18:40 Sabado, 16 de Xaneiro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-02-2014

Mariano Raxoi é o presidente do Goberno español con máis poder nos últimos corenta anos

Maioría absolutista

Valorar (14)

EDUARDO ÁLVAREZ



Como ben sabemos, o absolutismo é un sistema de goberno no cal o poder reside nunha única persoa que manda sen render contas ao parlamento ou á sociedade en xeral. Susténtase esta teoría política na orixe divina do poder, do cal o gobernante é o seu representante. Hobbes foi quen formulou con precisión a razón do absolutismo: a vida en sociedade, ao ser conflitiva, necesita dun personaxe único, o Leviatán, que goberne en nome de todos. Este goberno, afirmaba no século XVII o filósofo inglés, xorde no medio de situacións de crise que obrigan os membros da sociedade a ceder os seus dereitos e liberdades para que esa figura única poida executar con man firme a actividade gobernamental.            

Mariano Raxoi é o presidente do Goberno español con máis poder nos últimos corenta anos. Dispón de maioría absoluta e a oposición cumpre moi debilmente co seu cometido. As únicas fendas do poder tan só comezan a manifestarse nos últimos tempos na contestación interna das liñas máis sectarias do seu propio partido.              

E tal situación de maioría vén sendo aproveitada para o exercicio do goberno de forma ilimitada, transformando as estruturas do poder en comportamentos propios dun Estado absolutista no que, desde un único órgano, se pretenden controlar todos os resortes do Estado. Para iso, en primeiro lugar, ten que destruír a división de poderes, que formulara Montesquieu precisamente para rematar co absolutismo.        

O poder lexislativo, nunhas ocasións, opera facendo valer en todo momento a monolítica e autómata maioría absoluta con que conta o Partido Popular e aproba e impón leis de fondo calado sen intentar nin permitir o menor consenso. Noutras moitas ocasións, o Goberno, obviando o Parlamento, desde o Consello de ministros, dita decretos-lei de forma inconstitucional ao non existir a extraordinaria e urxente necesidade que se require para a súa aprobación. Velaí, como mostra, os vinte e nove decretos-lei aprobados no ano 2012.      

O Poder xudicial tamén foi asaltado polo Goberno. Desde mediados de 2013, cando se renovaron catro dos doce membros do Tribunal Constitucional, o PP garantiu o control político deste órgano tan importante nun momento especialmente sensíbel co proceso soberanista en marcha, co debate sobre o aborto e os graves recortes executados en sanidade, educación, réxime laboral e servizos sociais. Agora o Constitucional ten a maioría de maxistrados conservadores que lle permite paralizar normas legais aprobadas polas asembleas lexislativas autonómicas e mais derrogar aqueloutras pendentes de revisión por este Tribunal.            

Para someter definitivamente o Poder Xudicial, o PP procedeu tamén a modificar a lei que regula o funcionamento deste órgano. Limitou as súas funcións e, sen necesidade de reducir o número de vocais, creou dous grupos: un reducido, de cinco membros mais o presidente, que integra a comisión executiva; e un segundo grupo de vocais, sen dedicación exclusiva, que seguirán desenvolvendo o seu traballo xurisdicional no seu destino. Ao mesmo tempo, baixo a aparencia dunha maior democratización, modificou os requisitos dos candidatos para seren elixidos de forma que o poder político pode designar aqueles que máis se destaquen pola súa obediencia aos partidos maioritarios. Coa reforma desta lei posibilitouse tamén que con maioría simple se elixan os cargos máis importantes de toda a estrutura xudicial do Estado. A anterior Lei Orgánica esixía unha maioría de tres quintos para todos os nomeamentos importantes; a actual só mantén esta maioría cualificada para a proposta de designación dos dous maxistrados do Tribunal Constitucional que corresponde ao Consello. Deste xeito, o partido maioritario consegue nomear todos os cargos que lle interese para colocar os seus peóns nos órganos xudiciais dotados de maior competencia xurisdicional. Co dominio do Consello Xeral do Poder Xudicial, do que depende a promoción profesional dos xuíces afíns e o castigo disciplinario daqueloutros que non son submisos, consegue o Partido Popular, entre outras cousas, que os que investigan a corrupción sexan, á súa vez, gobernados por un órgano cuxos membros son directamente designados por aqueles políticos que son investigados.              
Nas sociedades modernas existe un cuarto poder, o de información, que lle resulta máis difícil controlar ao Goberno porque as fontes que subministran as noticias son hoxe múltiples e escapan en gran medida da manipulación dos grandes medios. Mais isto non impediu que os cambios lexislativos aprobados durante a lexislatura anterior que configuraban Radio Televisión Española como un servizo público máis independente, coa chegada da maioría absoluta do Partido Popular, fosen eliminados para volver ao control informativo desde medio público. Con esta finalidade, o executivo de Mariano Raxoi, mediante outro real decreto-lei máis, eliminou a obriga legal de que o presidente e o Consello de Administración dos medios públicos de información fosen elixidos por dous terzos do Congreso dos Deputados. Agora só é necesaria maioría absoluta, o que lle permite ao PP ter as mans libres para propoñer candidatos sen necesidade de consenso.            
Controlados todos os poderes, só falta dominar a sociedade e, para isto, o Goberno emprende unha batería de medidas entre as que destaca o anteproxecto de Lei de Seguridade Cidadá, aprobado a finais de novembro pasado polo Consello de Ministros, que establece sete tipos de infraccións moi graves, sancionadas con multas de 30.001 a 600.000; trinta e unha clases de infraccións graves, para as que se establecen multas de 1.001 a 30.000 euros; e vinte infraccións leves, sancionadas con multas de 100 a 1.000 euros.            

E todo isto, como bo poder absolutista, está inspirado nas directrices divinas emanadas directamente da protección celestial á que acode a ministra de Traballo cando recoñece a Virxe do Rocío como “aliada privilexiada e embaixadora universal que nos fixo este agasallo adicional na nosa saída da crise e na nosa procura do benestar” ou o ministro de Interior cando afirma que Santa Teresa de Jesús é unha “importante intercesora para España nestes tempos difíciles”.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña