14:58 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-08-2014

Mentres durou aquela entente, sempre que no Parlamento ou nos medios se citaba Cataluña ou Euskadi, indefectiblemente soaba o nome de Galicia

Ideoloxía e pactos preelectorais

Valorar (28)

FRANCISCO CALO LOURIDO



Sendo un rapaz criado en contacto directo coa pesca, un meu soño, se o azar da lotería mo permitise, era poñer no mar un barco que, sen dúbida, sería o que máis pescase, non só porque iría armado con tecnoloxía punteira, senón porque enrolaría a mellor tripulación. A clave para conseguir esta era moi doada: vendida a pesca e apartados os cartos de monte maior, o resto da marea repartiríase entre o barco e a tripulación; eu entraría coma os demais cun quiñón e, sempre que me apetecese levar uns golpes de mar, conservaría o dereito a usar o meu camarote de armador.

Un día descubrín que esa miña ilusión xuvenil podería ser encadrada dentro do que se chamou socialismo utópico ou, empregando a terminoloxía de Engels, “confusa comunidade de bens do comunismo obreiro utópico”. Todo está inventado, e algo así, pero en terra, xa o fixeran Owen, Proudhon, Saint-Simon, Fourier, Cabet... Cando, vai en cincuenta anos, entrei en contacto coa obra de don Carlos Marx, fiquei engaiolado, tanto pola ideoloxía que transmitía como polos seus inxentes coñecementos, así como pola fermosura literaria coa que sabía comunicalos. A beleza dos seus escritos foi recoñecida ata polo Conde de Romanones, home de fina ironía e instalado ideoloxicamente nas antípodas, cando dixo que, escribindo tan ben, foi mágoa que non se tivese dedicado só a facer literatura.

A súa metodoloxía para comprender, interpretar e explicar a Historia foi a única que a min me resultou útil e satisfactoria ao longo da miña vida profesional e investigadora. Poño un exemplo. Cando circulamos polos inmensos chans de Castela, vemos no horizonte unhas potentes torres; logo, conforme nos imos achegando, distinguimos unha masa máis ou menos grande ao seu pé. Entramos no poboado por unha ruela con casiñas de pallabarro e, nun espazo máis amplo, hai unha enorme, desproporcionada, igrexa pétrea. Cando o lugar é maior, multiplícanse as rúas, as casas e as igrexas, mesmo con conventos ou restos deles. Se esta paisaxe urbana é hoxe así, podemos imaxinala hai uns séculos. Hai algunha dúbida, sen necesidade de ler nada, sobre quen mandaba naquel territorio? Sobre o poder da Igrexa e o traballo dos campesiños para ela? Poderannos logo dicir que a Igrexa tamén facía de redistribuidora de rendas ou de repartidora de sopa-boba aos necesitados e nós poderemos responder con Unamuno, cando era marxista e lle falaban do papel da Igrexa na abolición da escravitude: “pamplinas para los canarios”. A metodoloxía marxista, e sobre todo a súa terminoloxía (modos, medios, relacións de produción...), é empregada, hoxe, por todos os historiadores, mesmo polos que ideoloxicamente son antimarxistas, pero que se aproveitan das ferramentas de traballo do materialismo histórico.

Eu son marxista e, o mesmo que moitos camaradas da UPG, estou farto de ter que responder á xa clásica e esgotadora dialéctica, para algúns contradición, entre marxismo e nacionalismo; pero hai outra cuestión que colegas do PSOE e de esquerdas me teñen formulado en tempos: como é posible unha revitalización dun Galeusca?, como un marxista se pode aliar con xentes de dereitas do PNV ou de CiU? Non hai xeito de llelo explicar, porque non entenden que a liberación da clase traballadora galega nunca poderá chegar sen a previa liberación de Galicia como nación soberana, dona dos seus destinos. E, se a estratexia é liberar Galicia, temos que facer alianzas tácticas cos que, aínda mantendo unha ideoloxía oposta á nosa, loitan pola emancipación das súas respectivas nacións. Mentres durou aquela entente, sempre que no Parlamento ou nos medios se citaba Cataluña ou Euskadi, indefectiblemente soaba o nome de Galicia. Agora, se o escoitamos, é só cando se cita a Murcia ou Extremadura, argumentando que tamén teñen dereito a decidir o que deba de ser Cataluña. E Urkullu reúnese con Mas e falan de intereses nacionais comúns e nós, Galicia, mirando como Feijóo segue a trepar, sen que lle dea chegado o día de liscar para Madrid. A nós semella que xa nos pasou o sol pola porta e, sen dúbida, a culpa é exclusivamente nosa.

Hai anos que se está a producir a desfeita do BNG. O 26 de xullo de 2009, un día despois da celebración da nosa Patria, escribín e critiquei, no desaparecido Xornal de Galicia, que dentro do nacionalismo “hai insinuacións de conivencias, de adaptabilidade, de saber ler o que queren os que non nos votan e abandonar o resistencialismo”. E o 9 de decembro de 2011, neste mesmo xornal Terra e Tempo, deixei dito: “Así está a casa do BNG: uns queren protagonismo, rebaixando ou cedendo, se é preciso, a carga ideolóxica do nacionalismo, e outros negándose a aceptar un discreto e merecido (sen segundas) descanso...”. Hoxe estamos a ler nos medios de comunicación, gozosos dando estas novas, que un grupo de alcaldes pretende facer alianzas preelectorais con quen sexa (Podemos, EU, ANOVA...), aceptando ou facendo bos os criterios do PP sobre a elección de alcaldes. Esa liberdade de acción escúdase nas características particulares da política municipal, esquecendo que, así como toda investigación, se é digna dese nome, ten que se desenvolver de acordo cuns presupostos teóricos, cunha metodoloxía (o método é outra cousa), toda política, tamén a municipal, ten que ser froito inequívoco dunha ideoloxía.

“Bo día, don Manuel”, saudou un viandante, recibindo como resposta: “Cállese, demagogo”. Todo, ata o saúdo, é política e mesmo poñer un punto de luz ou un tubo para pluviais é froito dunha decisión política. De feito, alguén ten o poder de decidir en que rúa se pon e en cal non, co que iso significa. Se os mariñeiros din que todo o que pasa pola regala ou vén na rede é peixe, o mesmo pensan os políticos dos votos depositados en urna. É a única explicación para comprender o mal que o pasan os do birrete  cando teñen que confraternizar cos da boina. Xa bo é que isto sucede moi de tarde en tarde e despois, cada quen cos seus e xente con xente, que non fomos xuntos á escola. Os alcaldes do BNG que propoñen eses pactos, aínda que o pregoen, non deben de ter moi claro o que significa ser nacionalista e talvez o mellor sería que, o mesmo que outros antes, mudasen de camiseta, iso si, devolvendo o posto á organización, o que os anteriores non fixeron. Unha cousa é incorporar xentes nunha lista e outra facer pactos preelectorais. Os pactos, sendo precisos, haberá que facelos, pero a posteriori e en reunións de traballo co Consello Nacional. O demais é querer funcionar por libre, pero baixo a cobertura protectora dunhas siglas.

Ata hai pouco, a praxe matrimonial consistía en que moitas mulleres deberían aguantar todo canto o marido quixese; hoxe o consello é que non lle consintan máis que a inevitable primeira ofensa. Denuncia ao canto e separación. Acabouse aquilo de: “Xa sei como é, pero se casa comigo traereino ao rego”. Vaite nesas! Aplíquese o conto á política: o que non estea totalmente a gusto e pretenda amolar ou se larga voluntariamente ou se expulsa. E se pretende volver, remítome ao exemplo do fillo pródigo que puxen na miña colaboración do pasado mes.


[11-08-2014 12:30] Manuel da Arousa comentou:

Isto é falar claro o demais son contos

[09-08-2014 21:00] Alarico comentou:

Nom som do Bloque e por tanto tampouco da UPG. Mas quero escrever isto, nom é possível a emancipaçom de classe sem a emancipaçom nacional, som os deus piares para construir a liberdade concreta de Nós, os galegos.

[09-08-2014 11:00] Manuel comentou:

Chapeau, máis claro auga!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña