11:06 Sabado, 03 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-05-2010

O combate político debe cambiar o contexto culpable da situación económica e camiñar cara modelos con vontade transformadora que rachen co actual sistema de comercialización

Outro modo de mercar, outro modo de pensar

Valorar (5)

XOSÉ MAGARIÑOS MACEIRAS


Cartel das "Feiras Galiza sustentábel" celebradas en varios concellos no 2009


Os vindeiros días 15 e 16 vaise celebrar na Estrada a V Feira Sustentable, unha das poucas que quedan unha vez que retomaron o poder os defensores do liberalismo económico; a feira da que estamos a falar é un exemplo de como se deben de enfocar as relacións comerciais entre produtores e consumidores de alimentos; relacións que, ao meu xuízo, deberían basearse na interdependencia mutua e permitir, desta maneira, que se asuman os riscos de xeito colectivo. En definitiva, estamos diante dun bo exemplo do que debe ser un mercado de proximidade (por outro lado, así eran as relacións comerciais non hai moitos anos, ata a aparición dos grandes "Supermercados" actuais).

Ademais, noutra orde de cousas, esta feira permite a creación de foros de opinión que permiten a participación de todos os membros da cadea de produción, produtores, provedores e consumidores e que, nesta ocasión, van xirar en torno á prevención de incendios de xeito sustentable (darase a coñecer, entre outras cuestións, un proxecto de investigación que levou a cabo o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e que contou coa participación da Cooperativa Monte Cabalar e o IES Antón Losada Diéguez).

Este tipo de iniciativas, sen entrar en idealizacións extremas, contribúen de xeito notable á creación dunha conciencia crítica nos consumidores que permita dar pasos cara á soberanía alimentar, como ben reflectía Gabriel López García [1] no seu artigo do Terra e Tempo dixital; e é que, no proceso da adquisición dos alimentos, debemos ter en conta as relacións que se dan entre as empresas (tanto de distribución como de comercialización) e os seus traballadores, pois o comercio dos alimentos, actualmente, réxese polas normas máis despiadadas do capitalismo: redución de custos (camuflada como respecto polo medio ambiente) e explotación dos traballadores en cada un dos tramos produtivos; de todas maneiras, tamén cómpre subliñar que o mercado actual se rexe polas demandas que o propio sistema creou nos consumidores: a situación recorda ao peixe que morde a súa propia cola e, para cambiar a situación, é necesario romper o círculo vicioso nalgún lado. A este respecto é clara a opinión de Enric Tello que se recolle no libro Del campo al plato [2]: "Mentres os tipos de demanda de bens e servizos por parte da poboación consumidora permanezan inalterados, o capitalismo seguirá imperando (...) o capitalismo é o mellor sistema para satisfacer os tipos de demanda que el mesmo xerou e impuxo historicamente (...) Unha sociedade distinta precisa de consumidores e consumos doutra clase. Require o renacemento dunha economía moral dos traballadores".

Outro aspecto importante que debemos ter en conta é que este tipo de modelo de comercialización non só permite producir para un entorno próximo, senón que é compatible coa produción para abastecer outros mercados, carentes das nosas producións; pero é preciso que estes mercados "externos" se baseen en relacións xustas e é precisamente por iso que non uso o termo "comercio xusto" para designalos, xa que se trata dun concepto que está, por así dicilo, case que totalmente prostituído desde o momento en que podemos atopar, en calquera das nosas grandes cadeas de supermercados, produtos coa denominación de "comercio xusto" e esta designación choca frontalmente coa política laboral inxusta que practican cos seus traballadores/as.

En resumo, é imprescindible que este modelo de comercialización, ou calquera outro alternativo ao actual, parta de modelos colectivos (como os exemplos que indicaba Xosé Manuel González Vilas no seu artigo do Terra e Tempo dixital [3]) e non de iniciativas individuais, que non levan máis que a profundar na desconexión entre todos os membros da cadea de alimentos: agricultores, provedores, transformadores, comerciantes e consumidores (o que implica que cada quen busque a solución ao seu problema concreto pero sen rematar coas causas estruturais do mesmo); precisamos, como di Joaquín Sempere, [4] dunha "vontade colectiva que emerxe da sociedade mesma o través de mecanismos de deliberación e decisión que se asumen como vinculantes para os membros da sociedade"; é dicir, debemos apostar polo combate político que cambie o contexto culpable da situación e camiñar cara modelos que teñan vontade transformadora e que rachen co actual sistema de comercialización (con todo o seu entramado de regras e relacións encamiñadas ao beneficio duns poucos a costa da inmensa maioría da poboación). Non se trata (como ocorre nos nosos días) de asegurar un "sobreprezo" en orixe, iso só incide sobre os síntomas e non sobre a verdadeira raíz do problema, o que hai que facer é esixirlles aos poderes públicos un apoio decidido ao agricultor, ao pequeno comercio e á defensa dos dereitos dos traballadores/as; a acción política debe trascender o ámbito do consumo e establecer alianzas entre os distintos sectores sociais afectados pola mercantilización (globalización).


[1] Gabriel López García (2010), Soberania alimentar é soberania nacional, Terra e Tempo Dixital.

[2] Xavier Montagut e Esther Vivas (2009), Del Campo al Plato. Los circuitos de producción y distribución de Alimentos, Icaria.

[3] Xosé Manuel González Vilas (2010), Crises 2.0 no agro (1ª parte), Terra e Tempo Dixital.

[4] Joaquín Sempere (2009), Mejor con Menos, Crítica.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña