03:25 Luns, 28 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-10-2014

Illa estratéxica a carón de Soutomaior, pretendida por Isabel a Católica, na que tamén, no 1589, pousa o mesmísimo Drake

Unha lección útil: a Illa de San Simón

Valorar (19)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



A Estación Marítima de Vigo é punto de partida para varias  xeiras de horas que poden mergullarnos nunha antoloxía da Historia de Galiza: as illas Cíes, as de Ons, o Morrazo ou Rande, coa baía e as Illas de San Simón e San Antón. Hai varias navieiras que ofrecen os seus programas e poñen a proba que a paisaxe, a cultura e a historia “venden”. Boa época é o tempo outonal ou primaveral, fora das marabuntas turísticas. Unha viaxe para nós, cando o ceo ofrece esas gamas grises ou ouridouradas en degradacións de ondas, que tan ben interpretou o pintor Lodeiro ou interpreta o pintor Sobral. Mesmo si chove, entenderiamos  as pingas como bágoas. Escolleremos hoxe Rande e a “Illa do Pensamento” que é S. Simón.

Iso sí, na viaxe “enchufarannos” á voz dun ou dunha guía ou mesmo dun actor que escenificará o pasado, o que a aguda sensibilidade dos viaxeiros saberá interpretar, no referido ó idioma, ó acento e mesmo ás explicacións, escamoteando ou floreando datos.

Deixamos o porto e nel a escultura do “Escarallado” de Paco Leiro, un home partido e esnaquizado contra o chan. Estación Marítima con tantas historias de despedidas e arribadas e sobre ela Vigo, coa súa pantalla gris de edificios, nada que ver con aquela silueta tras a bandeira que era o emblema da “Suevia Films” de Cesáreo González. Xa non asoma o monte do Castro, soamente unha masa de construcións que tapona os floreados edificios modernistas. E preguntámonos por qué a sensibilidade dos arquitectos e as ordenanzas municipais censuran as cores que levamos no espírito en toda a franxa atlántica occidental. A imaxe da Galiza imponse agora de cemento e triste, pese a que existen intentos por fraccionar os bloques en alturas, en darlle movemento en planta ou aplicando unha “paleta” de cores recreando sobre tradicións.

Pola banda  de babor ollamos o Morrazo: Cangas, a praia de Rodeira e das meigas de Coiro; Moaña sobre a que culmina,  cribado de antenas,  o Monte Xaxán. Pola banda de estribor  enxergamos o barrio de Teis, proletario e contestatario, escola de activistas, entre as glorias os fracasos de industrias do mar, “Vulcano”, “Ascon”, “Rodman”, “Viera”, “Pescanova”... e o Monte e o Santuario da Guía, construído no 1951 seguindo os planos do arquitecto galeguista  Manuel Gómez Román,  tras un proxecto non realizado de Antonio Palacios para un colosal templo. Na Punta Castiñeira os peiraos de pedra gra, cos bloques dispostos ó embarque, os máis de Porriño. Arqueoloxía industrial, estruturas enferruxadas: a “Fábrica do Alemán”, que naceu como conserveira, para ser adquirida no 1945 polo alemán Otto Gerdtzen, e ocultar negocios do volframio. Partes rehabilitadas  que serven hoxe como Centro de Interpretación da Batalla de Rande. Punto onde o guía porá énfase no episodio  do 1702, da “Guerra de Sucesión” , o encontro entre a flota franco-española, cargada e disposta ó desembarco do ouro das américas, e a inimiga anglo-holandesa. Algúns tesouros desembarcáronse e saíron en carros, mais antes de entregar o resto queimaron e afundíronse os barcos. A partir de tal historia o mito asolaga o lugar, o mesmísimo bretón Xulio Verne ven na súa goleta a Vigo, escoita e inspirase para “XX leguas de Viaxe submarino”: O capitán Nemo faise co tesouro que lle permite sufragar o seu periplo... Buscatesouros, como o holandes Robert Stenuit nos anos cincuenta pasaron meses buscando os galeóns, seguido de expedicións que continúan. Escoitando estas pasamos baixo o viaduto atirantado de Rande, atrevida obra dos anos setenta para a autopista do atlántico, deseñada polos enxeñeiros Fabrizio de Miranda, Alfredo Passaro e Florencio del Pozo. No arranque da banda do Morrazo, na Punta do Aradoiro, destruíu un poboado de fundidores da Idade do Bronce. Entorno no que as bateas de mexillóns organízanse e permiten explicar o marisqueo, preto os fermosos núcleos de San Adrián e Santa Cristina de Cobres e pola banda de Redondela, Cesantes, onde na Portela asoma a cheminea do que foi o IME, (Industria Metalífera Española) . “Mar de dentro” con  lendas da “Coca”, un monstro vencido e celebrado en danzas medievais e gremiais polos mariñeiros de Redondela. Sobre o devandito aquece a lectura de “Sal, sardiñas e peiraos” do historiador redondelán Alberte Román Losada.

Estatua do Capitán Nemo na Illa de San Simón

E xa o nostálxico arquipélago formado polas illas de San Simón e San Antón. Os eucaliptos, o buxo, os tileiros, as camelias.... verde que clama esperanzas. Quizais no futuro restos arqueolóxicos proben a existencia dun hábitat mariñeiro romano ou anterior, como pasa en toda a beiramar. Quizais no medievo un santuario cristianizaría máis vellos cultos, logo refeito  por templarios, pascualinos, bieitos e franciscanos, baixo a advocación dun apóstolo mariñeiro, San Simón. Ó desembarcar recíbenos unha  escultura da autoría de Manuel Ferreiro Badía dedicada ós tres trobeiros do Mar de Vigo do século XIII, Martín Codax, Xohan de Cangas e Meendinho, aquel que nos conta como a namorada agarda polo amigo que non ven, namentres sobe a maré e o desespero, “Non ei barqueiro, nen remador/morrerei fermosa no mar maior/ eu atendendo ao meu amigo...”     

Illa estratéxica a carón de Soutomaior, pretendida por Isabel a Católica, na que tamén, no 1589, pousa o mesmísimo Drake. De 1827 a 1927 servirá como modélico lazareto, encargaráselle o proxecto de urbanización ó arquitecto de sensibilidade neoclásica Alejo Andrade Yañez, autor tamén na Coruña da antolóxica Capela do Cemiterio do Santo Amaro, do que queda a pontillón coas dúas portas que une ou separa San Simón de San Antón. Lugar pras corentenas dos contaminados que arriban, como en 1898, despois da perda das colonias, de Filipinas, de Cuba... Tristes páxinas con historias de monxas, sacerdotes, médicos e as súas familias contaminadas e enterrados entre a cuadrícula dos paredóns do cemiterio. Peores aínda as páxinas que seguen a outubro do 1936, cando o golpe militar franquista contra o goberno democrático da república, guerra civil, invasión, xenocidio... - aínda o nome da contenda está por determinar - fai que a Illa de San Simón pase a ser cadea e campo de concentración para republicanos e nacionalistas . Nos paredóns do cemiterio unha inscrición lembra ós mortos pola liberdade. O que foi hospital do lazareto, serviu de cuartel e nel hoxe está o Centro de Interpretación e Documentación, que a máis de recoller canto se refira a tal historia, ofrece un pequeno espazo expositivo. Mesmo a partires do 1938, inzada de presos, atraca na illa o buque-prisión  Upo-Mendi para complementar a súa misión. Na parte alta a capela  do século XIX, arredor da que se atoparon enterramentos medievais, coa imaxe sen mans do santo titular entre o albaialde veneciano. Os diferentes pavillóns que acolleron ós penados, condenados a construír valados e camiños, como o paseo de “Teruel” , tal como lembra, en homenaxe á resistencia do exército popular, un gravado no muro. O espazo que hoxe é cafetería-restaurante, acristalado, mantén aspectos orixinarios, como as galerías, tramos abaldosados do piso da que foi cociña e na que na noite se acollían a quente os anciáns castigados. Así até 1943.

Novas esculturas queren redimir pecados, obras de creadores como Coia, Manolo Paz, Silverio Rivas, Remiseiro, Lombera ou  Xurxo Barbie. Aínda queda moito por saber e contar para non repetir as historias de odio e vinganza. Hai testemuños publicados: “Cardume” de Rexina Vega; “Catro anos a bordo dunha Illa” de Evaristo A. Mosquera;  “Pontevedra nos anos do medo” de Xosé Álvarez Castro; “Noites de voraces sombras”  de Agustín García Paz; “Aillados, aillados:a memoria dos presos de 1936 na Illa de S.Simón” de Antonio Caeiro, X. González e Clara de Sad; “Episodios de Terror durante a Guerra Civil na Provincia de Pontevedra. A illa de S.Simón”” de Gonzalo Amoedo e Roberto Gil Moure; “Escapado: do Monte Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón” de Luis Lamela García; “A memoria e o esquecemento” de González Amoedo López  ou “O Lápiz do Carpinteiro”  de Manuel Rivas, recollendo as testemuñas de Chonchiña de Comesaña e que Antón Reixa levou ó cine; mesmo aquí ambiéntase a novela “Erec y Enide” de Manuel Vázquez Montalban.

Dende 1947 a illa servirá de Albergue Nacional, para a Garda de Franco, até que unha traxedia remata con esta dedicación o 22 de agosto do 1950, motivada polo afundimento da lancha “Monchita” na que volvían de festa e na que morreron 43 persoas. Sobre os cons das Cobreiras, sempre con corvos mariños, un cruceiro lembra o drama. Dende 1955 a 1963 a illa será “Fogar Mendez Nuñez”  para nenos orfos de mariñeiro. A partir de entón o abandono, o espolio e a vexetación apodéranse das illas, até que a partires de 1997 a Xunta de Galicia declara o lugar como Ben de Interese Cultural, encargando o proxecto rehabilitador ó arquitecto César Portela, que remata no 2005 para ser xestionada pola “Fundación Illa de San Simón” que vela polo seu interese ecolóxico, histórico e cultural.

No areal que mira a Cesantes erguese o monumento de Serxio Portela e Moncho Lastra ó Capitán Nemo, entre dous mergulladores con cada seu escafandro e que as marés cobren no seu devalar. Historias asolagadas.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña