14:09 Mércores, 22 de Marzo de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-02-2014

Unha “revolución sexual” remataría coa institución patriarcal, abolindo a ideoloxía da supremacía masculina

Corpos colonizados

Valorar (29)

HELENA VILAS VIÑAS



Tantos anos pensando que vivías cunhas garantías de liberdade, crendo que  es dona da túa vida, do teu corpo, crendo que es libre a decidir a túa sexualidade, toda unha existencia loitando polos nosos dereitos, malia respirar machismo por todos os recunchos;  na tele, na radio, no xornal, na publicidade, nos libros, na música…  resulta que non, que un grupo de ultraconservadores, herdeiros do nacional catolicismo din ter dereito a decidir sobre o que tes que facer coa túa propia vida!!          

Vexamos, os nosos corpos xa nacen colonizados dende que nacemos , vivimos alienadas pola regulación e o control da nosa aparencia; conduta, silueta, expresións … todo isto a través do ollo dominante do patriarcado, posto que vivimos en loita con nós mesmas dende o momento que non acadamos os resultados que marca o canon de beleza imperante, dende o momento que non nos parecemos a esas manequíns que empregan tallas para nenas de 12 anos,  dende que a nosa pel ,o noso pelo, as nosas pernas, os nosos peitos, non son como esa muller que aparece na portada dalgunha revista de moda…                    

Por si todo isto, non fora pouco, (aínda que o estou a resumir moitísimo), este goberno, marionetas, que bailan o ritmo que lles marca a Conferencia Episcopal, atravésanos con discursos e leccións de moralidade sobre o uso de anticonceptivos e o dereito ao aborto, até o punto de que sintamos culpa e esteamos dispostas a sacrificarnos ao sometemento do non goce dos nosos corpos e da nosa sexualidade. Isto, xa non é que sexa extremadamente machista, senón que xa é unha falta de respecto cara nós, e a nosa liberdade de expresión, o que se lle chama dereito a decidir… e que xa nos queren calar dun xeito fulminante, sen disimulos.          

Vou citar unha reflexión de  Kate Milley alá polos 70, anos os que nos estamos a aproximar a pasos máis que axigantados:          

“O instrumento clave do patriarcado é a familia, é a vez o espello e a conexión coa sociedade patriarcal, dentro dunha sociedade patriarcal. Situada entre a estrutura individual e a social, a familia exerce o control sobre todo aquilo en que a política resulta insuficiente”.

Así de súpeto, poderá soar un pouco chocante, pero o pouco que nos paremos a analizalo lévanos á realidade. E este goberno quere trasladarnos, aos tempos en que a muller tiña que exercer cos seus deberes domésticos, criando aos seus fillos, coidando da familia e por suposto adorando submisamente ao seu marido, que é sustento da casa, coidadoras gratuítas e satisfactoras das necesidades alleas, e a todo isto, engadímoslle a preocupación de termos as mentes ocupadas en estar “guapas” e uniformadas como nos dita a sociedade de ben, é dicir, poñernos ás mulleres no sitio onde nunca debemos saír; coidar, parir, criar, obedecer e calar.      

O único que lles importa é perpetuar este sistema de dominación  patriarcal, conseguen minimizarnos pouco a pouco ao longo da vida.         Precisamos unha revolución que elimine a política sexual. Unha “revolución sexual” remataría coa institución patriarcal, abolindo a ideoloxía da supremacía masculina. Mais isto, é moi difícil que poida ocorrer sen carrexar efectos drásticos na familia patriarcal. A abolición dos roles sexuais e, a independencia económica das mulleres minaría a autoridade patriarcal e a súa estrutura financeira. O que quero decir, é, que a represión realizada por un estado capitalista autoritario, a moral da Igrexa, os modelos educativos baseados na disciplina, etc… é a orixe de todo, e iso hai que rachar con el.        

A que isto  que estou a escreber, parece como se te meteras nunha máquina do tempo e retrocederas a uns cantos anos atrás e escoitaras a unha muller farta deste sistema? até as narices diste mundo machista? Pois sí, señoras e señores, parece mentira que en pleno século XXI teñamos que estar falando  revolucións así. Dóenos. Estamos fartas, moi fartas de que non nos deixen vivir en paz cos nosos corpos como propios e non como territorios ocupados, que nos dominen, nos alienen e nos manipulen por seres  avantaxados por unha inxusta sociedade. Como ben dixo no século pasado Beauvoir:        

“Non se nace muller chega unha a selo (…) a civilización en conxunto é quen elabora ese produto intermedio entre o macho e o castrado ao que se lle cualifica como feminino”        

Por  non falar da violencia homofóbica, lesbofóbica e transfóbica… que xa daría para outro longo tema.          

Mulleres, temos un longo camiño que percorrer, non podemos claudicar, non podemos deixar que nos asoballen, nos maltraten diste xeito,  xa temos moito camiño gañado polas nosas loitadoras do pasado que fixeron que nós poderamos vivir un pouco mellor nun futuro, non podemos permitir que soterren todos os dereitos conquistados polas nosas antepasadas. Compañeiras  que soñaban cun mundo liberado para todas.

Declarémonos en rebeldía,  para que as nosas meniñas poidan ser totalmente libres de toda clase de violencia, que non se teñan que cuestionar este tipo de cousas no percorrido das súas vidas! Que non nos quiten o que nos pertence, loitemos para romper cos convecionalismos e o dominio.

Simplesmente, que non nos fagan invisíbeis.



[26-02-2014 09:54] Patri comentou:

Graciñas Helena por porlle letras a un pensamiento que, eu quero creer, que é unánime nas mulleres. ¡Pola nosa liberdade!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña