01:52 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-07-2014

A Unión do Povo Galego cumprirá este próximo 25 de xullo cincuenta anos de existencia. Cinco décadas de denodado compromiso, teórico e -sobre todo- práctico

A vixencia do comunismo patriótico en Galiza

Valorar (29)

XABIER PÉREZ IGREXAS



A Unión do Povo Galego cumprirá este próximo 25 de xullo cincuenta anos de existencia. Cinco décadas de denodado compromiso, teórico e -sobre todo- práctico, a prol da liberación social e nacional do noso povo.

Cincuenta anos son un treito curto observado con lentes históricas. Porén, non é frecuente ter a oportunidade de celebrarmos un aniversario deste alcance. A obsolescencia programada que impón a lóxica do sistema para os bens de consumo ten tamén a súa expresión política na sacralización do efémero, no culto ao ex novo. O posmodernismo ideolóxico que fixo permeábeis ao discurso dominante, e os seus axiomas, mesmo a amplos sectores da esquerda, despreza a acumulación histórica resultante do axer continuado no tempo. Minusvalora o enorme valor da experiencia que se atesoura no contraste práctico das posicións políticas coa realidade na que se desenvolven. No caso da UPG, a súa demonización por parte da clase dominante e dos seus altofalantes mediáticos, ten a ver tamén co feroz anticomunismo que a derrota da URSS espoleou.

Precisamente hoxe cando o discurso dominante apoloxiza efectistas fórmulas políticas de usar e tirar, cómpre reivindicarnos a continuidade coherente e a vixencia do proxecto político colectivo que fixo nacer a Unión do Povo Galego. Arestora, cando acudimos a unha radicalización sen precedentes da loita de clases, a caracterización que historicamente fixo o Partido de como esta se materializa na nosa nación, por mor da forzosa dependencia colonial á que nos someten, é especialmente atinada para definirmos o momento presente. Nunca como antes, polo menos nas últimas décadas, foi tan obxectivo o violento confronto entre o capital monopolista español (articulado en oligarquía transnacional) e o povo traballador galego. Nunca como antes, foi máis evidente a relación de interdependencia entre a cuestión nacional e de clase, como caras dunha mesma problemática indivisíbel e que non son resolúbeis separadamente.

Os efectos da globalización neoliberal remataron por visar o acerto da formulación antiimperialista que desde o inicio sostivo a UPG, face a renuncia do eurocomunismo e o papanatismo europeista de boa parte da esquerda continental. A maior concentración e centralización de riqueza,  e as manifestacións políticas, económicas, sociais e territoriais deste proceso inherente ao capitalismo, do que é clara expresión o denominado proceso de construción europea así como a súa indisimulada articulación co bloque estadounidense (do que o Tratado de Libre Comercio en proceso de negociación será o seu penúltimo corolario), obxectiviza que a superación do sistema capitalista pasa inescusabelmente polo combate baixo coordenadas antiimperialistas, no que a conquista e o exercicio da soberanía nacional e popular é a primeira das tarefa.

Cincuenta anos despois, o contributo da UPG tense demostrado fulcral no alargamento da conciencia nacional galega e da súa organización práctica, que cristalizou con base no principio de autoorganización no artellamento de expresións sindicais, estudantís, culturais, ambientais, etc. propias, en chave netamente galega, e que foron e seguen a ser o insumo imprescindíbel para facer unha empresa viábel o obxectivo estratéxico da plena emancipación nacional e social de Galiza. Esta achega, asentada nunha entrega militante (e colectivamente) marcada pola xenerosidade, foi un factor fundamental para evitarmos a completa asimilación á realidade estatal e para consolidar, e enraizar no povo, a alternativa nacionalista. Con certeza, seríamos menos País se as e os comunistas galegos organizados na UPG non tivesen entregado o mellor de si mesmos á construción, canda outros e outras patriotas, de organizacións como os actuais BNG ou CIG, e os seus antecedentes. Repasarmos a historia recente escudriñando o papel que o nacionalismo galego, nas súas diversas formas e ámbitos de actuación, xogou nela corrobora o anterior. Non houbo problemática de calquera tipo que afectase ao noso povo que non contase coa acción decidida do nacionalismo na súa defensa.

Cincuenta anos despois a UPG ten inda máis razóns para existir e actuar que cando un grupo de atrevidos compatriotas a fixeron nacer en plena ditadura fascista. Revisitar os seus dez puntos fundacionais (LINK: http://www.calameo.com/books/000471136a1243d07efa9) amosará que a vixencia do Partido non responde só ao papel que continúa a xogar como pedra basilar, mais non exclusiva nin excluinte, do propio movemento nacional popular galego. A necesidade da UPG, coas súas actualizacións programáticas e organizativas (propias dun relacionamento dialéctico coa realidade, pero que non se poden entender nunca en chave de renuncia), vén determinada polo feito de que a súa misión política e histórica, os seus obxectivos estratéxicos (enunciados no artigo primeiro dos seus Estatutos), malia os notábeis avances rexistrados no treito histórico xa percorrido, inda non foron conquistados:

A Unión do Povo Galego, fundada en  1964, é un partido que defende prioritariamente os intereses de todas as clases traballadoras da nosa nación. A UPG é un partido comunista patriótico porque asume a loita de liberación nacional, na perspectiva da instauración dun Estado galego democrático e popular, para acabar coa colonización que padece o País como paso indispensábel para a construción do socialismo.

Xa que logo, botando man da inxente bagaxe acumulada nestes primeiros cincuenta anos, cómpre collermos azos para seguir a enfrontar o presente coa ollada posta no horizonte esperanzador dunha Galiza ceive e socialista.  Acumulando forzas, sumando máis conciencia social (organizada e actuante) a este propósito emancipador, que só será factíbel baixo o liderado da maioría social que representa a clase traballadora.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña