00:28 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-03-2014

Galiza está padecendo unha auténtica e planificada destrución produtiva

En perigo de extinción

Valorar (19)

MARÍA TEREIXA PAZ FRANCO



Fai  un par de semanas visitei unha explotación láctea na parroquia de O Río en Rodeiro. Unha explotación familiar, que diversifica a súa produción de leite coa avícola e coa horta. Unha explotación que malia os seus esforzos só conta con 13 hectáreas de base territorial sobre a que asentar a súa cabana. Até aquí todo bastante habitual. Cal é logo a súa singularidade? Un dos seus titulares é un mozo, un mozo moi novo e que decidiu que quería que ese fose o seu futuro. Un futuro na aldea vivindo do seu traballo na terra.        

Relateille esta experiencia a un grupo de amigos e a resposta dun deles foi: hai que coidalo, é unha especie en extinción!        

Até aquí todo podería parecer dentro da normalidade. Pero dei en matinar. Matinei porque quen fixo esta afirmación tan rotunda é un mozo de 28 anos. Un dos milleiros de traballadores que se viron sometidos a un ERE extintivo e ao desemprego. Un mozo con formación superior, que traballaba nunha industria tecnolóxica que pechou como moitas outras na nosa nación. El tamén é unha especie en extinción. A dos e das traballadores industriais con empregos de certa calidade retributiva e de condicións laborais.        

Galiza está padecendo unha auténtica e planificada destrución produtiva. Non se trata só de condenar ao paro ou á emigración a centos de compatriotas destruíndo o seu futuro, estamos ante o exterminio do futuro material da nosa nación. Non quero inzar de datos esta reflexión máis hai dous ben elocuentes que ilustran esta afirmación: entre marzo de 2009 e decembro de 2013, segundo o Instituto Galego de Estatística, en  Galiza perdéronse 15047 afiliacións á seguridade social no sector primario (agricultura e pesca) o que supón un descenso do 19,4% das afiliacións. No mesmo período, no sector industrial, desapareceron 35.536 afiliacións o que representa un descenso porcentual do 21,8%.        

Non vou enumerar aquí o rosario de industrias que pecharon en Galiza, nin das que aínda hoxe están na picota. Tampouco vou facer reconto das inxentes cantidades de cartos procedentes do erario público levaron por diante, que non sabemos para qué se usaron nin a que sumidoiro foron parar.        

Nese mesmo período de tempo tamén perdemos, neste caso o 100%, das entidades que podían constituír un sistema financeiro galego, ao servizo dos intereses da economía produtiva galega. Tamén aquí con miles de millóns de euros públicos que se volatilizaron.        

Que clase de modelo económico teñen deseñado para Galiza? Que clase de futuro pode ter unha sociedade condenada a non producir nada malia termos as condicións para facelo? Non son economista, tampouco futuróloga  pero teño claro que non  pode existir futuro para unha nación que non produce nin alimentos, de transformalos xa nin falamos, pero tampouco bens de consumo. O único que nos depara este deseño é ser viveiro de materias primas e man de obra baratas e no mellor dos casos, consumidoras do que outros produzan.        

Este é o contexto no que o Partido Popular e o Goberno de Núñez Feijóo deciden rexeitar e mesmo frivolizar coa proposta do BNG de crear un Instituto Galego de Crédito e Investimento, que sería un primeiro chanzo para unha Banca Pública Galega. Un instrumento que viñese paliar a seca de financiamento do noso tecido produtivo e a substituír un IGAPE, que en palabras da deputada Carme Adán “non fai máis que arrastrase pola economía galega como un zombie”, e instalado na cultura da subvención e do favor sen ningún tipo de control e, á vista do final que tiveron moitos dos seus proxectos industrias estrela, de dubidoso rigor e retorno para a sociedade.        

Posiblemente esta iniciativa do BNG por cativa que puidese parecer é das de profundo calado e que poderían mudar esta situación de modelo produtivo en descomposición. É unha iniciativa que podería evidenciar como este país ten potencialidades na súa base material e humana e que o único que precisa son instrumentos propios ao servizo do seu desenvolvemento. Representa que os cartos dos e das galegas, froito do noso esforzo e capacidade de aforro, decidamos nós como e en qué investilos. Significa decidir nós os sectores estratéxicos da nosa economía nos que centrar os esforzos para procurar un futuro. Significa un chisco de soberanía financeira que é a base para ter tamén un anaquiño de soberanía política. A base para existir.        

Será por iso que esta iniciativa ademais do desprezo do PP, só recibiu a indiferenza e a ocultación mediática máis absolutas. É curioso que aqueles que enchen a boca afirmando un día si, un día tamén que todas as organizacións somos iguais, que ninguén presenta alternativas, obviasen esta aínda que só for para ridiculizala. Todo proceso de exterminio precisa de actores e de cómplices. O do agro, da pesca, da industria, da paisaxe, da clase traballadora. Logo de moito matinar, cheguei á conclusión de que o Rubén só tiña parte da razón. En realidade é Galiza a que está en perigo de extinción. Tamén neste caso hai actores e cómplices.        

Galiza en perigo de extinción.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña