01:09 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-09-2014

Pensei que isto era unha lenda produto da fantasía dun pobo que vive pegado ao mar, mais, moitos anos despois, descubrín o enganado que estaba

O submarino alemán U-46 que navegaba pola Mariña

Valorar (19)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



No meu concello de Foz relatáronme unha lenda da que era protagonista don Manuel Lugilde Penelas (mestre en Foz entre 1921 e 1948). Este home, o maior dinamizador da cultura focega da primeira metade do XX, presumía de ter na súa casa un aparador feito con madeiras procedentes dun barco de Noruega afundido por un submarino alemán. Sempre pensei que isto era unha lenda produto da fantasía dun pobo que vive pegado ao mar, mais, moitos anos despois, descubrín o enganado que estaba.                    

Neste ano conmemoramos o centenario do comezo da Primeira Guerra Mundial ( 1914 – 1919) que arrasou Europa e mudou para sempre as antigas fronteiras deste continente. A historia oficial contábanos que España permanecera neutral nesta guerra e é certo, pero iso non quere dicir que as parroquias costeiras da provincia de Lugo, de igual maneira que acontecía no resto das costas galegas, non sentisen de preto os combates navais que tiveron lugar nas nosas costas.                          

O mar, que é moito máis sabio ca nós, encargouse de ir soltando pezas que gardaba no seu fondo para que puidésemos conmemorar este centenario da Primeira Guerra Mundial. Así podíamos ler no periódico “El Progreso” (03/08/2013) como o periodista Xosé Cora atopaba na praia da Limosna (San Cibrao, Cervo) unha prancha de gutapercha. Este material era un tipo de goma moi semellante ao caucho que se fabricara na illa de Xava dende mediados do XIX ata principios do XX.  A pregunta que xurde inmediatamente é a de ¿cómo chegou ata San Cibrao?. No artigo barallábanse dúas hipóteses: A primeira situaba como orixe destas pranchas o emblemático Titanic. A segunda, tal vez máis realista, coidaba posible que as pranchas saísen dun barco afundido durante as campañas navais da primeira Guerra Mundial.                      

Por se este achado non fose suficiente o 6 de xuño do 2014 coñecíamos a noticia de que na praia Do Torno (San Cibrao, Cervo), e despois dunha operación de limpeza levada a cabo por alumnos do Colexio Número 1 de Cervo e voluntarios da Iniciativa Medioambiental Colle 3, aparecía unha medalla militar. Condecoración que a mariña mercante inglesa outorgaba a todo mariñeiro que estivese máis de seis meses servindo baixo as súas ordes. Na medalla podíase ler no reverso o nome Manuel Fernández, mais non se menciona país algún, o que fixo pensar na posibilidade de que fose súbdito británico.                  

Durante a Primeira Guerra Mundial os barcos aliados sufriron os ataques de barcos corsarios alemáns en primeiro momento e posteriormente os de submarinos. Se tivésemos que mencionar un submarino que destacase sobre os demais deberíamos de falar do U – 46. Este foi modelo fora construído no estaleiro Kaise Liche Werft, situado na cidade de Danzing, sendo botado ao mar no mes de maio de 1915. Comandantes do citado submarino foron Leo Hillebran, que será substituído no cargo no mes de decembro de 1916 por Alfred Saawächter, quen exerceu o seu cargo ata o 15 de xaneiro de 1917.                    

O submarino U-46 acabará sendo vendido por Alemaña ao exército xaponés no ano 1918 manténdose en activo ata 1920.                          

Este submarino tivo as súas andanzas na costa cantábrica, a el atribúense varios afundimentos de barcos en Asturias, Santander ou Bilbao. A costa lucense tamén sufrirá os ataques deste submarino alemán e así temos a primeira constancia dos seus ataques grazas a un artigo que aparece publicado no periódico “El Progreso” (31 decembro 1916), titulado Un submarino en Vivero. Neste artigo dáse conta da chegada a San Cibrao de “varios náufragos pertenecientes a las dotaciones de buques hundidos por un submarino alemán”, en concreto eran os tripulantes do buque inglés Aislabee. Este barco tiña unha tripulación de 23 homes, dos que 22 puideron ser recollidos para ser, posteriormente, trasladados ata o Ferrol. O citado buque realizaba a travesía entre Lisboa e Bilbao cunha carga de carbón. O protocolo de actuación por parte do submarino era o seguinte: primeiro aproximábase ao buque ordenando o desaloxo e transbordo da tripulación a un pesqueiro, unha vez realizado todo isto os alemáns colocaron bombas a bordo que ao estalar afundiron o buque inglés. Os tripulantes foron obrigados a permanecer máis de dúas horas en botes ata que os deixaron marchar cara San Cibrao, non así o capitán do Aislabee, que foi encarcerado dentro do submarino. Non era este un caso aislado, pois segundo contan no citado artigo “también fueron echados a pique a inmediaciones de Vivero por otro submarino alemán la goleta francesa María Rosa y el bou de la misma nacionalidad Golf. Lo tripulantes de estos barcos son 20”.

O periódico La Correspondencia de España, nunha noticia que saía o 1 de xaneiro de 1917, dábanos conta do afundimento do vapor danés Danmark. E do veleiro inglés Aderis, ambos foran torpedeado en augas próximas a Viveiro. Os tripulantes de ambas naves serán salvados e  levados ata o porto de Ferrol. Sabemos que o Dankmark saía de Tunez con dirección a Leim cargado de cobre, pero o día 31 de decembro, ás 12 do mediodía, foron abordados polo submarino alemán e tras ser desembarcada a tripulación do buque danés “inmediatamente y también con un par de bombas fue hundio el vapor, mientras sus tripulantes se dirigían a Vivero”. Segundo un artigo que publicaba “El Progreso” (1/1/1917) o Dankmark fora afundido preto da illa Coelleira e fora presenciado “por marineros del puerto de Vivero que auxiliaron a los náufragos”. Dous días antes o veleiro inglés Henry W. Adams fora afundido “á la altura de la Estaca de Vares” polo mesmo submarino que estamos a seguir. Nestas datas foi atacada e afundida a 17 millas do porto de Viveiro a fragata inglesa Nova Escocia, a tripulación deste barco chegaba ao citado porto o día 2 de xaneiro de 1917, segundo nos conta o periódico El Imparcial (2/1/1917) o capitán da fragata, míster Robinson, estivera preso dentro do submarino ata que o deixaron libre xuntamente co resto da tripulación, “dicen los tripulantes que momentos después de desembarcar el capitán los alemanes hundieron la fragata”.                        

Pero non só chegaron ás nosas costas tripulantes de barcos afundidos senón que tamén chegaron mariños alemáns do propio U-46. Así no periódico “El Progreso”(6/1/1917) aparece un artigo titulado “Los submarinos alemanes en nuestras costas. El U46 no fué hundido”, segundo o citado artigo o día 31 de decembro de 1916 chegaban a unha praia de Burela catro tripulantes e un oficial do famoso submarino. Sóubose que eran do U46 porque o cadelo que os acompañaba levaba no colar o distintivo do submarino. Nun primeiro momento pensouse que o submarino fora afundido por un destrutor inglés que andaba pola zona, posteriormente chegouse a afirmar que chocara contra unhas penas , pero nada diso era certo. O que aconteceu fora que “después de hacer volar con dinamita el bou francés Louis, los cinco tripulantes germanos quisieron volver a su barco que los esperaba bastante alejado, pero la fuerte marejada les impidió acercarse a el, por lo cual decidieron saltar a tierra en la playa de Burela, desde donde se dirigieron a Vivero en el automóvil de su compatriota don Guillermo Cloos, director de las minas de hierro de la Silvarrosa, en cuya casa se alojó el oficial”, o resto dos tripulantes foron aloxados  na fonda viveirense de Justo de Veiga. Posteriormente marcharon da vila do Landro, que por aquel entón era como a cidade de Casabranca, pois polas súas rúas podíaste atopar nese mes de xaneiro do ano 1917 con suecos, daneses, ingleses, franceses e alemáns.                    

Non remataban aquí os ataques do submarino U-46 pois no mesmo artigo que se nos informa da chegada dos tripulantes alemáns a Burela tamén se da noticia da chegada dun bote con 12 homes a unha praia de Cedeira e outro con 13 á praia de Covas. Todos eran tripulantes do vapor grego “Triropinas”, afundido preto do Cabo Vilano, cargado de millo e  que procedente de  Bos Aires se dirixía ata Belfort.                        

O periódico Mondoñedo  (7/3/1917) recollía a noticia da chegada a San Cibrao de “los 17 náufragos, procedentes del vapor noruego “Helma”, que, con cargamento de pinos del Senegal, dirigíase á Liverpool. Según manifestaciones de la tripulación de dicho buque, ha sido este torpedeado y hundido por un submarino alemán á cien millas de la costa. Una lancha de vapor, que estaba ocupada en alta mar, en las faenas de pesca, halló la embarcación que conducía á los náufragos, remolcándola á dicho puerto. El vecindario de San Ciprián acudió presuroso á prestar á los infelices marinos, á los que alojó en varias casas particulares”.                      

Estas costas de Lugo, polo que acabamos de ver, si tiveron participación nas contendas navais da Primeira Guerra Mundial, tocándolle aos homes e mulleres da Mariña a labor máis importante, a de dar acollida a tódolos feridos desa cruel guerra.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña