15:52 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-06-2014

É a maragatería “Territorio de tránsito e raíz”, dominada polo seu monte sacro, o Teleno, no que se adorou a Marte

Astúrica, os maragatos, o comercio e a cultura galega

Valorar (19)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



Mais alá das orelleiras das catro provincias, existen esas outras dúas partes da Galiza histórica, a Bracarense e a  que tratamos hoxe aquí, a Asturicense, repartida entre Asturias, León co Bierzo e a Maragatería e aínda Sanabria e Zamora. Onde o delirio desembocou na “idea imperial leonesa”. Encrucillada pra xentes curtidas no camiño, a dos “mercator”, nación, escola de maiorais, da arrieiría,  cosendo e bordando a economía, a cultura, a levar e traer viño, aceite, pemento, embutidos, afumados, salgados, escabeches, ferramentas, cobertores, curtidos, panos, aderezos, adornos exóticos chegados ós portos de oriente ou das indias... Señores das mercadorías que rematarán establecéndose á beira do camiño, creando coloniais, ultramarinos, peixarías, ferraxerías ... con apelidos como Salvadores, Alonso, Carro, Botas, Somoza, Nieto, Ramos... os primeiros novos ricos. Moitos deles vermellos de cabelo, bigotudos, coidados no vestir, noutrora con calzóns avultados deica os xeonllos e axustados con cintos chatolados, chaleco, leontina, botas, sombreiro... elas con saias floreadas, medias bordadas, e nas festas con eses colares de doas de vidro e filigrana, cargados de relicarios , amuletos e cruces. O carromato de rodas radiadas, cuberto por arcos e lona servía de tribuna ambulante para cantares roncos, acompañados polo renxer do eixo, o bater dos axóuxeres, o pandeiro do trepar dos facos, complementado co sonar da chifla, o acordeón ou a zanfona... Señores sabedores de historias e refráns, de contos e versos populares, fonte de noticias. Os maragatos levaron e trouxeron tradicións, incorporaron modas, xantares e tamén verbas, as do astur-leones-mirandés, quizais  como a de “pulpo”, xantar noutrora pobre, das feiras e das romarías. As palabras non soamente son cousa dunha especie de matemática que é a filoloxía, senón que se impoñen tamén por caprichos, por deformacións, levadas, traídas, alteradas, maltratadas polo seu uso e o abuso no traballo, no comercio, na festa, no loito, no amor ou na carraxe ...  Ben o sabía o ilustrado Padre Sarmiento, natural desa Vilafranca que abre portas ás empinadas abas da Faba e do Cebreiro, vixiadas por torres  e templos que foron templarios. No devalar da Historia houbo moitos outros sabios “asturicenses”, os que aguilloaran un renacemento cultural e literario na Galiza, como foi Marcelo Macías que tanto influíu en alumnos ourensáns como Otero Pedrayo, Risco ou Cuevillas, senón tamén na Coruña  Anxo Martínez Salazar que apoiou a Murguía na súa tristeira soidade e na creación da Academia Galega, para seguir a ser cidade-Faro. Saga continuada por Martínez Morás e logo polo fillo deste e neto do anterior, o polígrafo Carlos Martínez Barbeito. Pero houbo alguén máis da mesma estirpe, don Xosé María Luengo Martínez, que herda e complementa mobiliario, documentos e cousas do seu tío avó don Anxo. Todo o que coidou como nun pequeno museo familiar no seu piso da rúa coruñesa Juan Florez. Bens que as súas fillas, ao morrer no 2011, deixaron integro ao Museo Arqueolóxico da Coruña, institución que polos anos sesenta e contra moitas desventuras foi creado polo  empeño deste astorgano. Luengo, en momentos ben difíciles escavou e potenciou o Castro de Elviña ou a necrópole da rúa Real da Coruña  e pasará á Historia por esa loita en defensa do patrimonio coruñés, até denunciando e gañando o contencioso para que a poderosísima FENOSA retirase o poste eléctrico sobre a croa do castro de Elviña... sentencia desobedecida. Neste 2014 a precariedade de  espazo e medios do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, fixo que o centro e o Concello da Coruña  compraceran ás  teimudas ansias do concello de Astorga por facerse con estas coleccións. Así é que finalmente o legado coruñés  de  don Xosé María Luengo cedeuse a Astorga para a súa exposición pública. Pese á teimuda ansia de  María Dolores Luengo, a derradeira legataria, de que todos eses bens se centrasen no Museo Arqueolóxico da Coruña,  creado e dirixido polo seu pai e pese ós reiterados ofrecementos feitos dende Astorga e Ponferrada, onde se venera a memoria de don Xosé María.

É a  maragatería “Territorio de tránsito e raíz”,  dominada polo seu monte sacro, o Teleno, no que se adorou a  Marte, altares referentes na obra de Leopoldo Panero. Encrucillada que, máis alá do Manzanal, ou do Morredero e de Peñalba,  abre ó Bierzo, a Valdeorras, pero tamén a Laciana, a Babia, a Somiedo e Muniellos, a León e a Riaño, e ó sur ós Campos Góticos ou “campos galaicos”, Benavente, territorio de señores feudais que que pretendían Ourense e a Coruña.

Algúns asocian o nome de maragatos a mouriscos, a “mauricatus” (cousa de mouros), a “mauri-capti” (mouros cautivos), outros déixanse arrastrar polo mito e póñeno en relación co rei astur Mauregato, ó que se lle atribúe a lenda de entregar a Abderraman I o tributo das cen doncelas.... outros etimoloxistas dispáranse  e remíteno ó vencello de dos produtos que tran e levan, do “mar aos gatos”. Xa que como “gatos” coñecíase popularmente ós  madrileños... Outros asocian mouro e godo e mesmo hai que atribúe o nome por vestir as “maragas”, aínda que Luengo  coida derivalo de “mercator”, e así aparece nunha lauda sepulcral do século XVI conservada no Museo Arqueolóxico da Coruña, onde xunto coas siglas identificativas do defunto, sinalase o seu oficio “mercator” e refórzase cos símbolos da tralla e da bolsa.

Luengo, na súa mocidade, alá polos anos vinte iniciou un estudo sobre os maragatos, interrompido pola guerra e pola misión arqueolóxica na provincia da Coruña , retomado ó final. Trátase dun amplo e ilustrado volume, especialmente centrado na arquitectura, coidada edición de 1994,  postuma, de 500 exemplares numerados, realizada pola Deputación de León. Un clásico na cuestión maragata.  Introdúcenos nese pobo expansivo, con similitudes cos xudeus, viaxeiros non so pola península, senón incluso polas américas,  colonizando pampas, configurando cidades lineais con perdurables comercios. Representados pola figura mítica de Pedro Mato, escultura que coroa os pináculos da catedral de Astorga e Zamora, disposto a catar a rosa dos ventos. Neste ir e vir o núcleo leonés creou, mantivo e espallou institucións para a relación e a convivencia, traspasadas en herdo.  E sempre por detrás ou por diante, pechando o ciclo, o marco espacial, inicialmente nacido das provisorias pallozas, para logo ser ricas quintas, a casa, un xeito de Ithaca ó que volver.

Luengo explica no prólogo, feito nos seus últimos días, que polos novos sistemas de transporte, pérdense xeitos que explican tradicións, algunhas aínda vivas no contorno do camiño de Santiago: Manjarín, Foncebadón, Busnadiego... Santa Coloma ou Castrillo de los Polvazares, célebre agora polos mesóns arredor da tradición maragata e que con gran oposición veciñal, foi declarado conxunto Histórico-Artístico no 1980. Luengo refírese tamén ós despropósitos sobre os maragatos, como aqueles que din seguir tradicións árabes, que mesmo corrían a pólvora... O que si é certo é que moitas influencias infiltráronse na idiosincrasia deste pobo que une  comercio entre norte e sur, oriente e occidente. E algo que deben ter en conta  os puristas da tradición, que non foron tan conservadores, como se cavila, senón proclives a introducir, experimentar e comerciar co de aquí e co de acolá. Até experimentaron na súa arquitectura coa galería de tipo coruñés.

Os maragatos coseron moitas tradicións e con elas palabras que as expresan. Non se fai máis que seguir vellos camiños, unir cidades nacidas con fins estratéxicos e comerciais. A orixe estaba na trindade que foi a Gallaecia Romana e logo Suevia. E nela Astúrica, a de “Asti-Orgia”....co rebulir de milites, “procurator metalorum”, controladores das minas próximas, artesáns, comerciantes e onde asentou cedo a misión cristiá e as faccións heréticas como o priscilianismo....Territorio arrasado no 456 polo visigodo Teodorico en reacción a expansión do suevo Rechiario,seguido da pax visigoda que incentiva fundacións monacais. A partir do 711 a expansión islámica, gobernando Astúrica o bereber Munuza...até a reconquista  abandeirada co lábaro da cruz polo “Paios”  ou Pelaios ocultos  naquelas montañas... a repoboación con mozárabes, xudeus... o enredado labirinto da Historia de Galiza.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña