03:28 Luns, 28 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-02-2014

Al-Andalus e Compostela, Bizancio, Bagdad, Xerusalén... foron e son atractivos paraísos para os nórdicos

Gallaecia Viquinga

Valorar (21)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ



O tema viquingo recobra racións de exotismo romántico ou modernista, ó que non son alleas as valquirias, nin o Wotan wagneriano, nin o Nobel, nin o berro seco da soidade boreal de Much, nin o panteísmo de Igmar Bergman ou as arquitecturas de Alvar Aalto, inspiradas nas carpinterías, nin o europop kitsch de Abba, Ikea, Nokia... Mesmo nos toca parte en canto á presenza de “viquingos”: tan próximos no mapamundi, nas relacións históricas e nas coincidencias cultuais, pero aínda afastados no estudo. Pobo imprescindible para a configuración europea. Viquingos que chegan a América cincocentos anos antes que Colon: Groenlandia, Terranova, Canada.... E así o contan e cantan as sagas islandesas e as de Vinland do século XIII, glorificadoras da lealdade, dos guerreiros, das viaxes, das xestas... Bárbaros, amigos do luxo, mestres da xeometría, das matemáticas, dos astros, do comercio polas boas ou á forza... Algo máis que furibundos guerreiros cubertos de cascos con cornos, Señores do océano.  

Al-Andalus e Compostela, Bizancio, Bagdad, Xerusalén... foron e son atractivos paraísos para os nórdicos. Infieis, sen máis norma que a súa, piratas, afeitos ó tráfico de escravos, saqueos de mosteiros, torres... e tras si un ronsel de destrución. Até cristiáns e musulmáns aliáronse fronte a este inimigo común. Mentres francos e británicos ofrecíanlle botíns pra apartalos, os galegos enfrontábanse.  

Entre os estudosos das relacións nórdicas con Galiza, lembramos ó castellonense, trotamundos, profesor en Wisconsin, Vicente Almazán, autor nos anos oitenta da “Gallaecia Scandinávica”; ou a síntese do profesor cordobés asentado en Dinamarca,colaborador do Museo dos Barcos Viquingos de Roskilde, Eduardo Morales Romero, quen a finais dos noventa retoma o tema “Os Vikingos e Galicia”, a un tempo que o ribeirao de Cabanelas, profesor en Frankfurt, estudoso e tradutor de Rilke, Xaime Ferreiro Alemparte é autor de “Arribadas de Normandos y cruzados a las costas de la península Ibérica”, definitivo para certificar incursións normandas a partir de sagas e crónicas. Eles actualizaron ós pioneiros, Sánchez Albornoz, Dozy, ou Lévi-Provençal.  

Nome de viquingos ó que se lle atribúen dúas acepcións: “Vig”= badía, ou “wik”= igual a “vicus” ou mercado... Os gregos chamábanlle “vareg” (mercader). Os bizatinos e musulmáns desígnanos como “rús”(co que se asocia Rusia)... En Hispania reciben o nome de normandos ou derivados de “lormanni”= xente do norte. Así atopamos os topónimos de lordelo, lordemao... Na “Primeira Crónica General”, Alfonso X chámalles “almojuces”, “almozudes” ou “almonides” , derivado de “almagnus”, como aparecen nas fontes hispanoarabes (magos, infieis, adoradores do lume... e poida ter que ver cos lumes dos “magostos”).    

Historias altomedievais nas que a torre de “Crunna” e outras de por aquí serven de escenario para arribadas e partidas. Nos “Anales Bertiniani” (do mosteiro de San Bertín en Bélxica), 844, o bispo de Troyes, Prudencio, conta que os Nordomani chegan a Galicia e loitan cos sarracenos.... Así o di tamén a “Crónica Albeldense” ou Ovetense, a primeira historia da península despois da caída dos visigodos; a Crónica de Alfonso III, a Crónica Rotense, entre outras. Non tan detalladas como as referencias musulmáns que aclaran o mapa: “Habet Spania provintias VI con sedibus episcoparum: Prima Cartago... Quarta provintia Gallicia: Bracara metrópoli, Dumio, Portucale, Tude, Auriense, Iria, Luco, Uitania (Bretoña) et Astúrica.” Tamén as sagas nórdicas refírense a estes encontros, como a de Sagan om Ragnar Lodbrog e dos seus fillos, conquistador de Paris no 845, a narración da Heimskringala (1230) sobre os reis de Noruega, entre eles San Olaf e sobre a súa incursión en Jakobusland, Galiza; a Knytlinge Saga, historia de Dinamarca na que, como na Gesta Daanorum se conta como o conde Ulf se enfronta co bispo compostelán Cresconio, construtor de torres na beiramar. Por tan feroz razzia o danés pasa a ser o “Lobo de Galiza. As Sagas de Orkney cantan o acontecido ó conde Magnus Erlendson, santo asasinado por Haakon Paalsón que tamén piratea Galiza e expía o seu crime peregrinando a Xerusalén. Despois do século IX o estado viquingo de Irlanda, fundado polos noruegueses, actuará de base naval para máis atrevidos periplos. Nace así un novo estado en territorio franco, o ducado de Normandía, “o primeiro estado moderno de Occidente”, segue a conquista de Inglaterra, o sur de Italia e conseguintemente esa osmoses entre Occidente e o Oriente, manifesto nos entrelazos viquingos, levados até templos sicilianos.  

No 1087 o Conde de Lugo, Rodrigo Ovéqueriz e o bispo Diego Páez, cimentador da catedral románica de Compostela, ambos os dous valedores dos dereitos sucesorios de don García como Rei de Galicia fronte o seu irmán Alfonso VI, fracasan na trama de entregarlle o trono ó normando Guillermo, conquistador de Inglaterra. Negocios e políticas matrimoniais entre as que o monarca Alfonso tiña o compromiso de casar cunha filla do normando, pero morrerá mociña. O Islam e os normandos obrigan a consolidar castas de guerreiros e señores, orixe de fortalezas rebeirando as rías, a Lazanda, San Sadurniño, Canetum, Cedofeita, Honestum, Lobeira, Aranga, Altamira...e quizais Visma e o Faro na Coruña...o Occidente feudal vai tomando forma e fronteiras precisas. Eles adquiren identidade nacional nórdica.  

Entendemos que olleadores de museos navais nórdicos recorran Galiza na busca de signos rúnicos, de persistencias etnográficas, de barcos, de carros, entre outros artefactos e costumes tan semellantes ás súas. Non sorprende que en calquera dos mares de dentro de Galiza, entre tanta sedimentación de culturas e lodo, as dragas ou pescadores atopen vestixios viquingos…Por algo a Torre de Hércules está onde está, para indicar porto seguro. E máis saberase na medida que progrese a sensibilidade, as ciencias da Arqueoloxía e da Museoloxía. Riqueza arqueolóxica subacuática, digna de centros de investigación, conservación e difusión.  

Sociedades viquingas cunha orixe semellante á castrexa, en castas devotas de “Cernunnus”, afeitas ó artesanado, á carpintería e á fundición do ferro, ás granxas, con crenzas panteístas. Mestres do trenzado, do peiteado, dos tatuaxes cos que impregnan a súa arte sinuosa....atrincheirados en campamentos, en mercados, remadores contra vento e mareas, intérpretes da linguaxe dos ríos. Señores da morriña, das lareiras, dos afumados e das brétemas do mar, negociantes, máis de levar que de traer. Namentres nos asentamentos nórdicos apareceron pezas da India, de Exipto, de Bizancio, pedras semipreciosas do Mar Negro...noutras áreas nada deixaron máis que terror. Como pezas viquingas atopadas por aquí dáse a caixiña de hasta de cervo de San Isidoro de León; no Museo Diocesano de Mondoñedo, Santos San Cristobal, recuperara da beiramar de Foz, unha pequena xerriña en metal, decorada con motivos curvos e un mascaron de barco. Terras mindonienses nas que abondan as lendas, como a do “Bispo Santo” Gonzalo que a base de axeonllarse e erguerse afundiu milagrosamente unha flota normanda... Tempo de confluencias no que parece datarse o enigmático “Carneiro alado de Ribadeo”, asociado a temas islámicos coincidentes cos viquingos. Os petróglifos con naves da praia de Carnota, dos montes de Mougás ofrecen dúbidas, igual que o túmulo de San Pedro de Redonda en Cee...a orixe dos barcos moliceiros de Aveiro...  

Ad furore normanorum libérame domine” foi duradeiro mantra e letanía. Dende os anos sesenta do século pasado, con festa, rememorase en Catoira o desembarco viquingo.



[25-02-2014 19:23] Xabier comentou:

Sr. Senen: Todo moi ben, pero teño que indicarlle que San Pedro de Redonda está na aldea de Redonda concello de Corcubión e non en Cee como vostede indica neste artigo tan ben explicado e documentado. Polo demáis encantado cas súas explicacións. Unha aperta.
Xabier (Corcubión)

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña