19:54 Sabado, 16 de Xaneiro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-08-2014

O seu recoñecemento internacional non borrou a súa coherencia de escritor comprometido coas revolucións latinoamericanas e nomeadamente coa nicaraguana

Casa tomada

Valorar (10)

EDUARDO ÁLVAREZ


Julio Cortázar


Neste mes de agosto cúmprese o centenario do nacemento de Julio Cortázar. En febreiro pasado cumpríronse tamén trinta anos do seu falecemento. Achegueime por primeira vez á súa obra no curso 1974-75 cando era estudante en Compostela. Naqueles tempos de esperanzas, este escritor ocupaba a atención da mocidade universitaria porque a súa produción, e nomeadamente Rayuela, remitía a maio do 68 e sintonizaba á perfección co clima de protesta contra o réxime político e de liberación dos convencionalismos sociais. Este libro ofrecíasenos para ser lido de varios xeitos, con capítulos que mesmo podían saltarse. ¡Que liberdade para nós! E tamén, que éxito para o autor: en poucos anos vendéronse centos de miles exemplares da novela e todas as súas obras anteriores foron reeditadas en grandes tiradas. Mais este recoñecemento internacional non borrou a súa coherencia de escritor comprometido coas revolucións latinoamericanas e nomeadamente coa nicaraguana. Transcorridos corenta anos desde aquela miña primeira lectura, nestes tempos de ilusións esvaecidas, volvín reler os seus contos, que me seguen sorprendendo pola aceptación do elemento fantástico na orde natural, pola presentación de dous mundos intimamente relacionados: o da vida diaria e o rexido por unha orde secreta e incomunicable que se refire a outra realidade posible e tan só insinuada.

Casa tomada
, relato que inaugura o libro de contos Bestiario, de novo chamou agora a miña atención provocando a reflexión polas posibilidades interpretativas que ofrece e polo choque coa concepción racionalista do mundo. O argumento do conto resúmese dicindo que unha parella de irmáns, que viven sen ningunha preocupación na casa herdada dos seus antepasados, son forzados a habitar nun primeiro momento na metade da casa e despois son expulsados definitivamente dela por unha presenza intrusa que se traduce nun son impreciso e xordo, como o dunha caída de cadeira sobre a alfombra ou un afogado murmurio de conversa. Quizais sexa este conto de Cortázar o que orixinou maior número de teorías interpretativas. Moitos son os que din que constitúe unha alegoría da etapa peronista; outros, do illamento de Latinoamérica despois da Segunda Guerra Mundial; hai tamén quen ve nel unha recreación dos mitos do minotauro ou da expulsión do paraíso… Algúns lectores e críticos quédanse simplemente na relación incestuosa que se intúe entre os dous personaxes do relato.

Nestas relecturas que realicei estes días de Casa tomada, cada vez se me fixo máis clara a alegoría do relato coa situación da Galiza actual. É evidente, claro está, que o autor non albergou este propósito coa súa escrita hai case setenta anos cando o conto fora escrito e publicado por primeira vez por Borges no ano 1946. Pero os lectores tamén somos intérpretes da literatura independentemente das intencións do autor ou das opinións dos críticos.

Os dous irmáns, xa corentóns,  viven pracenteiramente na casa herdada porque, alén de ser espazosa e antiga, garda os recordos dos seus antepasados e de toda a infancia. As súas actividades cotiás realízanas  rodeados por ese ambiente profundo e silencioso criado no fogar. Son os únicos habitantes dese ámbito pechado sen que existan posibilidades de descendentes que os sucedan e, por isto, asumen como necesaria a clausura da xenealoxía asentada polos seus bisavós. E, en consecuencia, son sabedores de que no futuro outras persoas han de quedarse coa casa para derrubala enriquecéndose co terreo e coas pedras. As súas actividades redúcense ao coidado da casa pola mañá, pasando a irmá o resto do tempo ocupada en tecer as prendas necesarias para o abrigo dos dous en inverno e outras que ía gardando nos caixóns de cómodas e armarios.

No anoitecer dun día indeterminado, un ruído impreciso e xordo apodérase da parte da casa máis afastada do lugar onde pasaban o tempo e os dous irmáns reaccionan pechando unha pesada porta de carballo que os protexe desa invasión. Nos días seguintes a este acontecemento, os habitantes botan de menos algunhas cousas que perderan na parte tomada da casa, entre elas a biblioteca; mais pronto retornan á normalidade e mesmo pensan que agora teñen menos tempo que dedicar á limpeza desa parte que xa non poden habitar. Mais, outra noite ten lugar a toma definitiva da reducida parte da casa que viñan ocupando. E os dous foxen apresuradamente cara ao vestíbulo sen que lles dea tempo a recoller nada das súas pertenzas. A irmá só consegue salvar a parte do labor que tiña nas mans, mais cando comproba que os novelos que alimentaban de fío as espetas de calcetar quedaran do outro lado, desfaise do tecido sen miralo. Desconsolados pola perda do seu fogar, os irmáns saen á rúa, pechan a porta da entrada e tiran a chave polo sumidoiro.

Nós viviamos tamén nunha espazosa e antiga casa, mais, desde hai tempo, diversos ruídos, tenues nuns casos e arrepiantes noutros, van tomando a herdanza que recibimos dos devanceiros. Expulsada a mocidade pola emigración e pola ausencia dunha política demográfica que favoreza a natalidade, somos habitantes envellecidos con perigo de extinción da nosa xenealoxía. Seres alleos á nosa familia foron espoliando o noso tecido produtivo e financeiro. Agora, nesta parte reducida do noso lar que aínda habitamos, seguimos tecendo prendas que nos permiten manter algunha actividade. ¿Consentiremos que nos tomen definitivamente a casa e acabaremos tirando a chave ao sumidoiro?



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña