21:47 Domingo, 09 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-07-2014

Esta pregunta tan sinxela apareceu na miña cabeza após ver nos medios de comunicación o cartaz que vai dar imaxe á nova edición da Festa do Polbo, perdón, Festa do "Pulpo" do Carballiño

Para que preguntaches?

Valorar (12)

ELADINO CABANELAS FERNÁNDEZ



Para que preguntaches? Esta pregunta tan sinxela apareceu na miña cabeza após ver nos medios de comunicación o cartaz que vai dar imaxe á nova edición da Festa do Polbo, perdón, Festa do "Pulpo" do Carballiño.          

Se ti, lector ou ti lectora, non es desta, noutrora, vivaz vila, fervedoiro sempre dun ir e vir de xente, como corresponde a unha próspera cabeceira de comarca, proveniente dos concellos da bisbarra; se ti non es da vila que, nos meses do estío, medraba tanto ou máis que as da costa atraída por uns recursos termais con sona e predicamento en toda a península, quizais tamén te fagas outra pregunta. Que quererá dicir este? A quen vai dirixida a pregunta?            

Aínda a risco de que xa non sigas lendo por non responder con claridade, vou abusar da túa confianza porque como din por Muros "a confianza levouna o inglés e aínda non a devolveu", e vou facelo contando a triste historia dun animaliño a quen lle dá vergoña que o chamen por o seu nome. O protagonista do noso conto vive nun país cuxa historia, por avatares diversos e moi complexos de resumir en poucas liñas, estivo e segue a estar supeditada e subordinada, é dicir, con dependencia obrigada a outro pobo que sempre actuou con el con desprezo e autoritarismo. Iso si, sen desaproveitar en ningún momento os preciosos recursos que o país do noso protagonista tivo e ten en abundancia, que unha cousa é o lugar e outra os lugareños e xa se sabe que "sempre o corvo vai onde preada hai".            

Ben, o noso animaliño tiña e ten un nome que lle ven de moi antigo, de feito, o seu pai, o seu avó, o avó do seu avó, o avó do avó do seu avó e así durante moitas e moitas xeracións atrás recibiron sempre o mesmo nome, chamáronse e chámanse POLBO. Entón, pensarás caro amigo lector, cara amiga lectora, que lle pasou ao noso protagonista para non querer que o chamen por o seu nome e, claro está, como quere logo que o chamen?

O que pasou foi que máis de cincocentos anos atrás os reis do pobo autoritario do que vos falei, que falaban unha lingua diferente á do país do POLBO, decidiron que todos os países que estaban dentro do seu reinado debían obrigatoriamente falaren a súa lingua. Como era lingua de reis, logo pasou a ser motivo de presunción e fachenda entre certas clases, sen oficio nin beneficio, mais si cunha clara intención de medraren amparadas baixo as longas saias reais. Estas castes tan prestas á louvanza mentres puideran comer dela, logo se encargaron en desprestixiar as linguas e os lugares que, malia as ordes reais, continuaron a falar nos seus propios idiomas. E isto aconteceu, entre outros lugares, no país onde vivía e vive o noso amigo POLBO.                  

Foron pasando os anos e, malia a resistencia de moitos dos habitantes do noso país, a lingua imposta foi furando entre a propia e nomes de seres vivos ou de seres inertes, que para isto non hai distinción, foron substituídos por os da lingua que falaban os reis. Isto pasoulle ao noso amigo, mellor dito a algún antepasado do noso amigo quen, agás nalgúns lugares onde foi resistindo o seu propio  e secular nome, noutros coma no pobo do protagonista deste conto, foi comezando a chamarse PULPO. E foi tal a introdución que, co paso do tempo, o nome verdadeiro se foi esquecendo e esquecendo.              

Un bo día, pasados moitos, moitos anos o país desta historia foi conquerindo algo de autonomía. Porén seguiren baixo o paraugas de descendentes daqueles reis, fóiselles permitindo que recuperasen paseniñamente a súa lingua e outros aspectos ligados aos seus costumes e modo de vivir. Fixéronse dicionarios e gramáticas coa lingua do país, comezou a ensinarse nas escolas e, pasiño a pasiño, moitos daqueles nomes de seres vivos e ou de seres inertes, que para isto, como xa dixen, non hai distinción, foron sacados do esquecemento e, novamente, usados polos habitantes. Nembargante o camiño de recuperación era longo e algúns dos habitantes continuaron coa crenza de que a lingua real (real por vir de reis) era máis culta, de que a lingua real era máis importante, ao fin e ao cabo.                

Isto, amiga lectora, amigo lector, é nin máis nin menos o que lle pasou ao noso amigo POLBO, á altura xa chamado PULPO, quen, aínda que moitos dos seus parentes se compracían ao recuperaren o nome que lles viña dado de antigo, preferiu, cheo de prexuízos e temores, seguir chamándose PULPO. A PULPO moitos aconselláronlle que mudase o seu nome, que recuperase o que, tan dignamente, usaran os seus avós, e os avós dos seus avós, e os avós dos avós dos seus avós, mais PULPO, mergullado na súa propia ignorancia sempre remataba coa mesma ladaíña.

- Iso non é certo, onde son eu toda a vida me chamaron PULPO.                  

Pois ben, isto trasladado máis ou menos directamente ao conxunto do noso País, ao conxunto da nosa lingua, é o que lle veu acontecendo ás sucesivas alcaldías do Carballiño ao denominaren a Festa do Polbo, perdón Festa do "PULPO". Claro que todas non obraron igual, e non obraron igual porque eran conscientes de que a denominación estaba mal mais seguían chamándolle así por forza de costume ou por falla de atrevemento e abundancia de medo ás críticas (como as dos que se amparaban nas saias reais da nosa historia).              

Tate!!!! Mais chegou un, o actual Alcalde do Carballiño quen, querendo acalar as voces de quen reclamaban lexitimamente o cambio do nome da festa, cando menos en papeis oficiais, pretendeu oficializar para o galego o termo PULPO. Para iso, como moi ben lembrarás, propúxollo á Academia da Lingua. Todo era moi bonito, PULPO pasa a ser galega por orde académica, eu (el, o alcalde) fico como o preservador dunha palabra que se dixo así "de toda la vida" e os que me criticaron a baixar as orellas e a comer PULPO, tamén, como "toda la vida".                

Mais o noso desatinado alcalde non contaba con que a Academia da Lingua tomase a decisión que tomou, lembrándolle ao rexedor que a forma patrimonial e propia do galego é POLBO.              

E aquí é onde chegamos coa pregunta do comezo deste artigo, completándoa posto que xa todos e todas lle sabemos o destinatario.

Señor Argimiro Marnotes, se non tiñas intención de facer caso ao ditame da Academia da Lingua, para que preguntaches?



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña