04:42 Luns, 28 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-04-2014

Xordos, mudos, cegos... consumistas impulsivos, insensibles adoradores da negación de ser Nós

Derradeiras vontades de Díaz Pardo

Valorar (20)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



A historia de Sargadelos segue a ser noticia dende ben andado o século XVIII, cando o ilustrado Raimundo Ibañez se lanzaba dende Galiza ó reto de competir co mundo e buscaba saídas na industria do ferro e da porcelana. E sempre no camiño a tropezar cos pecados capitais. Á ilusión seguiulle a destrución e novas esperanzas no século XX. E volta á condena de ter que repetir unha historia por non tela aprendida. Sargadelos foi noticia agora polo desterro e morte do seu máis representante creador, seguida da desfeita, a cadea de eres, concurso de acredores e todas as pragas da crise a cubrir unha empresa nacida para resistir embates de peores crises. Iso si entre o labiríntico “aparato cultural” entre o que nos movemos, de mesas, despachos e burocracias, ministerios, consellarías, concellerías, consellos, academias, museos e outras confrarías, cos seus directores e subdirectores, secretarios xerais e asesores que haber hainos para “facer cultura” de “actos” e “exposicións” que a iso queren reducila. Para entender a “cultura” como algo práctico compre volver ós panfletos, ós escritos, mesmo ós debuxos e pinturas de Isaac, cos ollos, ás orellas, ás engurras da faciana tensionadas, a enxergar o acontecer, atentos ás encrucilladas da vida, entre as que se circunscribe o imprevisible ser humano.

Incapaces ou insensibles para recuperar a sementeira usurpada, o Seminario de Estudos Galegos

A Arte nunca morre, morren os artistas e a súa ética e estética pervive, retómase e recréase, namentres os historiadores dedícanse a contar pasados que deberan servir para iluminar presentes e futuros. Así as ideas de Risco, Bóveda, Castelao, Otero Pedrayo, Cuevillas… da sementeira do Seminario de Estudos Galegos, dos tempos do “Nós”, as que prenderon en rapaces agudos e en mozos, como Seoane e Díaz Pardo, coa ansia de dignificar entre tanto esperpento canto significaba Galiza e a desenvolver una teoría e sobre todo unha praxe de rexeneración sobre o terreo. Eran tempos máis difíciles, os da ditadura, de exilio, de censuras e medos, de nacentes industrias contaminantes, de deshumanización e emigración, pero con sólidos redutos de resistencia creadora. Así é que o que ten razón de ser, resucita alí onde hai primaveras. Coa morte de Castelao, Maside, Seoane ou Isaac Díaz Pardo non morreron as súas ideas de humanismo e rexeneración, volverán se poñemos a mirada atrás, nas causas e efectos, nas pedras do camiño, nos tropezos dos que aprender e corrixir … Cousas así estaban na teimosía pedagóxica de Isaac, en toda a documentación publicada, nos seus carteis de cego, nos seminarios, mesmo en panfletos, nos escritos de puño e letra con xis sobre os taboleiros espallados por aquelas “industrias da memoria”. Algún día a alguén ocorreráselle montar una exposición práctica sobre este testamento “político cultural”, como el mesmo dicía. Novamente a remoer nos seus derradeiros escritos, lonxe daquelas liturxias de botafumeiro que abafaban as ideas, estampándolle premios e medallas, que sempre refugou e ás que arrastraron ó máis que derradeiro bo e xeneroso, namentres se desbarataba unha obra necesaria e de varias xeracións sensibles. Isaac deuno todo, a súa é una vide de teoría e praxe ao servizo da dignidade do ser humano, sen vacacións, máis que de traballo, cos sentidos aberto a todo, confiado. Cría saber onde e con quen se metía e non faltou quen se atreveu a advertilo, como Seoane até o seu derradeiro e fatal intre e a súa mesma familia e amigos … pero a teimosía e a esperanza persistiu ate o final, pese ao que acontece e conta: “ a primeira foi a de interromper as Edicións do Castro, que non lograron porque a maioría tena Moret… Segueron a destruír o que representa o Laboratorio de Formas de Galicia, como recuperador da memoria histórica e a desprazar a imaxe cara á gastronomía e o folclorismo. Atacan o problema polo Instituto Galego da Información (IGI) onde se artellan as publicación, se montan as exposicións da Galerías das tendas de Sargadelos con temas reivindicativos, relativos a tantas cousas perdidas, fusilados, exiliados, o paso de Atila por Galiza. Privando ao grupo do aporte cultural, desiñístico… e gastando máis dun millón de euros no desmantelamento e outro tanto en salarios….cerrando galerías e eliminando o compromiso cultural”. A orixe, a orixinalidade, o espírito que diferenciaba ás producións do Castro e de Sargadelos , o que atraía fronte á despersonalización das baratixas. A proba e que todos regalamos, recibimos Galiza e temos en lugar preferente para ese anaquiño de caolín traballado, policromado con saberes de Terra, memoria, tradición e creación, e debémolo seguir a facer, pese ó actual e persistente “esquecemento da inxuria o rudo encono. “Hai un intento de destruír estes compromisos, a min e aos meus fillos, para que que non quede semente e privarme da máis mínima retribución , a min e á miña muller (que creou a sección de xoiería). E dicir establecer un verdadeiro couto para nos render, a min representante da ideoloxía da recuperación da memoria histórica …

Xordos, mudos, cegos... consumistas impulsivos, insensibles adoradores da negación de ser Nós

Isaac pregúntase que ideas poden mover a estas manobras. “Como a perda de control, cando entraron na editorial ao saber que se estaba imprentado un facsimilar sobre “Ruedo Ibérico”, feito hai case 50 anos polos galegos antifranquistas exiliados … fíxose un asalto a algo que non é deles, meteron os libros en caixas, precintáronos e prohibiron a súa distribución …” Segue a preguntarse como non actuou a autoridade de oficio a quen fixo isto en plena democracia, e teme que calquera día entran no Museo Carlos Maside e leven algunha obra “alegando ámbito mercantil”.

Logo de trinta e moitos anos de democracia fican aínda nostálxicos do franquismo, uns a cara descuberta, outros disfrazados. Nestes anos ningún goberno galego conseguiu recuperar o Seminario de Estudos Galegos, a pesares do exemplo que nos daba Cataluña co seu Institut d ´Estudis Cataláns ….O Laboratorio de Formas de Galicia foi o único que creou un novo Seminario, axudado polos sobrevivintes que preferiron sacrificar as súas vidas antes que vivir baixo o franquismo e por máis novos investigadores”

Non ben se fixeron coas administración das fábricas por medios dolosos polo que están querelados, non perderon tempo en atacar ao Seminario de Sargadelos, ao IGI, ás Edicións, a todo canto significaba compromiso …..até o tema das imaxes foron substituídas por cousas intranscendentes do peor cosmopolitismo”. E con ese humor retranqueiro e duro sobre o acontecer, segue a dicir sobre a nova orientación, “máis asequible a calquera ganancia facilitada por xentes que os axudan dende a sombra … e cando os fan dar a cara e mandan a Cuba a vender caixas de porcelana para puros habanos, con semellante disparate, non os mandan a apoiar a revolución cubana, nin a interesarse polo que fixeron os galegos dende aquel país na reivindicación dos dereitos históricos da nosa Terra. Non, mándanos a despistar e para quen non se note a destrución que ían facer acabando co que fixo o Laboratorio de Formas durante máis de trinta anos. Obra destrutora con antecedentes deses nostálxicos do franquismo, e non digo nin culpo aos conservadores que colaboraron de boa fe coa democracia, cos que nalgún punto eu podo identificarme…” e unha posdata “ amáis van facer negocio vendendo o que queda”. Velaí a derradeira lección do mestre, dun mago que morre no día de magos do 2012, a pesares de todo coa confianza no ser humano, que fai e desfai xustiza, crea e tamén espolia. Testamento, testemuño, testemuña de ética e estética ó servizo da dignidade de Galiza, enredado nun affaire económico e con transcendencia cultural e por riba de todo política.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña