22:38 Luns, 22 de Abril de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-03-2014

Paroquias e comarcas para enfrontar o futuro

Territorio soberano (e II)

Valorar (13)

XOÁN COLAZO PAZÓ



Analisada a problemática da organización do territorio na Galiza actual e visto que o encadramento dentro dun Estado Español a cada máis centralista só afonda nas súas disfuncións, convén plantexar alternativas factíbeis e acaídas para os intereses do país.        

A principal consideración ten a ver coa base física e económica que se desexa para a nosa terra de cara ao futuro. En función dese modelo de desenvolvemento que se procurar, precisarase implementar unha organización xurídico-administrativa que lle sexa operativa e eficaz.          

Pártese de entender Galiza como un todo, como unha realidade sobre a que un poder político propio, logo de ter en conta as características xeográficas e as súas vantaxes e desvantaxes, pode decidir as mellores opcións para un racional e sustentábel aproveitamento dos recursos que garantan a continuidade desta comunidade humana. Así, o noso país constitúe un conxunto dunha grande variedade de territorios, onde se atopan diversos hábitats, climas, tipos de solo, xeitos de poboamento, mestura zonas costeiras e de media montaña, con ríos, esteiros, chairas e só unha mínima superficie tan esgrevia que non é habitábel ou accesíbel. En consecuencia, sería posíbel aproveitar para numerosas producións un número elevadísimo de recursos primarios (mariños, agrarios, gandeiros, forestais) e de materias primas de toda caste. A isto súmaselle a abondosidade de fontes de enerxía, en moitos casos renovábeis. Todo o cal permitiría un certo grao de autosuficiencia e de capacidade de obter no comercio internacional aqueles produtos non dispoñíbeis que fose garantía de desenvolvemento económico e social. Podemos logo considerar que a unha escala galega toda esa diversidade da súa base territorial supón complementariedade e riqueza.        

Porén, sabemos que a relidade actual presenta tamén moitos problemas que a globallización está a converter en crónicos, como o avellentamento e estancamento poboacional, e a súa  concentración (e tamén da riqueza e infraestruturas de todo tipo) no eixo atlántico. Así, amplas áreas rurais están a ficar desertizadas a nivel económico e humano, ficando dependentes ou mesmo marxinais respecto das anteriores. Por iso, o eficaz aproveitamento dos recursos distribuídos polo territorio e a superación desa tendencia urbanizadora esixen unha visión global a nivel galego que planifique mecanismos de redistribución interterritorial e unifique a calidade de vida e o acceso a servizos básicos a toda a poboación.      

Galiza é e foi historicamente multicéntrica. A súa poboación distribuiuse homoxeneamente e de xeito espallado por todo o seu territorio. A tradición nacionalista veu o país como unha grande cidade dispersa, en palabras de Otero, ou como a cidade-xardín que Castelao e outros arelaban. Se esta for a Galiza próspera, viábel e culta que se pretender para o futuro, non serve a organización territorial que o Estado Español nos impuxo. Débeselle dar unha nova forma xurídico-política á organización administrativa do territorio. Fronte a Estado Español-Provincia-Municipio débese erguer dialecticamente a alternativa Galiza-Comarca-Paroquia, que non só cambia realidades tanxíbeis a nivel organizativo, senón mesmo axuda a mudar mentalidades. Rachar coa lousa dun modelo territorial alleo é básico para nos autodeterminar.      

Para erguer esoutro modelo territorial propio, ao servizo do país, non se parte de cero. Vimos dunha historia que veu conformando unha paisaxe humana organizada e identificada en paroquias e bisbarras. Recollendo esa tradición, o nacionalismo sempre tivo claro que é imprescindíbel a eliminación das provincias e deputacións. Pero tamén é preciso reconsiderar o papel dos concellos na nosa organización local, mesmo porque as funcións que até hai uns anos viñan desenvolvendo son en moitos casos inviábeis co actual modelo. A agrupación de concellos noutros de maiores dimensións (xeográficas e poboacionais) non é só unha necesidade conxuntural senón unha opción racionalizadora da administración local. Esa transición entre a realidade actual onde imperan provincias e pequenos concellos e a nova situación desexábel, fai cobrar todo o sentido a paroquias e comarcas, cuxo recoñecemento xurídico-político serviría, amais de acomodar a administración á realidade galega, para evitar o afastamento da poboación respecto de aquela (labor das paroquias se os concellos se fan máis grandes) e que se poidan cubrir os servizos públicos básicos (labor das comarcas de desapareceren as deputacións).        

Alén do seu papel histórico como elementos referenciais de identidade e encadramento social, na actualidade as case 3.800 paroquias non están a efectos prácticos dotadas de recoñecemento xurídico nin capacidade de organizarse e actuar como tales. Só a nivel eclesiástico teñen aínda virtualidade, froito dunha habelenciosa e temperá adaptación ao medio galego que a igrexa desenvolveu ao longo dos séculos. De feito, na lexislación galega as referencias ás paroquias son mínimas, case só referidas á normativa de montes veciñais en man común, e con escasa presenza noutros ámbitos agrogandeiros ou de ordenamento do territorio e urbanísticos.  Nin sequera a efectos estatísticos se teñen en conta normalmente, ao importarmos esquemas e criterios alleos ao que nos é propio. Daquela, descoñecendo a realidade galega, nin sequera unha administración ben intencionada é quen de poder actuar sobre ela con garantías.        

O recoñecemento xurídico das paroquias implicaría convertelas no nivel administrativo local de base, facéndoo máis participativo, descentralizado e democrático. A súa implantación debería acompañar as iniciativas que fixesen desenvolver económica e socialmente todo o noso país, sendo pear básico no mantemento dun nivel de vida acaído. Os proxectos cooperativos e aqueles centrados en produción e comercio locais son os que máis arraigo supoñen ao territorio onde asentan. As súas competencias (propias ou delegadas polos concellos) poderían ser as referidas a cemiterios, equipamentos veciñais e socio-culturais, augas e fontes, limpeza, marquesiñas, pistas, parques, torreiros, protección ambiental e do patrimonio histórico-artístico, saneamento e outras. Optaríase por deixar fóra os montes veciñais en man común, que xa posúen a súa regulación, e que pertencen ao conxunto de veciños e veciñas de cada lugar ou paroquia pero non como entidades adminstrativas. Neste senso semellaríanse máis ás freguesías portuguesas (malia a recente reforma neoliberal que as limita e chapoda) que ás escasas entidades locais menores que hoxe existen en Galiza. O finanzamento iría parello ao tipo e cantidade de competencias asumidas. Na implantación deste modelo de paroquias administrativas cumpriría flexibilidade para adaptar as distintas tipoloxías e realidades das mesmas, diferenciando como mínimo paroquias urbanas, rurais e semirubanas. O proceso, amais, debera respostar a unha necesidade real detectada, isto é, promoveríase a súa creación naqueles casos en que a comunidade, a poboación local, así o solicitase. Sobra dicir que o seu funcionamento sería completamente democrático, ben por medio de xuntanzas de asembleas en concello aberto (en caso de existiren poucos habitantes), por elección directa dos seus órganos (vigairo, consello paroquial) e con outras posibilidades de participación democrática directa (revogación, referendo). Habería que deseñar tamén as fórmulas de participación das paroquias na outra administración local, os concellos.        

No que respecta ás comarcas, o seu recoñecemento xurídico dentro da rede administrativa galega é clara como administración local intermedia entre os concellos e a administración nacional, nun espazo onde as deputacións e provincias serían eliminadas. Encargaríanse de mancomunar servizos dos concellos (abastecementos de augas, tratamento de residuos, promoción turística e cultural, bombeiros e servizos de emerxencia, dotacións sanitarias e de educación, entre outros) que os fixese máis eficientes e servise para cobrer o territorio galego todo de xeito uniforme. Respecto á administración galega sería o chanzo onde esta se apoiase para se descentralizar e poder achegarse a todo o país. Tamén neste caso a flexibilidade á hora de implantar a comarcalización permitiría adaptar a administración á variada realidade galega, pois nas áreas de influencia das grandes cidades as comarcas tomarían características propias, na liña da área metropolitana que o nacionalismo promoveu en Vigo hai unha década.        

O traballo de construción dunha administración local galega está por facer. Fan falla estudos, debate, propostas, e, sobre todo, ter a ambición de rachar co actual modelo que non nos vale. Só de facermos o anterior estaremos preparados para rachar cunha administración española que nos
nega e nos quere afundir na súa caída.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña