18:22 Sabado, 16 de Xaneiro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-10-2014

Detrás desta lamentábel acción de opresión do poder desmesurado contra o débil encóntrase o Estado que propicia tales inxustizas

Lei, forzas, corpos e inxustiza ao servizo da usura

Valorar (14)

EDUARDO ÁLVAREZ


Fotografía de Xoán A. Soler


Temos un verbo en galego, que non sei se existe noutras linguas, para referírmonos á acción do abandono do seu niño polos paxaros en cría porque algún desalmado lles anda nel. Este verbo é asañar, que, segundo os dicionarios, significa abandonar un paxaro [o niño, os ovos] por lle andaren neles, por estar continuamente asexándoo, etc. Na miña infancia, os nenos estabamos concienciados de que non se podían tocar nin os niños nin os ovos nin as crías para que non fosen estoxados. Con todo, a crueldade tamén se manifestaba e, ás veces, algún pérfido arramplaba cos ovos e mais co propio niño para compracerse cos píos doridos dos paxaros. Nestes casos actuaba a saña e quen así se comportaba ensañábase con crueldade facendo  dano.

Cando o pasado 19 de setembro se produciu o asañamento de cinco persoas da súa vivenda no barrio compostelán de Aríns, regresou á miña memoria algún daqueles actos despiadados da infancia cometidos contra paxaros e mais as súas crías. Mans desalmadas das Forzas cos seus Corpos perfectamente dotados de aparellos represores conseguiron escorrentar do niño, que eles mesmos construíran durante anos co seu traballo, os membros dunha familia composta por un matrimonio en paro, dous fillos e unha persoa maior de mobilidade reducida.

As imaxes son dabondo elocuentes: a humilde casa aínda sen rematar, a expresión de angustia dos que se quedan sen ela, a ostentación da forza bruta e desalmada dos executores do desaloxamento e, finalmente, a humillación de quen se atreve a defender o débil, que ten literalmente que morder a lama oprimido por tres policías con pistolas e porras ao cinto, botas de media cana, escafandros e cascos protectores, luvas de coiro e de tecido, xeonlleiras nas perneiras do pantalón, aparellos electrónicos de comunicación co mando e chaquetas impermeábeis lucindo no ombreiro a bandeira do España. Os seus uniformes conseguiron saíren impolutos en semellante acto de defensa do “Estado social e democrático de Dereito, que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico a liberdade, a xustiza, a igualdade…”, porque os robustos axentes tiveron coidado de apoiar o peso dos seus corpos, mentres inmobilizan a súa presa, no propio lombo do solidario mozo e non na mesma lama que este é obrigado a chuchar, para evitar que se lles luxasen os pantalóns.

Fotografía de Xoán A. Soler

Detrás desta lamentábel acción de opresión do poder desmesurado contra o débil encóntrase o Estado que propicia tales inxustizas: unhas leis que o permiten, uns notarios que incumpren o seu deber de asesorar as partes cando outorgan unha escritura pública e mais uns xuíces que, facendo honra á personificación alegórica da primeira das virtudes sociais, aplican determinadas normas xurídicas cos ollos pechados sen teren en conta as circunstancias sociais. Existe no Código civil español (artigos 1507 e seguintes) unha figura denominada retracto convencional ou tamén venda con pacto de retro, que consiste en que o vendedor, durante un tempo, se reserva o dereito de volver comprar o vendido a cambio dun prezo que lle satisfai o comprador. ¿Que sentido ten vender algo para, posteriormente, recompralo pagando, ademais do prezo, os gastos do contrato e os impostos xerados nestas dúas compras? Certamente, non ten ningún sentido, se non se entende esta figura xurídica como unha tapadeira dunha operación de préstamo usurario. E isto foi o que lle sucedeu á familia de Compostela expulsada violentamente da súa vivenda: viuse afogada por unha débeda cun banco e acudiu a un desalmado comprador-prestamista que lle ofreceu unha cantidade a cambio da subscrición da institución xurídica do retracto convencional. E chegado o momento, esta familia non foi quen tampouco de recuperar a casa, que ficou definitivamente en poder do usurario en virtude do contrato asinado.

¿Ten algún sentido actualmente a subsistencia desta figura xurídica? Evidentemente, non se entende que no actual tráfico económico perdure o que en realidade esconde, baixo a aparencia da liberdade de contratación, a descarnada usura, práctica xa desterrada do ordenamento xurídico xa hai máis de cen anos, desde que a Lei de 23 de xullo de 1908, da Usura, recoñecese no seu artigo primeiro que será nulo todo contrato de préstamo en que se estipule un interese notabelmente superior ao normal do diñeiro e manifestamente desproporcionado coas circunstancias do caso ou en condicións tales que resulte aquel leonino, habendo motivos para estimar que foi aceptado polo prestatario por mor da súa situación angustiosa, da súa inexperiencia ou do limitado das súas facultades mentais.

¿E que dicir daqueles xuíces que lle deron a razón a este comprador baixo a forma de retracto convencional ignorando a inxustiza de tal feito? ¿Ou será culpábel o avogado que non soubo alegar os presupostos de feito e as consecuencias xurídicas aplicábeis a estes casos? A vella lei da represión da usura, máis coñecida como Lei Azcárate, o apelido do seu impulsor, o krausista Gumersindo Azcárate, polo seu carácter protector é aplicábel a todas aquelas operacións con repercusións financeiras nas que exista unha grande desproporción nas prestacións estabelecidas entre o acredor e o debedor, consista ou non a operación nun préstamo en sentido estrito. Así o artigo 9º desa lei engade: O disposto por esta Lei aplicarase a toda operación substancialmente equivalente a un préstamo de diñeiro, calquera que sexan a forma que revista o contrato e a garantía que para o seu cumprimento se ofrecese. Existe desde xa hai moito tempo xurisprudencia consolidade neste sentido. Así, o Tribunal Supremo desde a súa primeira sentenza de 26 de outubro de 1912 vén reiterando a nulidade de contratos como este con base no disposto no artigo primeiro da devandita Lei de represión da usura. E a mesma sala do Tribunal Supremo recoñece, na sentenza de 25 de outubro de 1924, que “de cantos contratos que regula o dereito civil, ningún ofrece maiores posibilidades que o de compravenda con pacto de retracto para encubrir con fraude as prohibicións da devandita lei [da usura], razón pola que está condenado en absoluto na lexislación en Portugal…” Pasaron exactamente noventa anos desde que o Tribunal Supremo emitise estas palabras e hoxe segue campando a mesma figura xurídica. ¿Non procedería xa unha iniciativa lexislativa para desterrar definitivamente do Dereito o chamado retracto convencional?

Mais, este niño quedou estoxado e os pérfidos executores de tan vil acción fican satisfeitos do cumprimento do seu deber de servir sobradamente o Estado de dereito sen preocupárense dos chirlos conmovedores dos asañados de Aríns e doutros moitos lugares.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña