01:19 Venres, 02 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-02-2014

As axudas públicas a Novagalicia Banco sitúanse en 36.925 millóns de euros

Novagalicia Banco nun canellón sen saída

Valorar (39)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



Máis outra vez, nesta ocasión semella definitiva, Novagalicia Banco enfróntase a un canellón sen saída após recibir axudas públicas nos últimos cinco anos de 36.000 millóns de euros e cando remata de ser regalada a outro zombi do sector financeiro. Queimada outra etapa no decorrer vital da entidade resultante da fusión das caixas galegas, considero oportuno rachar co noso intencionado silencio sobre a situación de NGB, a comezar parándonos na situación que atopou a equipa de Castellanos, particularmente no furado recoñecido e na contía das axudas públicas recibidas, pero tamén anunciando o cenario de quebra e liquidación, a conta do inventario, neste caso, que enfronta a entidade galega. A crise, ese bicho consubstancial ao capitalismo, continúa e revoltase, alén de discursos triunfalistas, até o punto de que a totalidade do sistema financeiro da zona euro, precisa dun rescate para 2014, segundo anuncia o Banco Central Europeo, de arredor de 770.000 millóns de euros.                

As axudas públicas recibidas por Novagalicia Banco desde 2008 até hoxe sitúanse en 36.925 millóns de euros, contía que se corresponde con 8.981 millóns desembolsado polo FROB, 802 millóns desembolsados Fondo de Garantía de Depósitos, 850 aportados polo FROB como garantía para a privatización, 7.678 millóns en avais para emisións de débeda, 2.380 en créditos fiscais, 1.158 en concepto de adquisición de activos financeiros, 5.096 millóns como consecuencia de traspasos de activos ao SAREB e 10.130 millóns que se corresponden coa débeda contraída co Banco Central Europeo. As achegas que vimos de referir correspóndese nun 26% con capital, aquí falamos das inxeccións do FROB e do Fondo de Garantía de Depósito, nun 30% en avais e garantías, isto son as achegas do FROB para a privatización, créditos fiscais e os avais á emisión de débeda por parte do Estado, nun 17% en adquisición de activos, pola vía do Fondo de Adquisición de Activos Financeiros e do SAREB, e un 27% en prestamos do Banco Central Europeo.

A análise da estrutura funcional das achegas do Estado Español e do Banco Central Europeo a Novagalicia Banco responde a intención de aclararnos sobre as grandes debilidades da entidade, clarificarnos sobre a situación real da mesma, fora da campaña de confusión articulada desde o Estado, e informarnos sobre a situación real de Novagalicia Banco. Se ben as axudas públicas de capital (xeran solvencia) son moi superiores no caso da entidade galega á media das entidades do Estado, no primeiro caso suman un 26% e no segundo un 4,51%, que os poderes públicos primen as medidas destinadas a prover liquidez na contra de resolver os problemas de solvencia, evidencian os erros da política de apoio á banca do propio Goberno e dos erros de diagnose, cunha cegueira que lle impide ver a realidade quebrada que hoxe é o sector financeiro e que certifica graves problemas a curto prazo.

A propia contabilidade que fornecen as administracións públicas e neste caso Novagalicia Banco, non fan outra cousa que afortalar o que xa tiñamos afirmado sobre este morto, até o punto de que os dados non deixan moito espazo para a interpretación. A esta altura sabemos que o valor económico de -3.091 millóns de Euros que fixo público o FROB o 17 de decembro para NGB así como o seu patrimonio neto, 1.319 millóns de Euros non eran reais, até o punto de que os propios informes oficiais do Banco de España e do Ministerio de Economía falaban nesa data dun valor económico de -13.079 millóns de Euros.

Outro dado que non deixa pé a interpretación son os vencementos de débeda que debe facer fronte a curto prazo Novagalicia Banco, dos 7.578 millóns que lle achegou o Goberno do Estado nos exercízos 2008, 2009 e 2012, aínda fican por devolver 4.581 millóns de Euros, o 60,45% do total. A finais de Setembro de 2013 a débeda co BCE situábase en 10.130 millóns de Euros, contía que deben devolver antes do 31 do decembro de 2015, cando os prestamos co Banco Central Europeo en decembro de 2010 non pasaban dos 3.000 millóns de euros. Isto significa que era coñecida a insolvencia desta entidade polo resto do sector e que o único prestatario era a autoridade monetaria Europea.

Non é menos preocupante a perda de depósitos por parte da entidade no período 2010/2013 até o punto de que é máis que discutíbel que NGB manteña unha cota de mercado en Galiza do 37% como afirman os responsábeis da entidade, por certo moi lonxe daquel 42% de 2010, até o punto de que o Banco se negue a dar dados sobre a contía dos depósitos da clientela que o FROB cifraba en setembro de 2013 en 32.473 millóns de euros. Ou o que acontece coa política crediticia até o punto de que tal como se observa no balance da entidade esta decreceu nun 47,10% entre decembro de 2010 e setembro de 2013 pasando de 53.339 millóns de Euros a 28.217 millóns de euros. Ao fin, e para rematar, nos 34 meses de vida de Novagalicia Banco, isto é 1 mes de 2010, 12 meses de 2011, 12 meses de 2012 e 9 meses de 2013, as perdas do banco superaron os 9.000 millóns de euros.              

A venda de Novagalicia Banco á entidade venezolana Banesco, após un proceso de poxa cuxo resultado se fixo público o 17 de decembro de 2013, non é en ningún caso a mellor e moito menos a única saída para o morto galego, tal é como pretenden facernos crer nun proceso de intoxicación ao que non son alleos a práctica totalidade de criadores de opinión de Galiza. Non era a única saída posto que o FROB, propietario da entidade, tiña tempo para buscar outra alternativa e particularmente, se esta era a súa decisión, tiña tempo para adiar a venda. Non se explica a presa do organismo dependente do Ministerio de Facenda para facer efectiva a operación se non atendemos a situación da entidade, ao temor do Goberno do Estado que lle rebentará nas súas mans unha entidade da súa titularidade e a falta de vontade política do PP e do PSOE de que Galiza contase cunha entidade de seu.

Aínda así, a escolla do comprador non fai máis que crear dúbidas sobre o futuro do banco, o propio Juan Carlos Escotet antes de entrar na poxa declarara “para ser honestos, o tamaño de NGB quédanos grande” e non faltaba a verdade, atendendo tanto ao volume de activos, como as dificultades que afronta pola exposición a determinadas inversións e fundamentalmente polo seu valor real. Os activos de Banesco en novembro de 2013 situábanse arredor de 25.521 millóns de euros fronte aos 56.000 millóns de euros de NGB, porén o valor do banco venezolano, atendendo ao cambio real do Bolivar non ao oficial, non pasan dos 5.700 millóns de euros. Hai máis, xa que Banesco garante a metade da débeda bancaria do consorcio que executa as obras do Canal de Panamá, isto é, 115 millóns de dólares sobre un valor patrimonial do banco de 183 millóns de dólares. A xeito de resumo, a entidade bancaria á que se lle regalou NGB, 1.013 millóns de custe a pagar en cómodos prazos e financiado por un crédito fiscal (diñeiro público), é unha decima parte da entidade que mercou, con falla de capacidade para enxugar perdas e incapaz de rescatar a súa participada en caso de problemas, o que convida a concluír que o camiño de NGB é o da liquidación tal como está a propoñer o BCE para bancos da entidade do galego.                

Non hai lugar para a euforia, Novagalicia Banco é o exemplo dun sector que se atopa artificialmente a flote grazas ao apoio dos gobernos e a respiración asistida que oferta o Banco Central Europeo após o colapso económico que petou de xeito moi especial no sistema financeiro pola natureza do desenvolvemento capitalista neste momento histórico. Hai que agarrarse, porque imos a comezar a transitar na crise con toda a súa intensidade e de xeito moi particular na zona euro polas dificultades que enfronta o sistema financeiro alemán con necesidades de capital de 285.365 millóns de euros ou o francés con necesidades de capital de 199.377 millóns de euros e así até a práctica totalidade dos países europeos que enfrontan un furado para 2014 de 767.303 millóns de euros. Toca transitar por estradas cangadas de curvas para as clases populares pero xa é hora de que a peaxe sexa pagada por quen transita por autoestrada.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña