23:33 Xoves, 06 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-05-2014

Tres modelos de colonialismo ensinaban nas aulas das universidades peruanas de comezos dos oitenta: o español, o francés e o inglés

Tres modelos de colonialismo

Valorar (15)

XURXO MARTIZ CRESPO



Tres modelos de colonialismo ensinaban nas aulas das universidades peruanas de comezos dos oitenta: o español, o francés e o inglés. Era o tento de explicar racionalmente o que foi… o que é. Segundo os profesores peruanos de socioloxía daqueles tempos, os tres modelos tiñan unha cousa en común: o roubo dos recursos naturais a calquera prezo. Diferenciábanse nos medios e nas formas. Por un lado estaba o español, que pretendeu escravizar a poboación autóctona, os indíxenas, e debido á súa baixa produtividade, decide escravizar negros africanos. O español decide «mesturarse» (violar ou facer uso da propiedade no caso das escravas negras) co escravizado ou co indíxena local, ante a ausencia de mulleres españolas (América era un sitio de paso e non para permanecer). O nacemento do mestizo crea unha nova clase que non pertencía nin ao escravizador nin ao escravizado e que máis tarde faría decretos coma o do Guerra a muerte de Simón Bolívar, que condenaba á morte a todos os españois que non participasen activamente nas loitas independentistas.        

O modelo francés, explotador e negreiro coma o español, estaba salferido de pinceladas «boistas» de espíritos ilustrados. Mentres mataban, roubaban e escravizaban a poboación local, pretendían darlles un baño de «glamour» por medio do ensino e escolarización en francés e, polo tanto, a apertura dunha posibilidade de mudanza.        

Por último está o sistema inglés, o máis perverso dentro dos perversos. Consistía nun total desprezo da vida humana dos territorios colonizados, é dicir, algo así coma o termo «untermensch» empregado polos alemáns durante o goberno de Hitler. Aquí non había mestizaxe nin adoutrinamento, senón xenocidio e escravitude. Non hai poboación mestiza polo noxento que representa para o conquistador a idea de «mesturarse» con seres inferiores.   Os resultados destes tres modelos nas sociedades poscoloniais son abraiantes. As sociedades colonizadas por españois, os descendentes desa mestizaxe forzada, non teñen ningún vencello nin co actual Estado español nin cos españois, a non ser o seguimento da liga de fútbol española.        

O resultado do sistema colonial francés agromou unha clase poscolonial afrancesada que hoxe é difícil atopar. O francés foi perdendo terreo nas sociedades poscoloniais e aínda se mantén en determinados niveis de escolarización para fornecer determinados Estados africanos de man de obra exportábel a Europa que representa unha fonte de ingresos.        

O resultado do máis pernicioso dos sistemas de explotación colonial foi o que mellor resultados deu á metrópole. A meirande parte dos Estados independentes actuais, Caribe,  América e Oceanía, escravizados polo imperio británico, manteñen a raíña coma «Cabeza de Estado». Os seus xuíces repiten escenas do colonizador e tratan de imitalo poñendo as  perrucas dos xuíces ingleses, cando imparten xustiza,  ou os avogados cando defenden un ladrón de polos.          

Na calor abafante do Caribe ou africana, a suor percorre a faciana das «súas señorías» mentres se apuñalan mutuamente por ter cadeira na organización que o colonizador fixo para seguir mantendo «a chusma a raia»: a Commonwealth.      

Esta caste de síndrome de Estocolmo» dos países colonizados polo peor dos colonizadores (partindo do principio de que ningún é bo) dános unha serie de pistas sobre o comportamento totalmente inadmisíbel dos Estados Unidos respecto ao mundo. Algúns resultados danlles a razón.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña