14:47 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-03-2014

Manuel Barros promove a fundación do Centro Galego de Bos Aires, sendo o seu primeiro presidente e saca a Revista Galaica

Manuel Barros ou os apoios cos que Rosalía podía contar

Valorar (16)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



Manuel Vázquez Castro, coñecido polo alcume de Manuel Barros, naceu en Padrón o 1 de febreiro de 1844. Logo de cursar os estudos primarios en Padrón, e facer secundarios en Compostela, bótase a atravesar o mar coa idea dos mozos que daquela tiñan conciencia de que o seu futuro estaría fóra de Galiza. Manuel Barros expresaba isto ao dicir que se sentía “feito para a exportación”.

Cando Manuel Murguía lembraba ao seu amigo morto facía referencia a isto rebelándose contra este destino. Dicía: “Debera ter dito mellor: Eu son a imaxe viva da xuventude intelixente que nesta época de industrialismo, vai contra a súa vontade, aguilloado polas necesidades, na busca do Deus millón. E alá foi el a onde van todos, a emprender contra a morte adversa o diario e dolorosísimo combate”.

Chega a Cuba no ano 1862, e segundo un amigo seu, José Novo, xa viña con algúns poemas baixo o brazo. Mais a súa vocación literaria unida ao seu activismo cívico tivo mellor asento no xornalismo. Primeiro como colaborador e cronista en Cuba, e finalmente como director de proxectos xornalísticos como a revista Galaica ou “La nación española” en Arxentina.

En Cuba participara activamente nas liortas que se vivían nesa Illa e colaborara na prensa promovida pola empresa editorial de Alejandro Chao. A mesma que daría ao prelo “Follas novas” de Rosalía ou “Aires da miña Terra” de Curros. As circunstancias nas que foxe de Cuba teñen que ver segundo o seu amigo José Novo coas envexas e xenreiras que provocou. O certo é que estes confrontos que tamén caracterizarán a súa etapa de Arxentina puideran deberse a rivalidades persoais, mais tamén a crise ideolóxico-política na que se vivía empuxaba a posicións encontradas sen fundamento ou soporte real.

Por exemplo, como tomar postura sobre o xeito de conducir o decadente imperio español a xestión do desprendemento das súas colonias sen que iso fose menoscabo do seu status internacional de potencia relevante. Era evidente para todos os políticos e militares, sobre todo da mariña, que era inviábel manter o dominio de Cuba fronte ao pulo expansionista -este si xa soportado nunha base material real- dos EEUU e sen embargo, ninguén era quen de defender a súa separación. Dise que quizais a guerra de Cuba contra os EEUU -polos termos en que se resolveu, case de trámite- foi administrada para satisfacción da opinión pública española que non toleraría este previsíbel final sen un xesto derradeiro de gallardía, como podía ser aquel que se lle imputa equivocamente a Méndez Núñez neste conflito ao referise a iso de que preferiría “honra sen barcos”. Despois de todo que vas preferir cando os teus barcos son obsoletos e inservíbeis. Lembremos o conto do Inglés de Castelao. O Estado Español pasaría a ter a mellor flota submarina ao afundírenselle ditos barcos. E como quedou a "honra"?.

O caso é que esa frase que pasou no imaxinario colectivo a asociarse a guerra de Cuba contra os Ianquis foi pronunciada realmente na que tiveron Bolivia, Chile, Ecuador e Perú contra España (1864-1866), onde este tan “honorábel” galego, Méndez Núñez, se adicou a bombardear vilas costeiras como Valparaiso. De feito esta frase foi dita cando se negou a facer caso aos chamamentos internacionais que ameazaban con intervir se bombardeaba ese porto indefenso e no que había tráfico de barcos de moitos países ademais dos chilenos. Sendo unha das primeiras masacres modernas de poboación civil, ou dano colateral. Mais esa é unha desas guerras que se borrou da historiografía española pois tal era a honra dos mariños que había que salvagardar. E este é o panorama no que un xornalista catalán, federalista e catalanista, como Mañé i Flaquer propón a venda de Cuba a EEUU. E a iso, parece ser que se enfrontou o noso Manuel Barros para defender a integridade territorial de España. Vaia papelón nos reservou aos galegos o Estado Español!.

Con todo o 9 de marzo de 1871 sae precisamente para EEUU, New Orleans, e logo New York, no que xa non só se sigue a formar senón que tamén pasa a exercer de docente. Finalmente, logo de pasar por Inglaterra volve a Galiza, onde non acouga un ano antes de volver coller as malas, desta volta cara Arxentina.

Na Arxentina atopa unha inmensa comunidade emigrada galega e unha dinámica propia diferente da Cubana e a cal el pronto se adaptou, mesmo soubo en poucos anos chegar a encabezar. Non sen contestación. Existía alí o xornal El Gallego de Cesar Cisneros desde 1878 que viña axitando a comunidade galega para que se organizara, por iso cando finalmente no 1879 Manuel Barros promove a fundación do Centro Galego de Bos Aires, sendo o seu primeiro presidente e saca a Revista Galaica como órgano oficioso do Centro Galego, aos de El Gallego isto non lles sentou nada ben.

As fundacións dos “Centros Galegos” que se desatará nestes anos poñen en evidencia a existencia xurídica e institucional dunha realidade que no país non existía. É curioso como nas diferentes constitucións desaparece o topónimo, e sen embargo, no exterior, sexan denominacións que non se recoñecen na Terra as que agrupen aos emigrados. Mais é unha formalización natural que no interior é interferida. A verbalización dun sentimento, a plasmación dunha identidade compartida real. Así Manuel Barros, xunto con moitos outros galegos, a través da experiencia da emigración, da organización da colectividade, da participación nos debates públicos na defensa dos intereses da colectividade e do país do que provén, vai tomando partido a favor da rede de apoios que Francisco Rodríguez nos ten destecido no seu libro e que explican que unha autora contracorrente coma Rosalía puidera ser viábel no seu tempo no noso país.
A relación de Manuel Barros con Murguía, do que era correspondente da súa “Historia de Galicia” para Arxentina, queda expresada na necrolóxica escrita polo polígrafo de xeito explícito, mais tamén é coñecido que sería no seu xornal “La nación española” no que Rosalía publicaría os poemas que logo tiraría baixo o nome de “En las orillas del Sar”. Sería ao matrimonio Rosalía-Murguía o que viría visitar na súa última viaxe ao seu Padrón natal, e sería a eles aos que confesaría as súas ilusións máis íntimas que levarían a Murguía a afirmar no devandito texto:

“eu escribo estas liñas, breves, incapaces de decir o que experimenta a miña alma, ante tan grande desgraza, e só para que no grande silencio que seguirá a súa morte prematura, haxa siquera unha voz que diga a Galiza:

- Estéril, Perdiches a un dos teus poucos fillos”

Esta morte chegáballe a Manuel Barros en Sevilla, na súa viaxe de noivos, no ano 1885. No mesmo ano que Rosalía coa que viña de estar había poucos meses.

O caso é que se nunca foi doado chegar a tomar conciencia da propia Terra, como facelo cando es educado para ser desterrado automáticamente ao chegar a certa idade, expulsado a un conflito colonial e imperial cando xa non existe nin folgos para conservar vellos vestixios de glorias pasadas que exhibimos para darnos a valer. E como non é doado tomar conciencia. unha figura como Rosalía é un xigante á beira dos do seu tempo. Agora ben, como nos fixo ver Francisco Rodríguez, non sobreviviría, cando menos a súa obra, senón chega a ser por un entorno de figuras mais ou menos coñecidas que compartiron moitas das súas inquedanzas. Este é o caso de Manuel Barros. Quen mesmo en datas tan temperás como 1880 xa promovía un Himno Galego, que foi musicado e interpretado, tratando así de forxar símbolos que fosen poñendo en evidencia a identidade acochada.

Dicía este himno:

Este é escoita, Galicia adourada
Dos teus ollos o doce cantar
Este é escoita que bril´ a alborada
Do gran dia que n-ha de pasar
Longos siglos chorando te viron
Sentadiña na veira do mar,
E as ondiñas mil veces ch-oiron
“Libertá, liberá” sospirar.
Xa relocen n-a veiga e no monte
os roxiños cabelos do sol;
Este é mira que luz n´horizonte
E nos ceos que´amigo claror!
Libertá qu-é das almas encantos
Nova vida gloriosa che dá:
Xa das orfas ó fúnebre manto
Podes, pátrea, n-as ondas botar.

Nel vemos dous elementos difíciles de conxugar neste período e ainda hoxe: a existencia obxectiva dunha realidade que se escapa a nosa vontade e a existencia dunha vontade que quere voar libre da obxectivación que se lle impón. A conciliación que o pensamento contemporáneo terá que enfrontar e que tan difícil resulta en realidades nas que cando aínda non chegou a modernidade, xa a temos que criticar.

Pois é a modernidade a que nos trae a concepción ilustrada e liberal da liberdade que se contraporá coa tradicional e conservadora identificación coa realidade inmediata. Un porvir que nos venden como salvador a través do progreso fronte a un presente atrapado en pexas do pasado escuro. Como non refugar do existente. Mais xa daquela había quen consideraba que non estaba disposto a ter que optar exclusivamente entre feudalismo e capitalismo. Pois se o feudalismo era nefasto para a liberdade individual, o capitalismo destruía a base material dos que esmagaba ao seu paso. Hoxe pasaron moitas cousas na historia e no pensamento para ver en perspectiva a Rosalía. Non se trata de aplicarlle categorías de hoxe senón, sobre todo, recoñecerlle que ela anticipou moitas das conclusións as que hoxe chega o pensamento actual. Cando desde a filosofía da liberación e intercultural, desde o pensamento post-colonial, se denuncia que a modernidade tivo e ten vítimas, e sobre todo, que a modernidade comporta a colonialidade. Resulta que atopamos unha autora galega que hai 150 anos poñía voz a esas vítimas e deixaba ao descuberto a colonialidade. Mais sobre todo, que contribuíu, coa axuda de amigos como Manuel Barros, a dar pasos na dirección da autoconciencia. Un camiño que desgraciadamente aínda temos a medio percorrer como país.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña