07:00 Domingo, 29 de Marzo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-05-2010

O marco xurídico constitucional español, no cal se inseriu á nosa nación xunto con outras, bota luz sobre a incoherencia e a discriminación que supón dotar de institucións e normas homoxéneas a real

Estado das autonomías vs. Autodeterminación

Valorar (31)

LUCÍA LÓPEZ SOBRADO


O ditador Francisco Franco foi quen impulsou a Juan Carlos como Rei


"Me siento profundamente gallego, que es mi forma de ser español" Así foi como se despachou, entre outra retaíla de consideracións contraditorias e prepotentes, Manuel Fraga en resposta á interpelación do senador do BNG no Pleno do Senado onde se debatía a proposta para estudar unha reforma do Regulamento da Cámara que permita xeralizar o uso do galego, do catalán e do euskera na mesma. Falou así, bramando que non consinte "lecciones de galleguismo" para a continuación proceder, como era de agardar, a votar en contra da iniciativa, en consonancia cos intereses españolistas dun PP cada día máis indecoroso, como ben levamos meses comprobando cos ataques á nosa lingua desde o goberno da Xunta de Galiza.

O currículo do que foi presidente do goberno galego durante 16 anos, mais tamén ministro na ditadura franquista e protagonista da "reciclaxe" que supuxo a transición sérvenos agora para introducir diferentes cuestións que cómpre ter presentes, máxime entre as e os máis novos, pois convennos coñecer o pasado para poder entender o presente e, máis aínda, contribuír a forxarmos un futuro colectivo para o noso pobo.

Como dicía, Fraga foi un dos protagonistas da transición que posteriormente á morte de Franco se idearía no Estado español e que, a través do que se deu en chamar "reforma política", o alumeamento da Constitución de 1978 e o referendo que a esta seguiu, serviu para que a base social do franquismo e o seu séquito saísen airosos, sobrevivindo politicamente con enfeites de democracia.

Esta sorte de recordatorio histórico achéganos á actualidade, onde nos atopamos cun réxime comunmente denominado "Estado das Autonomías", máis que en ningún caso está contemplado constitucionalmente con semellante rúbrica. Con lermos a cláusula da "indisoluble unidade da nación española", consagrada no texto constitucional, podemos inferir xa a escasa posibilidade dunha articulación territorial diferente no Estado. É este quen seguiu a manter intactos os mecanismos de control, non só por erixirse en depositario da soberanía, senón tamén porque o restrinxido marco competencial delegado converte o que debería ser autonomía política nunha simple e cautelosa descentralización administrativa. Se nos detivésemos no plano estritamente xurídico poderíamos comprobar, por exemplo, como as competencias exclusivas, atribuídas posteriormente a Galiza en virtude do Estatuto de Autonomía, son en realidade compartidas, en atendemento as reiteradas cláusulas que suxeitan as facultades do autogoberno na suprema autoridade atribuída ao poder central, depositado no Estado español.

Desde os tempos das monarquías absolutas pasando polas dúas versións republicanas, as ditaduras e até chegar á nomeada descentralización administrativa da actualidade, o Estado español foi sempre remiso ao recoñecemento da súa diversidade plurinacional. O nacionalismo galego, consciente disto, impulsou sempre ferramentas e praxes que fosen no camiño da defensa do principio de autodeterminación, que vén a implicar o recoñecemento da soberanía nacional e o dereito dos pobos a dotarse de institucións propias, acordes coa súa identidade nacional. O marco xurídico constitucional español, no cal se inseriu á nosa nación xunto con outras, bota luz sobre a incoherencia e a discriminación que supón dotar de institucións e normas homoxéneas a realidades nacionais e sociais heteroxéneas, o que é mais aínda, vén a por de manifesto o erro que supón a separación dos dereitos individuais dos colectivos, dos que nos pertencen como pobo, cando no recoñecemento destes últimos está a garantía do exercicio dos primeiros.

Lonxe do que o sistema predica, cobra nos tempos que corren, se cabe, maior vixencia a defensa do dereito de autodeterminación dos pobos. Mais non abonda con proclamalo en abstracto, senón que cómpre entendelo, como o nacionalismo galego propugnou sempre, no sentido dinámico da construción das bases para a emancipación nacional e social do noso pobo. Así o fai o nacionalismo cando impulsa en todos os niveis organizacións nacionais e soberanas e cando non subordina os intereses do país ás decisións impostas polo Estado español. A hexemonía do nacionalismo é un factor decisivo para a superación do marco autonómico, conscientes de que é este o marco xurídico no que temos que mover as pezas no camiño de conquerirmos a transformación nun Estado de carácter plurinacional. Na man do nacionalismo galego está seguir creando consciencia nacional, pois é soamente a través desta como poderemos introducir unha dinámica favorábel ao avanzo do proceso de autodeterminación do noso pobo. O único xeito de atopármonos no camiño da Galiza ceibe e popular longamente ansiada e batallada.


[04-05-2010 15:54] Abelardo del Caño comentou:

Como leín nos outros comentarios, é un argio sinxelo maís ben lúcido do que é o Estado, o que podemos esperar dél e, por suposto, do noso papel na construcción dá Nación! Parabéns

[03-05-2010 ] Trasdeza comentou:

Parabéns polo artigo Lucía

[03-05-2010 ] tantoten comentou:

Moi bo artigo, claro e conciso. A seguir así, ánimo!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña