21:09 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-08-2014

A administración do persoal para facer política

Bóveda: do persoal ao político

Valorar (24)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO


Manuel Garrido Somoza no parque botánico de Buenos Aires.


Nostalgia

Primeiro de Xaneiro
encontrábame eu soliño,
dei un paseo sin rumbo
como un paxaro sin niño.

Encontrey unha arboleda

espesa de rosas e follas
arboles de todolos mundos
que dan delitosas sombras.

Era o xardín Botánico

da República Argentina

que asemella as arboledas
que hay na nosa terriña.

Senteime n-un banco

a brisa correndo.
As avellas zoando
as arañas tecendo
os paxaros cantando
Eu satisfeito.
Con tanta alegría
Soñei que estava
na miña terriña.

Día de San Manuel, año 1941. Manuel Garrido Somoza

Remexendo entre os papeis do meu avó atopei este poema en galego ao dorso dunha foto súa enviada á muller e ao fillo desde Bos Aires. Alí estivo 17 anos de xeito ininterrompido agás a paréntese dunha breve viaxe na que foi concibido o meu pai, o cal non coñecería ao seu até os 13. El, a súa vez, tamén carne de emigración, desta volta a Francia, como os demais membros da familia interpretaron estas demoradas ausencias con total naturalidade, como feitos alleos ao réxime político que houbera ou ao status dunha Terra rica e produtiva que non era quen de manter aos seus habitantes pois, a pesares deste pésimo poema, mesmo de recitar de memoria a Añón e a Curros, meu avó non tiña conciencia nacional, ou simplemente, carecía de autoconciencia. Era un luxo que non podía permitirse coas escasas oportunidades de afastar a cabeza da supervivencia do día a día. Mesmo tendo participado no banquete de homenaxe a Castelao cando chega a Buenos Aires no 1940 só lembraba os “chistes” que contara o autor do “Sempre en Galiza” sen apreciar o sentido político do acto no que estaba a participar. Mais, como o seu devandito poema reflicte, non se pode dicir que tanto lle tiña estar nun continente que noutro ou sentir como o seu tempo se escorría entre as mans lonxe da súa parella ou do fillo que descoñecía e da Terra que o parira. Sufría a súa situación con resignación, como os paxaros cantan e as arañas tecen, sen que Franco tivera responsabilidade algunha na súa situación.

Franco, segundo lle contaban, era un home excepcional e xa que logo trunfou grazas a ser frugal, honesto, xeneroso, desinteresado e amante da paz. Si, curiosamente a el se lle debeu -segundo os relatos oficiais- que o Estado Español vivira en paz. E despois de todo, que máis se pode pedir a un Estado para un despolitizado cidadán que simplemente este lle deixe vivir en paz?. A situación na que se vivía era, pois, produto da responsabilidade exclusiva de cada quen e non do tipo de política que exercera quen gobernaba. Pensábase: Que podía facer un individuo illado por cambiar as cousas comúns?.

Entendida a política en termos persoais, o importante é que quen gobernara fose boa persoa. Non o tipo de estrutura do Estado, ser de esquerda ou dereitas, programa agrario, intereses que defende, etc... senón só que fora boa persoa. E, segundo a información que podía manexar a maioría da xente daquela, Franco era un santo.

Esta mesma semana coñecemos que Kirk Douglas conta nas súas memorias como tiña que subornar ao caudillo a través dunha fundación a nome da súa muller para poder rodar filmes no Estado Español. Cada día súmase mais unha testemuña que nos achegan hoxe ao perfil inmoral do ditador que no seu momento eran inaccesíbel a meu avó e a centos de miles de galegos que non tiñan conciencia de selo, ocupados dos seus asuntos, tratando de sobrevivir onde fose e carrexando co seu drama persoal como unha fatalidade. Como no deseño de Castelao, unha morea de persoas xuntas mais illadas entre si, camiñando cara un horizonte incerto no que se desdebuxaban sobre o lema: “Na Galiza non se pide nada, emígrase”.

Cambiaría algo a vida dos galegos daquel tempo que Franco fose a persoa honesta que dicía ser? Xa houbera un galego honrada ao fronte do Goberno Español, Casares Quiroga, quen non adoptou ningunha medida política específica para mellorar a nosa Terra, mesmo tratou de evitar as acusacións de favoritismo que abafaran a súa carreira persoal, relegándonos na súa xestión. Dito isto, vén a mente uns conceptos manexados por Domenico Losurdo con certa habilidade para explicar o funcionamento das cousas (e da xente en canto cousas). O primeiro é de arume hegeliano, chegado a nós a través de Marx, tratase do de “procesos sen suxeito” e outro o de “inimigo obxectivo” que se puxo de moda durante a 2ª Guerra Mundial e xa non nos abandonou. Ambos os dous descansan sobre a consideración de que o mundo existe alleo á vontade subxectivista dos seres humanos, ten a súa lóxica, responde a unha correlación de forzas que coloca a cada quen nunha posición desde a que terá que intervir independentemente de onde lle gustaría ter estado, e ao fin, por razóns que un non elixiu, ten que sufrir as consecuencias dos procesos nos que está inmerso. É isto tamén fatalismo?. Ao contrario. É a condición de posibilidade de superar a resignación fronte a un mundo que se nos amosa estraño e sen máis saída que a de sentirse suxeito sen proceso ou facerse amigo subxectivo del a pesares de non ser correspondido.

Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez Gallego

Da man de Moncho Ermida teño acceso a unha carta de Bóveda tirándolle das orellas a Ben Cho Shey por un artigo seu impreso en español. Apela a acordos do Partido segundo o cal os militantes debían empregar a nosa lingua de xeito continuo nas súas publicacións. É da mesma época que as do meu avó en castelán (agás o devandito poema) e a linguaxe é cualitativamente diferente. Mesmo falando de cuestións familiares deixa caer a súa carga política: “o nacimento d-un novo futuro galeguista, foron razón de que demorase responder a túa derradeira”. Para o meu avó, como para a maioría da sociedade hai un balado que independiza o particular do público, o persoal do político. A natureza e a cultura fúndense nel de xeito inconsciente. Da terra xorden os santos que conmemora e lle dan nome (San Manuel) sen decatarse de que ese costume das comunidades rurais de celebrar onomásticas ten que ver co xeito de organizar o tempo os labregos que teñen asociado con cada un unha serie de traballos que ordenan a súa existencia e a súa subsistencia: “Polo San Lourenzo, bótanse os grelos, por San Domingo, as coles...”.

A lingua que sae espontaneamente a hora de expresar emocións subxectivas propias da poesía cala cando se trata de comunicar en prosa as razóns e argumentos públicos que compre compartir. Alexandre, pola contra, elévase sobre esa escisión que arrastra a súa sociedade cara o matadoiro que o conducen os procesos históricos nos que está inmersa e tenta corrixir o rumbo para revirarse fronte ao destino que lle impoñen. Organizar o desorganizado, unir o fragmentado, articular o desmembrado, e en definitiva, dirixir a intervención para rachar coa disociación entre o persoal e o político. Todo nel, desde rexeitar o seu destino laboral en Madrid para quedar no país, redactar as bases económicas do Estatuto, cantar no Coro ou repartir armas organizando a resistencia ao golpe fascista, forma parte dunha mesma estratexia de achegar o informal ao formal, o emocional ao racional, a través da mediación da organización, do partido, da institucionalización, da verbalización, porque o difícil desde o punto de vista ético non é ser boa persoa en canto suxeito sen obxecto (para min meu avó seguramente é a mellor que eu coñecín desde esa perspectiva), a cuestión na que se xoga realmente a moralidade de alguén é en acertar na praxe para tentar conciliar intencións e consecuencias. E iso non se fai arrombando a acción (ou inacción) dun illadamente da repercusión social que teña.

Hai procesos sociais alleos á vontade individual dun. Non se escolle o campo de batalla no que combater. Agora ben, non é certo que non poida facer nada fronte a eses procesos sen suxeito, esa fixación dun colectivo como inimigo independentemente das afinidades dos seus membros e mesmo das súas características persoais. É mais, sempre se fai algo, mesmo cando se abstén de intervir. Sartre ten dito que un -en calquera circunstancia- sempre se verá obrigado a escoller entre ser un traidor ou non. Eu corrixiría ao autor da Náusea, porque o termo traidor non me parece axeitado desde o punto de vista teórico, sobre todo ao referirse a persoas que non teñen conciencia de selo. Mais o caso é que cada quen diante das opcións que se lle presentan e en función da correlación de forzas nas que se atopa fai a súa elección. Supera o determinismo da natureza e penetra no terreo da política, deixa o ámbito do persoal illado do mundo (no que nunca estivo) e desemboca na praza pública (que nunca abandonara). Abre a boca e pide a palabra. E só o feito de ter empregado un idioma ou outro implica unha toma de postura. Dá igual o que diga porque xa está dicindo dabondo coa opción escollida. Pode alegar inconsciencia ou ignorancia para xustificar o seu aliñamento, mais non pode acocharse na privacidade porque se saltou a area do ágora non ten sentido que reivindique comportarse como se estivera na intimidade do seu fogar. A política é a saída do ámbito doméstico. Así o explicou Hanna Arendt cando relatou como naceu esta ás portas de Troia mentres os diferentes reis aqueos se xuntaban para discutir os asuntos comúns. Mais isto quere dicir que a política non é persoal ou que o persoal non é político?. Non. O feminismo ten demostrado como isto xa non se sostén. Ao que nos referimos aquí é o escudarse no persoal para facer política como se iso non fose política. En definitiva, o que non é moral a escisión entre o persoal do político co fin de imputar a un ou outro ámbito segundo lle conviñera unha práctica pública ou unha conduta íntima a costa de falsear a realidade. Vimos como se usou a vida laboral privada dunha candidata para proxectar unha determinada imaxe política que interesaba (aínda que logo se demostrara que non se correspondía coa realidade) ou como se xustifica na opción persoal o emprego público do español nos carteis, panfletos e comunicacións dunha determinada opción política. Aquí si que podemos salvar a Sartre e a súa terminoloxía (“mauvaise foi”, mala fe) para entender este comportamento.

Claro que o político e persoal e o persoal é político. Agora ben, o xeito de articulalo é o que define a moralidade da súa conciliación. Meu avó quen nunca participou en política nos termos que convencionalmente se entende isto, relegando a súa praxe ao seu entorno inmediato segundo o grao de conciencia que acadou non pode dicirse que fose un “traidor” no sentido sartriano de que falamos. As circunstancias non lle permitiron verse diante dunha escolla tan transcendente que el non foi quen de percibir nas súas decisións de escasa consecuencia pública. En cambio, Alexandre Bóveda acadou un nivel de conciencia tal que non podía evitar apreciar a división social existente obxectivamente. E como subxectivamente só podía escoller o lado no que situarse. É entón que para evitar ser un traidor toma partido polos oprimidos, polos perdedores, polo país vencido, pola lingua asoballada, pola clase dominada. Podería salvar a nivel persoal se fose quen de crear unha falsa conciencia, de facerse o parvo, de actuar con mala fe e fuxir de si mesmo desentendéndose das consecuencias políticas que isto tivese. Mais Alexandre Bóveda non se sentía só, si tiña un rumbo no seu camiñar, e erguíase sobre o fatalismo e mecanicismo do entorno natural no que se atopaba para concluír que esta Terra é quen de valerse por si propia, a súa xente non precisa a tutela de amos exteriores a ela, compre organizala para facer valer os seus intereses e debe falar por si mesma, e xa que logo, na súa lingua. E isto para el non só era política, era tamén unha cuestión persoal.



[17-08-2014 23:21] Francisco Sampedro comentou:

Excelente artigo

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña