21:22 Sabado, 15 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-05-2010

A crise está a afectar na Comarca de Vigo e a súa area de influencia de unha forma devastadora poñendo cifras de Paro alarmantes pasando xa a cifra de 60.000 persoas

A comarca de Vigo en alerta vermella

Valorar (3)

SERAFÍN OUTEIRO FERNÁNDEZ


Traballadores da conserveira Alfageme reclamando en Vigo o mantemento do seu emprego

A crise está a afectar na Comarca de Vigo e a súa area de influencia de unha forma devastadora poñendo cifras de Paro alarmantes pasando xa a cifra de 60.000 persoas. Temos que ter en consideración que en moitos casos  ningunha persoa da familia ten xa, unha fonte de ingresos, noutros só se conta con prestacións por subsidio de desemprego ou salarios moi baixos de traballos precarios. Trátase dun problema grave, que necesita do compromiso de todos os sectores da sociedade para solucionalo, porén fundamentalmente de medidas efectivas por parte do Goberno central e a Xunta de Galiza, xa que afecta ao conxunto da actividade produtiva e aos servizos, e polo tanto tamén a aquelas traballadoras e traballadores que non están hoxe afectados directamente pola lacra do desemprego.

Na comarca de Vigo entre os sectores que máis sofren a crise, coma no resto de Galiza, están a construción e os servizos, e tamén actividades que son básicas nesta parte do país como o  automotriz e naval. Nas auxiliares do automóbil, tamén en Citröen, onde xa non están a renovar seus contratos a 800 eventuais. En xeral, non foron nin están a ser renovados milleiros de contratos eventuais -demostrando a relación directa entre temporalidade e desemprego que de sempre denunciou a CIG-, e boa parte do cadro de persoal fixo pasou períodos de suspensión temporal de actividade. No naval perdeuse moito emprego, polo descenso de actividade, pero tamén houbo substitución de man de obra residente na comarca, por traballadoras/es foráneos, "máis baratos" e non organizados sindicalmente, e polo tanto máis facilmente explotábeis. Tódolos sectores en xeral están a padecer os efectos da crise, ou da aposta patronal por deslocalizar as empresas na procura de maiores beneficios, subvencións públicas ou sinxelamente para especular cos terreos.

Neste período de tantas dificultades para as e os traballadores/as, ao que se suma o peche masivo de pequenos comercios e empresas, a patronal quere aproveitar o momento da crise para aumentar lucros impoñendo salarios mais baixos e condicións laborais máis duras e precarias, contando coa complicidade dos Gobernos central e da Xunta (en mans do PSOE e do PP respectivamente), que mesmo abren ao negocio prestacións publicas esenciais (a privatización do novo hospital de Vigo é un exemplo) Por iso o nacionalismo está a ter un especial papel en Defensa de unha Sanidade Pública, como unha cuestión de vida o morte entendendo que é un Servizo esencial para os traballadores/as.

Esta grave situación fai  que Vigo e a súa Comarca, se desangre sen que a Administración Galega e a española fagan nada por salvar unha comarca obreira, moi industrial, que marca o rumbo da economía en Galiza e, polo tanto, chave na recuperación económica e na xeración de emprego. A falla de confianza dos seus cidadáns poñen en perigo a recuperación a curto prazo, facendo que salten tódalas alarmas, esperemos que esta situación non poida contaxiar ao resto da Galiza.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña