00:38 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-03-2014

Os novos monarcas necesitaban guerreiros expertos para estas campañas e os mellores que podían atopar eran os galegos

A conquista de Granada e a derrota de Galiza

Valorar (25)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



Un galego foi a guerra de Granada sendo ferido na cabeza por unha frecha visitouno o cirurxián quen dixo : Non escapará porque a frecha entroulle no siso”, ante iso o galego respondeu: “Iso non pode ser”, ao que o cirurxián respondeu enfadado: “estouno vendo eu”. O galego, mainiñamente respondeu: “digo que non pode ser iso, porque non teño siso, que si siso tivera eu a guerra non viñera”, isto que acabamos de ler aparecía impreso no periódico La Floresta Española (1807), nun artigo que abordaba o tema da participación dos galegos na conquista de Granada.

No noso anterior artigo vimos como trala derrota das tropas galegas que se enfrontaran ao poder dos Reis Católicos moitos nobres do noso pais, bastantes máis dos que nos teñen contado, tiveron que emigrar e os que non o fixeron acabaron someténdose ao novo poder.

A “Pax Galaica” que, como temos defendido anteriormente, semella máis unha doma e castración que o fin dunha guerra entre iguais, converteu a Galiza no celeiro de combatentes para as campañas que os católicos monarcas estaban a manter no sur peninsular.      

No ano 1485 os monarcas solicitan a Galiza o envío dun forte continxente de homes armados para estas guerras do sur. Os resultados desta leva, encargada aos condes de Ribadavia e Monterrei, non cumpriu as expectativas que a Corte agardaba, ou ben os citados condes non souberon insufla-lo ardor guerreiro nos nobres galegos ou ben estes nobres non tiñan desexo algún de ir combater cos mouros.      

Os novos monarcas necesitaban guerreiros expertos para estas campañas e os mellores que podían atopar eran os galegos, non por ser galegos, senón porque levaban bastantes anos en loitas continuas, primeiro entre eles e posteriormente en contra das forzas casteláns.

A visita que no ano 1486 realizan os Reis Católicos a Galiza tiña como fins comprobar in situ o estado de “pacificación” e o recrutamento de homes armados para as citadas campañas. De aí que se perdoe, de maneira xeneralizada, a tódolos nobres e homes armados que participaran na guerra en contra das súas católicas maxestades, ese perdón afecta tanto aos nobres que están en Galiza como aos que se  viran obrigados a emigrar. García Oro cifraba ese continxente de emigrados en 1500 homes aos que Carme Saavedra Vázquez definirá no seu artigo “Galicia al servicio de la política imperial” como “homicianos”, homes que foron acusados de cometer delitos durante os conflitos bélicos  que tiveran lugar en Galiza e que poden beneficiarse dun perdón xeneralizado. A citada investigadora afirma que o número destes “homicianos” que participaron nas campañas dos anos 1487,89 e 91 situaríase entre os 500 e os 1000. Non imos agora entrar nunha guerra de cifras xa que calquera delas, incluso a de 500, amosa claramente, tal e como temos defendido tantas veces, que a resistencia que os Reis Católicos atoparon en Galiza foi moito máis xeneralizada do que nos teñen contado e non só se circunscribiu a Pardo de Cela, ao Conde de Lemos ou a Pedro Madruga.          

Non debe de sorprenderse o lector polo termo “homicianos” non é o peor que se lles chamou aos nobres galegos emigrados a causa da súa loita en contra do estado centralista. No ano 1964 o investigador Miguel Anxo Laredo Quesada no seu libro “Milicia y economía en la guerra de Granada: El cerco de Baza”, afirmaba, sen tremerlle o pulso para nada, cando falaba  das tropas auxiliares que estas estaban compostas por soldados contratados e que el define como “delicuentes gallegos y asturianos que buscaban la remisión de sus culpas en el servicio gratuíto de las armas”. Estes “delicuentes gallegos” deben de ser os mesmos que eloxia con tanto ardor Hernando del Pulgar na súa Crónica de los Reyes Católicos, entre todos eles destacamos  o episodio do alférez de peóns de Mondoñedo, Lois Maceda, quen “sufrio el rezio acometimiento que los moros luego fisieron e se metio con la bandera que traia entre ellos, e algunos gallegos e  castellanos que le siguieron pelearon con tan grande denuendo contra los moros que los fisieron huir e retraher al castillo de Gibralfaro”.            

Pero non só saíron de Galiza os emigrados retornados senón que o noso país, tal e como dixemos, converteuse no celeiro abastecedor de soldados para os monarcas, así para a campaña de 1488 a Corte esixe que Galiza entregue un total de 1500 besteiros e 1500 lanceiros.          

O traslado de tropas armadas ao sur peninsular tivo dúas consecuencias inmediatas, o despoboamento de tropas no lugar de partida e o asentamento de maneira definitiva de parte destas tropas no sur peninsular. Sobre esta última consecuencia fala María Teresa López Beltrán no seu artigo Gallegos, asturianos y montañeses en el reino de Granada en la época de los Reyes Católicos.(Málaga 1487 -1518) no que afirma que a poboación de Málaga entre os anos 1487 e 1492 contaba cun 0.70 % de poboadores destas tres zonas, en concreto dos 43 que atopa no seu estudo, 27 son galegos (9 da provincia da Coruña, 7 da de Pontevedra, 2 da de Lugo e os 9 restantes baixo o epígrafe de “gallegos”).              

O sometemento total do noso país ás políticas dos monarcas españois provocou que Galiza se vise envolta en guerras con aliados naturais, estamos a falar de Portugal, Inglaterra ou Francia. Estes novos inimigos, antigos aliados, atacarán Galiza por dúas razóns ben básicas: a) por proximidade xeográfica e b) pola ausencia de tropas que nos defendesen. O estado español abandona a Galiza á súa sorte e esta ao carecer de defensas converteuse na presa fácil de piratas ingleses e franceses. O asalto de Francis Drake á Coruña é un exemplo da debilidade das defensas de Galiza que se repite ao longo do noso país, non hai pobo costeiro galego que non teña recollido nas súas actas municipais ou nos seus libros de defunción parroquiais constancia de asaltos de corsarios e piratas.          

Non son os exércitos españois os que veñen a defender Galiza en contra dos ataques piratas, terá que ser o pobo galego o que tome a iniciativa e se encargue de defender o que lle pertence. De igual maneira que no ano 1809 foi o pobo galego e non os exércitos españois o que parou ao mellor exército do mundo daquel momento, o francés.        

Como podemos ver a conquista de Granada conseguiuse grazas aos homes armados procedentes de Galiza pero ao mesmo tempo a conquista de Granada significou a derrota de Galiza.



[12-03-2014 11:28] cores70 comentou:

A orixe do mercado dos martes en Vilagarcía foi precisamente a consecuencia do reclutamento dos homes da recen creada Vila García (Sta Baia) e a pobreza a que estaban condeadas as mulleres e nenos. O mercado foi autorizado a celebrarse todolos martes para garantir a economía das familias despoxadas dos seus homes.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña