15:16 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-08-2014

Carraxe cando se ve ameazada a casa que é orixe e esforzo

As amazonas, a Raíña Lupa, Fida e outras mulleres

Valorar (15)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



As amazonas, a Raíña Lupa, Fida e outras mulleresA Historia da Humanidade está feita por homes e mulleres, mesmo como se quixo idealizar entre os deuses e deusas do Olimpo, cos seus vizos, virtudes e tramas a favor do ego. Pero Historia mediatizada e escrita, a súa maneira, polos homes, a que vai máis alá da reprodución maternal, das cociñas e dos vertedoiros, de  bordar soidades, en coros de choronas, a  recibir a descarga violenta dos machos... como se conta nos cinco tomos (1994) da “Historia das Mulleres” dirixida por G. Duby e Michelle Perrot. Non en todas parte, nin en todo tempo se tenta agargalar a convivencia, e neso está a madurez sociocultural. As consecucións parten da asunción da cuestión, da vixilancia que implica a todos e a todas dende a educación primeira e mediática, sen paternalismos. E velaí co mo a muller gaña posicións, no militar, no político, no académico, no económico... Moito queda por facer, máis nas cavernas do relixioso, do católico e apostólico que aínda segue tendo peso. E xa non digamos noutras relixións do mesmo tronco, protagonizadas por deuses , profetas, reis e submisas, amas e criadas.

Galiza é pobo maternal, sempre se dixo,  onde  “ a Nai é a Terra posta en pe e camiñando”, como cantou o poeta  Manuel María. E xa foi máis do que hoxe é,  na sociedade do consumo. Aínda no rural a muller pode, mantén eidos, hortas, gando e casa, a memoria, a lealdade no loito polos ausentes. Nais que arrolan con vellos romances, que acollen no colo lembranzas e tradicións que nos definen. Por algo seguimos a venerar á Venus feita Virxe e os creadores galegos inspiráronse na muller pegada ó chan, envolvendo cun pano de esperanzas a espiral das tradicións. As “Matres gallaici” . Amarrados á imaxe das viúvas dos vivos, nos chanzos do cruceiro co pano na man e os filliños ó redor, sempre a despedir ós que se van.  Mulleres “sui géneris” , da caste das amazonas, nimbadas nun mito que parte de  Homero e de  Herodoto, coa orixe na que sería terra das matrioskas , Ucrania, a antiga Sarmacia, a que foi reino de Hipólita e do seu batallón de mulleres, das que se contaba que fanaban un peito para poder disparar co arco a xeito. As amazonas combaten en Troia, masacradas por Aquiles, fundadoras de Efeso, sedutoras de Alexandro... Guerreiras entre as que é sobranceira Mirina, loitadora contra os atlantes e as Gorgonas no extremo occidente de Iberia. Por algo a amazomaquía é tema que complementou a decoración do Partenón e pasou ós clásico como á Eneida de Virxilio.  Contos ou historias que o Rei Sabio aproveita na “Grande e General Historia”.

Carraxe cando se ve ameazada a casa que é orixe e esforzo

O medo dos exércitos de homes ás mulleres repetiuse no “descubrimento” das Américas:  Colón, Hernán Cortés, Francisco de Orellana, enfróntanse a elas e falan de dúas illas, unha de homes e outra de mulleres, entre as que se repartían os nacidos segundo o sexo. E velaí o nome do río Amazonas. Non temos máis que mirar ó redor das guerras para concluír que a orixe está en que cando se toca a casa, a tribo, reaccionase, súmase a muller a primeira liña e co tempo enguedéllase nun enredo mítico. Estamos experimentados en historias e lendas de mulleres de armas tomar, como a de María Castaña,  María Pita, Ines de Ben, Isabel Barreto e máis lonxe  Agustina de Aragón... e máis preto as lusas antiespañolas, en Melgaço Inés Negra e en Monçao a panadeira Deu la Deu, entre moitas  outras “capitanas”, efecto con causa na provocación. Daquelas individualidades e grupos de guerreiras, de nais coraxe, naceu un arquetipo que se multiplica nas “máxicas” terras das mouras ou moiras, das fadas e das  meigas.

Sobre as amazonas e sobre os s seus rastros en Iberia e Galiza, escribiron, Xulio Caro Baroja e moito don Carlos Alonso de Real e os seus seguidores que aventuran unha xeografía, unha cronoloxía e xeoanoloxía delas. Deste catedrático en Compostela,  un clásico é “Realidad y leyenda de las Amazonas”, editado nunha época  rebelde, 1967, a un tempo que Simone de Beauvoir   e a “segunda onda da liberación da muller”  petan na sociedade.  Alonso, dende as amazonas homéricas lévanos a autores grecolatinos que nos dan noticias da Galiza de hai dous mil anos, como Estrabón ou Apiano , os que din que as mulleres sumáronse á guerra e preferiron a morte súa e a dos seus propios fillos, antes que a deshonra, e sorpréndese de que cando elas paren os homes acougan no leito. O mais fantasioso cronista, Antonio Diógenes, ó referirse ós ártabros, concreta que os homes quedan na casa e as mulleres van á guerra e atribúelle semellanzas contraditorias coas dos celtas, que eran máis patriarcais  e cos tracios, ambos pobos unidos pola raiceira do orientalismo, niño onde nace a historia e se riza o mito das amazonas.

Nas aldeas da  Galiza agraria a muller rexe a produción, o agro, a horta, a cría do gando, a mantenza... herdos do “matriarcado neolítico”, namentres o home caza, rapina, guerrea, busca, abre fronteiras, negocia. E velaí un xeito de xinecocracia, o mando da muller ou matriarcado, con referentes tópicos dende a mesma Biblia, como a israelita Débora; no  século VI a.C a escita antipersa Tomiris;  a meiga xermana Veleda, a Cleopatra exipcia ou a  Zenobia de Palmira... ó final humilladas polos imperios. E velaí  na mesma rolda as míticas valquirias, a xefas como  a antirromana britana Boudica; no sc XI a anglosaxona Lady Godiva,  no XV, en Orleans,  Xoana de Arco... Para os  galegos  no sc XIX Pepa Loba e a súa gavela, mito con puntada nalgún fío.  Mulleres que compre rescatar máis alá do nome dunha taberna.

E si nos remontamos ós tempos da vida e morte do Apóstolo Santiago,  atopamos  na Gallaecia romana á Raíña Lupa, historia e mito con escenarios no Pico Sagro, no Castro do Faramello, no Lobeira e  no Pindo … E non pensemos que de Lupa se ten escrito moito, si acaso nos anos 20 Manuel Casado nas súas obras arredor do sartego, así como o prehistoriador compostelán, conservador que foi das covas cántabras, o padre Xesús Carballo na súa novela histórica “Fida la hija del último druída Galaico”, asinada no 1946 e editada en Santander no 1951, na que trenza os fíos da historia, da antropoloxía coa fabulación e as ansias didácticas. Como protagonista Fida, a que di  filla de Dannoris, patriarca dos druídas, namorada do príncipe Ilicino, fillo da viúva Raíña Lupa, educado polo ancián druída  Durbédicus en leccións de Xeografía e Historia da Galiza céltica: os Galos, Galaicos e o imperio  Gálata, os Sefes, Breogán e Hibernia,  Ligures, Tartesos, Íberos, Brigantia, o poder dos Tamaricos  e dos seus castros... Terras controladas polo pretor romano Filotro, en Duio, Fisterra, por onde se ergueron as Aras Solis . Lupa mitinea  sobre os romanos  “Para nada nos compren aquí, son inimigos nosos”. Galiza faise cristián pero sen deixar de ser céltica …. Noites de plenilunio, amenceres do solsticio, fogueiras…. A predicación do Apóstolo en Iría, o bautismo de Lupa en Santiaguiño do Monte, retorno do Apóstolo a Xerusalén, decapitación … e traslado  polos seus discípulos, Teodoro e Anastasio na “barca de pedra”, ascese no camiño: o dragón, as serpes, os touros, a prisión e liberación tras asolagar á cidade romana de Duio, o carro tirado por touros amansados, Iría Flavia, a catequese de soldados mercenarios, dálmatas, tracios, xermanos,  e de moitos outros pobos que convivían na milicia. A arqueoloxía interpreta á “Regula”  do epígrafe da ara do sartego do Apóstolo, como unha princesa galaica  ¿será Lupa? .  Novela na que Fida morre abrazada ó carballo sacro no que gravou a cruz.  O Padre Carballo remata a lección da súa novela , pedindo perdón ó lector culto, por explicar as glorias que por desgraza ignoran, galegos e españois.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña