hopitais sempre foi un reto político e científico, que madura coa sociedade, no século XX. Velaí na Coruña os proxectos de Oza, o fracasado do antituberculoso de Cesures do arquitecto González del Villar... lugares apartados, de aires puros, con parques, claustros que permiten o paseo e as esperas. Despois seguíronse modelos arquitectónicos de Chicago, os grandes monoblock, nova experiencia de concentracións parcelarias de especialidades en andares, incluso nun sexto ou once piso (con todo o recorrido que implican) sitúase até agora a sección de “ enfermidades infecciosas”. Vigo marcou pautas no 1950 co referente do “Pirulí”, do arquitecto Martín J. Marcide Odriozola, logo seguido con certa estética e na mesma cidade por Bar Boo no Policlínico Illas Cíes. Na actualidade, pesa á racionalidade e ó traballo interdisciplinar do que presumimos, o urbanismo hospitalario, en xeral e en Galiza resulta un caos: improvisación, tras improvisación, a golpe de gobernos, sen proxecto urbanístico previo que permita a circulación... Sen área de recepción xenérica, se espazos comerciais, sen áreas verdes e mesmo sen estética. A seguir a aprender da Historia e dos paus da vida.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña