10:11 Mércores, 23 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-10-2014

Alguén ten especial interese en nos convencer de que todas as persoas que se dedican á política son corruptas en potencia

Da corrupción e os corruptos

Valorar (34)

MARICA CAMPO



Alguén ten especial interese en nos convencer de que todas as persoas que se dedican á política son corruptas en potencia. Bañados no poder, como Sigfrido no sangue do dragón, seica deveñen inmunes ao respecto polos cartos públicos e aínda polos privados. E non é para que pensemos que “mal de moitos, consolo de bobos”, senón porque convén que nos persuadamos de que, en sendo todos iguais, a da honradez non é calidade que se teña que ponderar á hora de emitir o voto. É máis, para quen aspire a parcialidades, nada mellor que confiar en xentes de venalidade probada.

Así sucede que os titulares de certa prensa poñen a igual nivel auténticas mafias e pequenas corruptelas, como se fosen o mesmo. E que conste que sei ben que todo é comezar porque, como sempre nos recordaba meu pai, qui vole un oeuf vole un boeuf (o que rouba un ovo, rouba un boi). Mais o caso é que despois, na letra pequena, comprobamos a maior parte das veces até que punto nos queren confundir. Isto sérvelles  aos que toleran o lixo na casa e intentan ocultalo baixo da alfombra e aos que, considerándose os puros, engloban a todos os demais no cualificativo de casta.

Cómpre, xa que logo, non só esa tolerancia cero nas nosas filas, senón unha belixerancia practicante contra os que queren facer das mentiras repetidas verdades universais. Non é doado. A filtración de sumarios nos que semellan ter a mesma entidade feitos e probas que comentarios gratuítos, en nada axuda a distinguir o lixo da limpeza.

Polo que toca ao tráfico de influencias, supoño que habería moito que matizar. O mesmo que nos imos educando paulatinamente na práctica da igualdade entre homes e mulleres, adquirindo unha sensibilidade que antes non tiñamos, tamén precisamos facelo neste sentido. Vimos duns tempos en que a xente prefería ir ao exame de oposicións sen bolígrafo que sen recomendación. Dábase a circunstancia de que, persoas inimigas destas prácticas, tiñan que buscar influencias simplemente para pedir que non lles pasasen por diante aspirantes con menos merecementos polo simple feito de contaren con “padriño”. Neste sentido, podería relatar moitos feitos, mais non é aquí o lugar. En todo caso, se non tivesen prescrito xa bastantes destes delitos, ben sabemos que a algúns non lles chegarían sete vidas para pasalas no cárcere. Por iso é difícil de entender que unha simple chamada procurando un emprego para alguén, vista no contexto en que se produciu, poda ter as mesmas consecuencias que a compra e venda de favores. Porén, repito, é preciso  que adquiramos unha sensibilidade nova neste eido.

Mentres a xustiza ten o ollo posto en Vendex e todas os Pokemons que van xurdindo –cousa que, ademais de corresponderlle por xusta, me parece necesaria- outra empresa, quizais sen aqueles métodos delituosos, está a se facer con moitas contratas, grandes ou pequenas, de organismos públicos. Se cadra só as obteñen porque alguén quere  compracer a quen manda, mesmo sen que este o pida, ligado familiarmente á xerencia da tal empresa. Porén, deberían investigar estas adxudicacións para que, andando o tempo, non volvamos ao punto de partida e haxa, aínda que con outro nome, un macroproceso que demostre que a vida segue igual.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña