12:12 Sabado, 06 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-05-2010

Os 36 anos do 25 de abril celébranse nun marco de crise económica e conflitividade social e laboral

Portugal conmemora a revolución dos cravos con contestación ao PEC do goberno Sócrates

Valorar (7)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


Manifestación conmemorativa da "Revolución dos Cravos". Lisboa, 25 de abil de 2010


As mobilizacións populares conmemorativas dos 36 anos da revolución do 1974 contaron este ano cunha nutrida presenza de persoas e colectivos,  presenza superior á agardada e que incluso sorprendeu aos comentaristas de prensa e a algúns dos participantes na manifestación central en Lisboa.

Como xa é tradición a marcha percorreu a Avenida da Liberdade até desembocar no Rossio e nas faixas que portaban moitos dos asistentes ademais das reivindicativas dos principios da revolución de abril destacaban as que facían referencia á situación económica e denunciaban as medidas que tenta poñer en marcha o goberno do Partido Socialista de José Sócrates no Programa de Estabilidade e Crescimento 2010-2013, coñecido popularmente como o PEC e rebautizado como Plano de Exploração Capitalista; unhas medidas que entran na lóxica definida pola Unión Europea e marcan como obxectivo para Portugal a redución a un 2,8% no 2013 dun déficit público que no 2009 foi do 9,3%.

A CGTP-IN (central sindical maioritaria en Portugal) e as organizacións políticas de esquerda rexeitan o contido do PEC,  por consideralo lesivo para os intereses da maioría da poboación e para os intereses da propia economía nacional. O PEC, que como non podía ser menos recibiu as louvanzas do presidente da Comisión Europea Durão Barroso,  entre outras contempla a aplicación das seguintes medidas:

- A conxelación salarial por catro anos para os traballadores e traballadoras da función pública e o aumento da idade de xubilación.

- Recortes nas prestacións de desemprego, unhas prestacións que hoxe só reciben o 50% dos desempregados.

- Aumento dos impostos para a maioría da poboación que fai a declaración do IRS (a nosa declaración da renda) debido á rebaixa nas deducións por saúde, educación ou vivenda.

- A rebaixa da procentaxe de orzamento adicado ao servizo nacional de saúde e ao ensino.

- A privatización de importantes empresas que neste momento son de capital estatal e reportan importantes beneficios como as enerxéticas GALP e EDP, os Estaleiros Navais de Viana de Castelo, a compañía aérea TAP e a que xestiona os aeropostos ANA, a de transportes CP e varias do sector financeiro.

O goberno de José Sócrates, sen maioría absoluta na Assembleia da República desde as eleccións de setembro pasado, contou cun importante apoio parlamentar na votación parlamentaria da primeira resolución de toma en consideración do PEC o 25 de marzo; ese día o PSD partido maioritario da dereita portuguesa abstívose  favorecendo a súa aprobación.

E novos acontecementos desta mesma semana dan a entender que esa alianza PS-PSD vaise manter ao longo de todo o proceso que resta para a aprobación parlamentar definitiva das distintas medidas do PEC. O pasado mércores celebrouse unha reunión de urxencia entre o primeiro ministro Sócrates e o novo líder do PSD Passos Coelho para supostamente dar resposta á decisión da axencia internacional de cualificación crediticia Standard & Poor's de rebaixar a solvencia da débeda lusa, decisión que provocou grande inestabilidade na bolsa. Nesa reunión anunciouse o acordo entre primeiro ministro e líder do PSD para adiantar algunhas das medidas contempladas no PEC relacionadas con alteracións no subsidio de desemprego e no cobro das prestacións sociais. Esta alianza amosa que ambos partidos comparten unha mesma política económica, e que as declaracións aos medios de comunicación do líder do PSD de que con este apoio non estás a favorecer a actuación do primeiro ministro senón que está a comprometerse activamente co pobo portugués que está a pasar por unha situación difícil son só para tranquilizar aos seus apoiantes máis extremos e a algúns membros do grupo parlamentar que son reticentes a apoiar ao goberno.

Unha vez máis as cores rosa e laranxa (cores corporativas do PS e do PSD respectivamente) están unidas con intención de levar adiante a política económica ditada polos especuladores financeiros e a grande patronal, proseguindo o labor que fixeron hai agora 25 anos cando se tratou de impoñer as políticas ditadas pola CEE que supuxeron o desmantelamento dos sectores produtivos en Portugal.

Esta alianza xa foi denunciada polo PCP e o BE; lembrando ademais os comunistas portugueses que as axencias de cualificación non son imparciais e forman parte da estratexia do grande capital de crear inestabilidade en determinadas economías nacionais para favorecer a outras.

En Portugal nos vindeiros meses prevese unha agudización da crise, sendo a declaración da Standard & Poor's sobre a débeda só o primeiro paso na estratexia de creación de inestabilidade, tal e como se fixo no seu momento con Grecia;  pois cada vez vese máis ás claras como a denominación de PIGS ("porco" en inglés) na que se engloba en medios financieiros anglosaxóns a Portugal, Irlanda, Grecia e o Estado Español non é unha brincadeira;  senón parte dunha estratexia que busca facer dos países que foron máis "beneficiados" polas axudas europeas no proceso que levou a unha Unión Europea de 15 membros, os máis perxudicados pola crise e polas súas consecuencias de reestruturación das relacións económicas inter-estatais no marco da nova UE.

Fronte a esta negra perspectiva hai xa tempo que se producen protestas e mobilizacións das que a maior afluencia ás actividades do 25 de abril, as loitas dos distintos sectores da función pública ou a folga de transportes do pasado luns son exemplos que proseguirán nas manifestacións do primeiro de maio convocadas pola CGTP e outras accións previstas para as vindeiras semanas. Accións todas elas que xunto coas lóxicas reivindicacións sectoriais esixen unha nova política económica para Portugal, unha política alternativa que contemple:

- Aumento de salarios e pensións e apoio aos desempregados,

- Investimento nos servizos públicos e sociais,

- Apoio ás pequenas e medianas empresas e reforzo do sector empresarial do estado en defensa da produción nacional,

- Unha política fiscal que conleve maiores impostos para os beneficios da bolsa, as empresas con volumes de facturación máis elevados e as grandes fortunas.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña