10:19 Mércores, 23 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-08-2014

Coñecida é a tolerancia dos EEUU, tan dados a se inxerir nos asuntos doutros países, sobre todo se hai petróleo ou intereses estratéxicos por medio, cos desmandos de Israel

De Exodus a Gaza

Valorar (24)

MARICA CAMPO



Moitas persoas da miña xeración léramos, aínda que anos despois de ser editada,  ‘Exodus’, a novela que Leon Uris publicara en 1958 relativa á fundación do Estado de Israel. Víramos a versión cinematográfica que Otto Preminger fixera dela en 1960. Censurada, iso si, porque o réxime de Franco encargárase de ocultar as escenas que informaban dos crimes nazis contra os xudeus. Simpatizaramos coa causa dun pobo condenado á diáspora e aos continuos pogroms ao longo da historia. Entendiamos a súa necesidade de ter un espazo propio no que asentar unha esperanza de séculos, a que desde a Biblia lles prometía un territorio que deitaría leite e mel. Mais pouco nos detiveramos a considerar que ese territorio, por certo árido e pobre aínda que eles o fixesen producir despois,  estaba habitado desde moito tempo atrás por outras xentes de diferente relixión e cultura, que á fin se trataba de  “quítate ti para poñerme eu”. O conflito estaba servido. Non é preciso repasar os momentos álxidos dunha loita que semella non ter cabo.

As actuacións de Israel, con máis capacidade económica e tecnolóxica, tamén bélica polo tanto, fixeron a cadora máis difícil a solidariedade dos que odiamos a prepotencia e crueldade, sempre gratuítas por máis que tiveran unha longa aprendizaxe ao padecérenas eles mesmos ao longo dos séculos.

Nestes momentos en que as primeiras vítimas son os nenos porque, seica, convén acabar coa semente (iso repetían tamén aquí nos primeiros anos do franquismo, como me ten contado  Teresiña Vilar Ponte, que o escoitou referido a ela mesma e aos seus irmáns cando se dirixían ao catecismo en Viveiro), nestes momentos en que Gaza está a se quedar sen futuro, acódeme á memoria aquel comandante da resistencia israelí, Ari Ben Canaan (Paul Newman no filme), que se arrisca e saca 300 nenos e nenas dun campo de concentración en Chipre e consegue saltar o bloqueo imposto por Inglaterra e levalos nun barco mercante, o “Estrela de David”, a Palestina para a formación do novo Estado. Neste caso había que preservar a semente. A figura deste heroe, historia de amor incluída coa enfermeira voluntaria norteamericana Kitty Fremont  (Eva María Saint),  contrario á violencia que propugnaban outros personaxes da película, prometía mellores maneiras. Porén, é doada de entender a carga propagandística que alí subxacía. Á fin a verdade incuestionábel dos personaxes era o firme propósito de non abandonar xamais, custase o que custase, os territorios ocupados.

Coñecida é a tolerancia dos EEUU, tan dados a se inxerir nos asuntos doutros países, sobre todo se hai petróleo ou intereses estratéxicos por medio, cos desmandos de Israel. Coñecida é tamén a morneza da ONU fronte a tanta barbarie, non en van alí a forza é dos mesmos. Por iso talvez a paz non chegue nunca. Hamas e Israel, Israel e Hamas, seguirán, cada un na medida das súas posibilidades, coa súa sementeira de odio. Sen equidistancia, desde logo,  como demostran as cifras: a día 30 de agosto, nesta última escalada de violencia, son 1300 mortos e 7000 feridos  os palestinos, a maioría nenos e civís, fronte a 50 baixas entre os militares xudeus. Nese mesmo día tamén nos chegou a noticia do directo bombardeo dunha escola-albergue no campamento de refuxiados que a ONU ten en Yabalia, ao norte da Franxa. Os pacíficos, que os hai en ambos pobos, os que  desexan simplemente vivir, son alcanzados máis unha vez pola onda desa bomba de destrución masiva que é a xenreira.

A nós, a xente de a pé, só nos queda berrar, contárllelo a aqueles que se preocupan máis pola última fichaxe millonaria dunha figura do fútbol ou polo bronceado deste verán que pola dor de tanta xente. Apremar aos gobernos para que, dándolles onde máis lles doe, a economía, prohiban a importación de produtos do país xenocida. E, se eles non o fan,  sumármonos ás organizacións que promoven  o boicot. En internet pódese atopar unha ampla relación destes produtos.

Nada orixinal, nada novo, poderán atopar nas miñas palabras, ese martelo a petar nun ferro en que golpeamos tantos e tantas  sen resultados positivos un día si e outro tamén. As mortes de cada hora, esas abofé que sempre son inéditas como as vidas irrepetíbeis que tronzan.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña