11:39 Luns, 01 de Marzo de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-02-2014

Non é por acaso que a política de recortes sociais vaia parella dunha regresión democrática e de dereitos cívicos

A lei do silenzo

Valorar (12)

ALBERTE SOUTO SOUTO



Non é por acaso que a política de recortes sociais vaia parella dunha regresión democrática e de dereitos cívicos. O carácter antisocial das políticas da dereita atentan directamente contra as clases populares, son contrarias aos intereses das maiorías sociais, polo que cómpre afianzar a súa aplicación coa redución de espazos onde poidan ter lugar expresións de rexeitamento e protesta, sexa no ámbito institucional-representativo sexa no ámbito social.            

Anulado o eido institucional, a través dunha política mediática que devalúa a función representativa, que potencia a antipolítica, que mesmo vai acompañada de iniciativas formais para distorsionar o sistema electoral e rebaixar as funcións do Parlamento de Galiza, o Partido Popular está disposto tamén a impedir a reacción social.              

O seguinte esteo é a imposición da lei do silenzo, precisamente por medio da aprobación dunha lei que enuncia a pretensión de protexer a seguridade cidadá. De novo, o uso deturpado da linguaxe, para fixar no lema da norma un obxectivo amábel, pretendendo que nesta época de titulares e chíos, onde cada vez máis persoas se acostuman a non avanzar na lectura máis alá duns poucos carácteres, o único significado e interpretación aprezados sexan o dese envoltorio inicial e non o do seu contido real.                

Nada hai de novidade no despregue dunha estratexia de represión de forma parella á execución de medidas lesivas contra colectivos concretos. Tamén que se efectúe abeirándose na “protección da seguridade cidadá” para penalizar de xeito agravado ás persoas que lexitimamente reaxen contra inxustizas manifestas. Lembro que, cando se fixo efectiva a aplicación da “supertaxa” láctea, a moitos labregos e labregas, no canto de respectalos por exerceren un dereito fundamental, tamén lles endosaron multas por causar desordes públicos e incluso sancións de tráfico por circular amodo (nun tractor!) polas estradas. Hoxe en día, as persoas estafadas polas preferentes que expresan o seu malestar e reclaman xustiza publicamente, han de estar tamén espelidas cando vén o reparto do servizo de correos, pois en vez de remesarlles os cartos que lles foron apropiados indebidamente, reciben sancións por manter presente na rúa a súas xustas reivindicacións, co pretexto de que aparcaren mal o seu vehículo, por facer soar buguinas, ou nalgún caso que roza o esperpento, por sentarse nunha cadeira nun cantiño dun paso de peóns.              

Malia os defectos que a administración de xustiza atesoura, aínda preserva algunha virtude. Polo de agora, censurou na maioría dos casos esas tentativas de abuso de poder gobernativo e inclinou a balanza cara quen, no canto de resignarse, ergue a voz, ocupa os espazos públicos, apela a razóns fronte a decisións arbitrarias e inseridas nunha liña de minar os intereses de amplos colectivos sociais.            

Por iso, o Partido Popular pretende que a represión das manifestacións e expresións públicas colectivas entre noutra dimensión, ou mellor dito, que regrese ao espazo central que ocupou no pasado, no réxime franquista, de ser un instrumento básico para o control social e a anulación de calquera contestación pública ás súas políticas ideadas para unha minoritaria elite social e empresarial.  

O texto legal que vai suceder a unha xa moi regresiva lei “Corcuera”, arrepía, non só polas cifras que lle atribúen a determinadas sancións, senón pola anulación de garantías para a poder actuar en vía de revisión, xa que a versión dos feitos emitida por calquera autoridade, malia existiren hoxe en día moitas máis posibilidades de ter imaxe e son de calquera feito que aconteza nun espazo público pola ampla gama de dispositivos aptos para a gravación, será oficial e inapelábel para que sexan firmes as multas, alén de lexitimar a represión, baixo o pretexto de manter a orde pública, como preferente fronte a liberdade de expresión e manifestación.              

Semella que o Partido Popular está a anticiparse a un cenario conflitivo, máis que preparase para un futuro de recuperación co que retorne o benestar para amplas capas sociais. Que por unha está o discurso que verbaliza que describe unha idílica reactivación económica, mais por outro lado o que se afianza é un rearme de esquemas e modelos represivos, cunha nova lei que vai no camiño de calar a quen pretenda actuar denunciando o irracional e desigual modelo social ao que nos levan.  



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña