05:02 Luns, 28 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

31-07-2014

Nación atada ás tradicións e ás relixións

A céltica Erín

Valorar (18)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



Irlanda bébese e métese no corazón.Todo se fai un e trino neste país que se canta e se exporta así mesmo entre tabernas e festivais. Trindade con vértice no celtismo, na música folk e na Guinness.  A aureola deste trevo é unha cosmogónica corda de mitos, lendas e historias que inspiran a xeniais escritores no país que mais premios Nobel de Literatura ofrece por metro cadrado, aínda que máis  servidores da lingua imperial británica que do seu gaélico orixinal: Jonathan Swift, autor das “Viaxes de Gulliver”, o esteticista contrapelo Oscar Wilde; Willian Butgler Yeats , Nobel no 1923 que retoma o celtismo; o dramturgo,  Jhon Millington Synge, autor de “As illas de Aran” ;  Bran Stoker, crador de “Drácula”; o pacifista George Bernard Shaw, Nobel no 1925; James Joyce autor do celebrado  “Ulises”; o damaturgo  Samuel Beckett, Nobel no 1969; Heinrich Böll, autor de “Diario Irlandés”, tamén Premio Nobel 1972... Nación de retratistas do espírito da paisaxe e das paisanaxes, como o pintor Jack Butler Yeats, irmán do escritor, e sobre todo Francis Bacon, do que na Galeria  Hugh Lane  no Belvedere dublines, ofrécese, como si dunha instalación se tratara, a reconstrución integra do seu taller londinense: desastrado desorde do que saíron os xeniais retratos das miserias do retorto ser humano... Cecil King, amigo da Galiza,  que  xoga a xeometrizar  esa luz que polo solsticio penetra na escuridade da morte, na tumbas megalíticas... Pobo tatuado co trauma das  derrotas: o rio Boyne foi o escenarios da famosa batalla de xullo 1690, na que os herdeiros ó trono de Inglaterra, os católicos xacobistas son vencidos polos protestantes seguidores de Guillermo III, efeméride celebrada  provocadoramente polos oranxistas ante o IRA. Paisaxes ás que asoman os monumentos megalíticos, como Fornox e Newgrange, modelicamente xestionado e a contrastar co Dombate bergantiñán cantado por Pondal e hoxe en fanal. País atado a morriñas do perdido, da emigración, envolto en brétemas, en fumes de turba ou borracheiras de whisky, mirando ás américas,  cara ás que exportou curas e monxas, actores, músicos, boxeadores, buscadores de ouro, listos e parvos ... Por algo país que non ten como enseña leóns rampantes, nin dragóns ou aguias imperiais, senón a arpa céltica, equivalente ó noso Greal que celebra o convite místico.  Mesmo a capital, Dublín, non monumentaliza a ningunha deusa ou heroína, senón a unha moza pescantina e por riba prostituta, a cantada Molly Malone, morta da peste na rúa. Irlanda que celebra un libro miniado en santuario  biblioteca-museo-universidade, o libro de Kells no Trinity College,  capital que tamén agasalla cada 16 de xuño cun entroido novelesco, con xantar de riles de porco, books de cervexa, sesións de te con pastas, o “Bloomsday”, en memoria de Leoopold Bloom, o heterodoxo, ecumenista e mesmo cornudo persoeiro do “Ulisses” de Joyce.

Erín, filla do Atlántico, nación céltica, irmán da Galiza,que no “Leabhar Gabhala”se di conquistada por Breogán, vingador da morte do seu fillo Ith polos Tuatha de Danann, levando consigo a “Pedra do Destino”. Tribos illotas con templo e romaría maior nas cimas de Tara, sobre o río Boyne, cristianizadas por Patricio. País que ergue ó ceo megalitos, poboado por castros circulares dominando eidos e mares, ó pe dos acantilados, resistindo á romanización, cristianizado por misioneiros nos que converxe a relixión druídica coa misión de Cristo, pastores que erguían os seus igrexarios con templo, torre, cruz e cemiterio:  Kells, Glendalough, Clonmacnoise, Mellifont, Monasterboice... comunidades dúplices, semellantes ás nosas priscilianistas, que celebraban festa e romaría arredor dun menhir-cruceiro labrado en pedra co catecismo da historia bíblica e na que converxe o circo do sol. Terra de San Patricio, de  San Columbán, de San Brandan mariñeiro sobre unha balea, nación da Santa Brigida de Kildare, a que vencella mitos da céltica Briga, representada nesa cruz trenzada en xunco ou vime, usada contra ós ruíns feitizos. Terra de Santa Ita, de San Gobano, de Killian, Molaise, Serapio, Kevin, do San Fionan, que no século VI foi patriarca da comunidade da misteriosa illa sacra de Skelling, un apuntado rochedo de toelo que mira á inmensidade do Atlántico, entre o berro dos mascatos e dos araos, e que no cume ofrece un niño de cachoupas feitas con cachote e cubertas con falsa cúpula cónica, arredor da cruz e dun cemiterio.

Comoa Galiza, pese a que  Erín nunca invadiu é  pobo cicatrizado polas invasións: normandas, viquingos, polo abuso das relixións, usado canteira humana para arriscadas vangardas coas que  construír o imperio británico, servidores dos Tudor e dos Estuardo que os dividiron entre protestantes e católicos. Conseguintemente país de fame, de pestes  e emigración ensarilladas, de comedores de  pote e de patacas , para dende aquel alzamento do Día de Pascua Florida de 1916 deixar, ó menos nos papeis, de ser provincia da Gran Bretaña, agás o Ulster, onde perduran as feridas entre muros de aramio.

A metáfora de Gulliver e os ananos liliputienses de conto e de cine

País cosido por estradas curvas e por corvos, entre  mámoas, castros, castelos, entre o  loureiro, o sabugueiro, as carballeiras ou o invasor rododendro lila, ermos, turbeiras, poucas hortas e máis gando... Mesmo por algures  sentimos un pulo místico que nos guía buscando parte de nós. Velaí o ir e vir  de músicos que acaban confundido tradicións entre violín,acordeón e gaita. E máis historias comúns que mellorar, toda esa fabulación de terror, de fadas e meigas, de ananos liliputienses e xigantes abusóns e detrás unha metáfora de dominio.

O trotamundos madrileño Javier Reverte despois de andar e contar os cinco continentes neste 2014 “Canta Irlanda”un país que di que o namora, non é para menos entre bonhomía, música e bebida. País que nos prende con esa corda trenzada con baladas de lirismo, lendas e sufrimento histórico.

Iremos cara ó oeste, á baía de Clew, aldeas que se gaban da historia da súa bucaneira “Soberana de Umail”, Grainne Ni Mhaille que desafía á mesmísima Raíña Isabel I de Inglaterra... pousaremos en Westport, a Itaca de “The Chieftains”, referente da música céltica; embaixada da Galiza é o pub “Mat Molloy”, onde mozos e guedelludos avós interpretan vellas e novas baladas que repiten ou improvisan aconteceres, case sempre tristes. Enxergamos que algo resucita cada alborada en Westport, quizais o espírito de John McBride, o independentista fusilado despois da Pascua do 1916,curiosamente o seu fillo Seam  será acalado co Premio Nobel da Paz no 1974. Cidade base para os peregrinos que soben, guiados polo instinto, ó monte sacro irlandés, o Crogh Patrick, a croa onde Patricio no 441 fixo corentena e rematou expulsando ás serpes e ó demo da illa.

Na viaxe por Erín, entre lameiros parcelados, turbeiras que, como en Ceide,  xa foron aproveitadas dende o Neolítico ó século VI por construtores, gandeiros, curandeiros, conselleiros con algo de bardos, druídas e magos... campas repartidas por todas as tipoloxías de valados de pedra nos que ameixoar o gando, presididas por oratorios, como na península de Dingel o de Gallarus , construción feita con técnicas herdadas do megalítico, como un barco de pedra con proa invertida.  Paisaxes, como as nosas, sempre atractivas e en devalar co tempo, onde na contemporaneidade se  ambientaron tantas películas que bordan a beleza co drama,:“A filla de Ryan”, “ O Prado” e tantas co tema do Ulster e dende interesadas visións, aínda que o turismo convencional apampa  en  “Cong”, no codado de Mayo, entre os escenarios nos que se rodou “El hombre tranquilo”, film rosa dirixido por John Ford, interpretado por un machista John Wayne e unha submisa rubia-roxa irlandesa Maureen O´Hara.  Acantilados e baias da parte occidental, até Sligo, onde escoitaremos historias da desfeita da “Gran y Felicisima  Armada” de Felipe II, no 1588, como os irlandeses auxiliaron, esconderon ou enterraron ós náufragos, seguro que moitos galegos ó servizo do imperio.  O Museo Nacional do Ulster, en Belfast,  mostra restos que foron da galeaza “Girona”. Sligo esta dominado por ese outro mítico monte, o Ben Bulben que preside o país de Willian Butler Yeats, palabras maiores, incluso pros galegos que inspiraron o seu Modernismo neste novo bardo reivindicador de Erín, de fulgurante vida e amores militantes, finado no 1939 en Cap Martín, na “Costa Azul” provenzal,  onde curiosamente tamén viviu seus derradeiros días o arquitecto Le Courbusier. Yeats foi  enterrado en Drumcliff, o chan do máis antigo mosteiro fundado por San Columbán, co epitafio que tanto suxestiona e que nos achega á posmodernidade contrapelo:”Bota unha fría ollada/sobre a vida, sobre a morte, ¡pasa de largo,viaxeiro!. Pasamos, miramos ó ceo e ó monte, sen tragando o cuspe, e no corazón seguimos levando esa irmandade céltica cantada no pasado: “Ei Cambria, Cornubia, Armórica, Nortumbria/ Erín, Gallaecia e a Illa de Man/Son as sete nacións celtas/ fillas do pai Breogán”.

Galway é unha cidade alegre, como non, co “Arco dos Españois”, onde mesmo Colón apunta nas súas crónicas que neste porto coñeceu como uns estraños e exhaustos navegantes de ollos achinados arribaron despois de atravesar o océano... punto de partida dos Kennedy, celebrados cun pub. As illas de Arán, onde se di está o sangue máis puro de Erín e polo tanto do gaélico, célebres polo Dun Aengus, un castro orientado ó abismo do océano, protexido por sólidos valados e pedras fincadas,  entre o minifundio de leiras, currais ou pallozas caleadas  que acollen a artesáns que tecen cestos, redes ou la, os célebres xerseis  de Arán.

E a capital do Ulster, Belfast, cidade presidida polas grandes grúas marelas do seu astaleiro, que en cada amencer parece querer saír do naufraxio, que aboia entre feridas que non se esquecen, pese a tentalo, ó abrir un espectacular museo que un século despois do seu afundimento no 1912 conmemora o gran fracaso do "Titanic", armado aquí. Urbe que se expresa en graffitis rebeldes dos barrios de Shankill e Falls, católicos e protestantes, nacionalistas e imperialistas, que cada noite do 11 de xullo compite en xigantescas fogueiras e cancións para rememorar a división entre orgullos protestantes ou cristiáns, entre irlandeses. Reorientáronse as diferentes ponlas con cerna naquel “antigo IRA” , creado no 1916,  “Óglaigh nÉireann” (voluntarios de Erín)” e que no 1936, desnortado e na febre relixiosa, até mandaron brigadas católicas a colaborar con Franco fronte ó goberno da República, o ateísmo e o comunismo. Por algo cara alí... e de tódolos xeitos xa nos guían os instintos.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña