06:30 Sabado, 23 de Febreiro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-09-2014

Medra a polarización entre ricos e pobres

Máis desigualdade

Valorar (12)

XOÁN COLAZO PAZÓ



As diferenzas sociais son a cada volta maiores. Nos últimos anos estamos a vivir importantes trocos nas condicións materiais de vida das persoas, cunha clara tendencia ao empeoramento para amplas capas sociais –a maioría do noso pobo- e pola contra unha mellora da posición da minoría máis rica, que no conxunto aumenta no seu volume de recursos e riqueza e no seu número de compoñentes, malia ao que, necesariamente, segue a ser unha mínima minoría. Podemos intuír isto en múltiples aspectos da vida cotiá, pois aínda que a pobreza tende a ocultarse énos ben doado ver exemplos na nosa contorna inmediata de persoas que teñen que acudir aos bancos de alimentos para subsistir, como se deixa de consumir produtos que non sexan de primeira necesidade, como se restrinxen todo tipo de gastos, como ten descendido o noso poder adquisitivo por baixadas mesmo nos salarios reais, como unha millenta de xente non dá pagado mes a mes as cotas da hipoteca ou a factura da luz,... Ao tempo, intuímos tamén que aumentou en poucos anos o consumo de bens de luxo e que convivimos neste país –aínda que non accedamos aos seus exclusivos pazos- con persoas cada vez máis podres de cartos.

Que hai de certo nestas sensacións que podemos ter? É a realidade social así? Certamente este non é un tema do gusto de quen quere marcar a axenda política, nin tampouco se reflicte obxectivamente nos medios de comunicación de masas. Pero a pouco que procuremos, os dados científicos están aí, avalando esa percepción de que falabamos. A desigualdade medrou ostensibelmente no último lustro. A pobreza xeneralízase para amplos sectores da sociedade. E uns poucos son cada vez máis ricos e poden vivir a todo tren. Mesmo os dados de organismos oficiais reflicten isto, por moito que non lles dean moita publicidade nin teñan moito interese en facer medicións deste tipo. Imos basearnos nos indicadores de natureza económica, que son os que logo van influír no resto de variábeis sociais do noso pobo, xa que unha merma nas condicións económicas inflúe de xeito directo en cuestión como saúde, educación, exclusión, acceso á cultura, ocio, emigración, criminalidade, etc. Vexamos.

O coeficiente de Gini é o mellor medidor da desigualdade dentro dunha poboación, xa que analisa como se concentra a distribución de rendas nun colectivo, sendo 0 a igualdade absoluta (todas as persoas teñen a mesma renda; a renda dun país se distribúe equitativamente entre toda a súa poboación) e 100 a desigualdade máxima (unha soa persoa acapara toda a renda mentres que o resto das persoas non teñen nada). Galiza tiña un coeficiente en 2007 de 27,5 e en 2012 era xa de 28,3, co cal empeorou a distribución da renda, isto é, aumentou a desigualdade. A maior parte da renda pasou a estar en menos mans, empobrecéndose a maioría social. No Estado Español pasouse tamén do 31,3 ao 35 neses mesmos anos, empeorando a situación e converténdose no segundo país máis desigual da UE. Un país europeo non integrado na UE é o que mellor coeficiente de Gini presenta: Noruega, cun 22,7 en 2012, é onde a riqueza está mellor distribuída. Porén, non existe unha correlación entre nivel de renda e a distribución da riqueza, xa que independentemente do nivel de renda esta pode distribuírse entre a súa poboación de moi diferentes maneiras, con maior ou menor xustiza e equidade social dependendo de factores culturais, históricos e evidentemente políticos e derivados das decisións dos aparellos de Estado. O que está claro é que Galiza camiña a marchas forzadas cara unha maior desigualdade por decisión de quen está a gobernar a crise.

O coeficiente de Gini mide a desigualdade en abstracto, pero hai indicadores menores que nos axudan a explicar e a ter coñecemento das causas e consecuencias que esa desigualdade significa. A comparativa entre os anos 2007 e 2012 devólvenos unha tendencia ben expresiva. Por exemplo reflicte unha baixada dos custos laborais e unha evolución negativa nos últimos anos das rendas salariais reais, e iso que os salarios en Galiza son historicamente dos máis reducidos do Estado. O indicador de “salarios baixos”, isto é, aqueles que son un 66% menores cá mediana pasaron de ser o 8,2% do total en 2006 a ser o 10,5% en 2010, aumentando case un terzo. Mentres, na UE permaneceron practicamente iguais, e en países do noso tamaño (pero máis soberanos) como Bélxica ou Dinamarca mesmo baixou a porcentaxe de salarios baixos (6,3% e 7,7% respectivamente), ao igual ca Franza. Pola súa banda houbo unha continua queda do ingreso medio mensual nos fogares galegos (2.026 € en 2007 até 1.906€ en 2012). A composición dos ingresos dos fogares pasou nestes mesmos anos a ver como baixaba a participación dos procedentes dos traballadores por conta allea e propia (caídas de 7 e 3 puntos respectivamente) en favor das prestacións (aumento de 9 puntos) e das rendas (máis de medio punto), e esta brutal variación cualitativa deuse en tan só cinco anos. Os fogares cuxa principal fonte de ingreso proviña do traballo baixaron entre 2007 e 2012 dende o 61,7% até o 53,1 %, e equiparáronse case por igual cós fogares que tiñan nas prestacións o principal ingreso (medrou do 37,1% ao 45,2%). Se menos xente traballa e recibe menores salarios haberá un empobrecemento xeneralizado do conxunto da clase traballadora, e aumentará a desigualdade.

A taxa de risco de pobreza entre 2007 e 2012 aumentou do 14,63% do total da poboación galega até o 16,45%, e iso malia que os ingresos para considerar que se baixa do limiar de pobreza diminuíron neses anos de 603 € a 589 €. A taxa de exclusión social, segundo os criterios da Estratexia Europa 2020, aumentou en tan só un ano do 22,1 de 2011 a 23,6 en 2012. Esta taxa mide os ingresos das unidades de consumo menores nun 60% da mediana, as carencias materiais severas e as persoas entre 0 e 59 anos que viven en fogares sen ingresos de traballo ou aquelas entre 18 e 59 anos que traballaron menos do 20% dos días en que podería telo feito. Amais, o desfase relativo das rendas baixas respecto do limiar de risco de pobreza aumentou do 18,7% en 2007 ao 24,7% en 2012, é dicir, o conxunto das persoas pobres están cada volta máis afundidas na pobreza, porque están máis afastadas do limiar de risco.

Outro bo indicador do deterioramento do grao de igualdade existente en Galiza vese na chamada Distribución da renda S80/S20, que pasou entre 2007 e 2012 do 4,1 ao 4,5. Isto indícanos que en 5 anos os ingresos medios da quinta parte dos galegos e galegas máis ricos pasaron de ser 4 veces máis do que ingresa a quinta parte dos máis pobres a ser 4,5 veces maior. Un aumento considerábel en tan poucos anos.

Os dados amosan unha rápida tendencia a agravarse as desigualdades sociais e económicas en Galiza nestes últimos anos de crise. Na raíz desta realidade está a posición de forza que ten o mundo do capital en relación ao traballo, ao acadar que –no noso contexto- as grandes superestruturas da UE, Estado Español e Xunta de Galiza adopten medidas que os favorecen no curto e no longo prazo. Así, unha pequena porcentaxe da poboación vive cada vez mellor, instalada no luxo e na riqueza, para o cal é preciso que inmensas masas de poboación se empobrezan. O pobo traballador perdeu dereitos e condicións materiais de vida en moi breve espazo de tempo. A desigualdade aumenta e camiñamos cara unha Galiza moito máis desigual e inxusta. Amais fallan mecanismos de solidariedade, e non posuírmos soberanía para que un aparello de estado faga outro tipo de políticas que puideran non só aumentar a renda do país, senón redistribuír esa riqueza a prol da clase traballadora. Dende logo este non é o presente e o futuro que queremos.



[08-09-2014 19:23] Xulio Fernández Hermida comentou:

O sistema capitalista, co seu sistema de préstamos con intereses metido en todo o que facemos, crea intrísecamente unha tendencia á acumulación de capital nas mans duns poucos.
Esta tendencia é tan forte que esa acumulación dase con independencia do poder político que goberne.
E ese poder económico é tan forte, que acaba imbricado co poder político (tamén co xudicial). Funciona dende a sombra, e usa os medios de comunicación de masas con perfecta maestria.
Así é que nos imos organizando como sociedade. E o intentar romper o sistema só nos leva a enfrontamentos e sufrimentos entre esa población mais pobre. Recordemos que eles manexan os medios (saben facelo pois levan toda a vida facéndoo).

A esperanza a teño nun aumento xeral do nivel de conciencia (de todos, pobres e ricos) que nos leve a darnos conta de que so conseguimos unha mellora social cando se rebaixan as desigualdades. E todos podemos facer moito nese aspecto.
Non é cuestión de quitar diñeiro ós mais ricos e pasarllo ós mais pobres (e os do medio non temos nada que facer). Non, esto non duraría no tempo si todos nos mantemos buscando a diferencia cos demáis. Só si todos buscamos a igualdade poderemos chegar a ela; e ainda así haberá diferencias.

Un saúdo

[08-09-2014 17:43] Bernardo Carpente comentou:

Entâo, estamos a tocar fondo e seguemos a escarvar

ou A vida é unha merda e logo será coprólito

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña