14:27 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-10-2014

Na Europa a cousa está moi perfeccionada, e tamén é certo: canto menos posibilidades haxa do castigo ou censura social, máis marxe queda para a barbarie

Camiño de Wallander (II): O esencialismo mata?

Valorar (13)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



Alsacia e Lorena ben poderían ser unha Bélxica e un Luxemburgo. Mesmo como fixeron co luxemburgués, poderíamos estar a falar do alsaciano ou o lorenés como linguas oficiais e quizais teriámonos aforrado algunha guerra mundial e millóns de mortos aínda que iso supuxera arrincarlle un bocado a esencia de Francia ou de Alemaña. Ou quizais non. O caso é que atravesar estas terras en litixio sempre dá que pensar a pesares de que agora nas autoestradas dificilmente sabemos en que Estado estamos agás polo idioma no que está escrito o letreiro de saída ou área de descanso. Se substituímos estes textos polas iconas que o representan xa lograríamos o ideal postmoderno de baleirado de identidade.

É posíbel prescindir da nación? Preguntámonos isto camiño de Friburgo onde agardamos atopar os balos que termaron no seu día do discurso luminoso de Heidegger, cando asumiu o cargo de reitor no 1933, chamando á xuventude alemá as grandes xestas que lle agardaban. Mais na busca da esencia do esencialismo imos bater co funcional edificio do actual reitorado que nada ten que ver coas góticas representacións mentais que nos facíamos. Seica, como aconteceu no resto da Alemaña vencida, os bombardeos aliados occidentais de remate da contenda varreran o rastro de moitas vellas e centenarias construcións. Dresde daríanos a impresión de que a desfeita só se explica pola necesidade do complexo militar industrial ianqui de desfacerse do arsenal obsoleto perante a inminente derrota xermana. Tamén puidera ser que pretenderan borrar o rastro diferenciado dun pobo cristalizado no seu xeito peculiar de se asentar no territorio cunha arquitectura tradicional específica. O que é evidente a ollos de calquera é que logo da destrución mentres os que ficaron baixo o socialismo tiraron proveito dela para facer grandes prazas e avenidas, con parques e espazos públicos amplos. A tallada coa que se quedaron os capitalistas foi obxecto de especulación urbanística até o último centímetro. Basta ollar a un lado e outro do antigo muro de Berlín, mesmo nun punto concreto como é a porta de Brandeburgo.

Mais son olladas superficiais que non permiten ao viaxeiro falar con fundamento. Do mesmo xeito que as presas de auga que percorren os centros das rúas do novo casco vello de Friburgo resultan incomprensíbeis e logo de lanzar diversas hipóteses optamos por pasar a outra cousa, e deixar o enigma sen resolver. Máis tarde, con tempo, pescudamos algo mais e atopamos con que estas pequenas canles foron orixinalmente pensadas para abastecer de auga ou mesmo sumidoiros da cidade. Hoxe teñen un fin ornamental ou mesmo de regulamento da temperatura. Dise que quen vén a esta vila por primeira vez acaba metendo o pé neles. Eu penso que dificilmente podes meter o pé en algo que resulta tan rechamante e desacougante, e non pode un deixar de preguntarse por quen tería a absurda idea de deixar estes regueiros polo medio da rúa. Con todo, se quitamos isto, seguramente Friburgo non sería Friburgo. Ou si? Que sería logo? Non se chamaría igual? De feito co mesmo nome hai outra grande cidade na Suíza. En definitiva: onde está a esencia de Friburgo? E xa postos, onde está a esencia do esencialismo?

Desde hai un tempo, os que quedaron no sitio bacante dos extinguidos “intelectuais” na Galiza, na procura do xeito de xustificar a súa deserción do país, a miúdo empregan esa acusación contra os que se resisten a traizoar a nación: son uns esencialistas. Isto lémbrame un artigo sobre interculturalidade en latinoamérica no que se fai unha defensa do esencialismo fronte a moda colonizadora de eliminar obstáculos á invasión cultural, económica e institucional euroamericana. Mágoa que non recorde o autor ou autora nin o título do libro. Só me sona que falaba do “esencialismo estratéxico”.

Para un europeo de esquerdas adestrado no antiesencialismo resultou moi chocante aquela lectura. Certo que da man de Enrique Dussel e Fornet Betancourt xa recibíramos unha dose de vacina antieurocéntrica suficiente para facernos perder a fe na Escola de Frankfurt, cando menos nos seus herdeiros.

Odiabamos a Heidegger porque odiábamos aos heideggerianos galegos e españois e non entendíamos que facía a esquerda existencialista francesa perdoándolle a vida ao Führer da filosofía europea do século XX. Era case instintivo, mais logo das lecturas que arrincan do “Asalto á razón” de Lukacs e rematan nos textos de Habermas, pasando pola “Xerga da autenticidade” de Adorno xa non quedaba ningunha dúbida. Agora ben, esta última obra citada xa nos dou que pensar: Até que punto esta tradición de pensamento europeo trata de reconstruír o kantismo que viña de desmantelar na “Dialéctica da ilustración”? Non vou entrar nas críticas do Heidegger histórico que nalgúns casos con maior ou menor fortuna quixeron tirar conclusións filosóficas como é o caso de Víctor Farías. Só na oportunidade da crítica á ontoloxía Heideggeriana e á ontoloxía en xeral para rescatar ao Kant no que bateran naqueles textos salvaxes escritos baixo a guerra contra o fascismo. Semella que co tempo a domesticación do pensamento frankfurtiano topou a coartada perfecta no antihedeggerianismo para irse acomodando ao abeiro do neoeurocentrismo relexitimado nos elevados valores abstractos da liberdade, democracia, diálogo, etc... e sobre todo, no “Estado de Benestar”.

Dinos Adorno: “As ontoloxías en Alemaña, sobre todo a heideggeriana, seguen aínda operando, sen que intimiden as pegadas do pasado político. A ontoloxía é entendida tacitamente como disposición a sancionar unha orde heterónoma, exento de xustificación ante a consciencia. O feito de que en instancias superiores semellantes explicacións sexan desmentidas como malentendido, desviacións cara ao óntico, carencia de radicalismo na pregunta, non fai senón fortalecer a dignidade do chamamento. A ontoloxía parece tanto máis numinosa canto menos pódese fixar a contidos determinados que permitirían picotear ao entendemento entremetido. A intanxibilidade convértese en incomprensibilidade. Quen rexeita a adhesión é sospeitoso de ser un tipo espiritualmente apátrida, sen fogar no ser, dun xeito non tan distinto a como outrora os idealistas Fichte e Schelling vilipendiaban a aqueles que se opoñían á súa metafísica. En todas as súas tendencias mutuamente hostís e excluíntes en canto versión falsa, a ontoloxía é apoloxética. Pero o seu efecto non se podería entender se non fixese fronte a unha necesidade perentoria, indicio de algo omitido, o anhelo de non terse que conformar co veredicto kantiano sobre o saber do absoluto”.

De acordo. Agora ben, xustifiquemos pois ante a consciencia só o visíbel, demos conta de comunicar cos interlocutores recoñecidos, conversemos sobre a axenda establecida, restrinxamos o discurso aos termos académicos consensuados. Escorrentemos o irracionalismo máxico dos que se abrazan como un cravo ardendo á súa identidade negada. E que queda?

Podo compartir plenamente a tradición crítica que desemboca na denuncia da ontoloxía heideggeriana como xustificación do reino inefábel no que só rexa a lei do máis forte. Un xeito de escorrer o vulto a hora de ter que dar conta dos propios actos ao diluír a responsabilidade nunha identidade metafísica. Mais non podo coincidir cos que se apoian nesa crítica para dinamitar a resistencia a ser invisibilizados, descatalogados e borrados do mapa ao tempo que se enxalza unha comunidade de diálogo tolerante e democrática no que todos falan en pé de igualdade mais na cal nós estamos ausentes, somos espectadores, somos consumidores, somos calquera cousa menos nós mesmos, porque non vaia ser que nos chamen esencialistas.


Poden bombardear a catedral e tapar as molestas canles que atravesan as rúas, poden demoler todas as súas Facultades e encher de Mcdonals todas as prazas, e para min Friburgo sempre será o lugar histórico no que o SER se encarnou en HITLER por obra e graza da filosofía, por moito que diga o fillo de Heidegger daquel acto que seu pai non era Nazi. Esa será para min a esencia desta cidade, unha esencia estratéxica, mais unha esencia do que nunca debeu ter acontecido. Como Núremberg terá o sentido contrario. O que fora escenario do “Trunfo da Vontade” de Leni Riefenstahl, a pesares de conservar un arume que explica a elección do partido Nazi para os seus espectáculos, agora está asociado cun intento de xulgar os crimes contra a humanidade, cando dificilmente se pode entender que isto sexa posíbel cando son seres humanos tamén quen isto xulga. Non se pode ser xuíz e parte. Mágoa que non haxa outra especie por riba de nós que sexa quen de impartir xustiza. Sobre todo para os que -como no noso caso- fomos/somos vencidos.

Os xuízos de Núremberg foron vinganza, non foron xustiza. Stalin era partidario de fusilalos sen tanta farsa. O xuízo contra Eichman en Xerusalén que foi mais que a vulneración de todo o dereito internacional para vingarse? O secuestro en Arxentina deste xenocida como se encaixa na parafernalia da administración de xustiza. Os vencedores poden recubrirse da teatralidade que lles conveña e meter baixo a alfombra o que lle afee a conduta. Castelao era partidario de mirar para outro lado durante un tempo para permitir que o pobo fixera xustiza ao xeito rosaliano e logo xa se miraría. O hipocrisía europeista nunca admitiría isto, pero faríao, e moito máis acentuado ao non admitilo. Canto máis se enxalza o seu luminoso Estado de Dereito, máis se amplía o foxo no que as cousas se fan fóra da vista, e sobre todo, da palabra. Desas cousas non se fala, fanse e punto. Sobre isto non se acordan de Hannah Arendt e da súa denuncia de como nos países occidentais se engordaban uns servizos secretos que cada vez quedaban máis fóra do control democrático. Póñenlle unha rúa en Berlín á beira do amplo monumento aos xudeus asasinados na Europa, mais só se acordan desta xudía para reforzar o relato dos irmáns xemelgos (Hitler e Stalin) como causantes da II Guerra Mundial exculpándose todos os demais imperialismos da súa responsabilidade, e mesmo exculpando ao propio imperialismo en si. Algo que Arendt non fai no seu “Orixe do totalitarismo”.

Quizais Europa quedaría coa conciencia máis tranquila se ao fin todas as culpas dos crimes que se cometen no mundo recaeran no esencialismo en si. Mais seguramente serían imposíbel de comprender ningún deles sen desentrañar os intereses que se ocultan, efectivamente, detrás dalgúns esencialismos, mais tamén dalgúns antiesencialismos. As esencias non matan. Non hai “identidades asasinas” (arremedando a Amin Maalouf) pero si hai quen se acocha en determinadas identidades para asasinar. E segundo como estean construídas estas identidades máis posibilidades hai de saír impunes, e nesta arte de eximirse de responsabilidades, na Europa a cousa está moi perfeccionada, e tamén é certo: canto menos posibilidades haxa do castigo ou censura social, máis marxe queda para a barbarie. E en Alemaña tomamos conciencia de que baixo este manto de civilización luminosa acochase un monstro escuro. E unha vez pasa, pero a próxima volta que ceiben á besta non pode collernos descoidados.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña