01:34 Xoves, 01 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-01-2014

Loitaban estes nobres galegos pola independencia de Galiza?

A resistencia nobiliar galega ante a Doma e Castración de Galiza

Valorar (38)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS



O profesor César Olivera publicaba no número 117 da revista Arbil un artigo titulado Doma y Castración: Galicia y los Reyes Católicos, moito máis esclarecedor era o seu subtítulo La argumentación pseudohistór ica del nacionalismo y la realidad factual. Non imos agora a entrar nunha valoración das ideas que o citado artigo aporta, tan só nos imos deter en dúas aseveracións coas que teño que estar totalmente de acordo.        

A primeira é a que afirma que nun principio as historias escritas sobre Galiza padecían dunha excesiva fantasía e literatura, primando o sentimento dunha Galiza que non puido ser sobre a documentación histórica, exemplificando esta corrente na obra de Benito Vicetto (1865/73). É certo que nun principio os nosos historiadores caeron nese “pecado”, pero xa hai moito tempo que a historiografía galega non peca. Os historiadores galegos levan  moitos anos baseando as súas investigacións tan só na documentación e non en fantasías. Recomendaríamos encarecidamente a lectura do apartado que sobre a historiografía galega figura na derradeira obra do profesor Anselmo López Carreira, titulada Historia de Galicia (Xerais, 2013), son 18 páxinas de esclarecedora lectura.            

A segunda aseveración coa que teño que estar forzosamente de acordo é a de que cando aparecen os datos históricos acábase con esa versión idealizada e fantasiosa de Galiza, “en ese terreno en el que cuentan las pruebas verificables y no los recursos literarios. Y aquí es donde empiezan a aparecer los problemas. Lo que hoy vamos conociendo gracias a la investigación más reciente no tiene mucho que ver con lo que nos presenta ese drama”. Ten toda a razón, porque é certo que a medida que aparecen novos datos documentais a historia fantasiada e a inventada desaparecen. De igual maneira acontece coa historia do noso país na que a medida que imos descubrindo novos datos históricos sobre Galiza comprobamos que a fantasía contada pola historiografía oficial nada ten que ver coa realidade histórica.          

Así acontece cando se fala da resistencia que os nobres galegos mantiveron en contra da instauración do novo modelo de estado creado polos Reis Católicos. Proceso que o historiador Zurita definira como “Doma de Galicia” e Castelao, tal vez moito máis acertadamente, rebautiza como “Doma e Castración de Galiza”.            

Cando se aborda este tema todo o fenómeno da resistencia nobiliar galega queda sintetizado tan só en tres persoeiros: Pedro Madruga, o Conde de Lemos e o mariscal Pedro Pardo de Cela. Non debemos de confundirnos,  estes personaxes son exemplos dunha loita e dunha resistencia moito maior.          

Moitos historiadores coidaron que  trala morte destes tres exemplos a resistencia nobiliar desaparece, todo o contrario pois a loita continuou, eses tres personaxes son a exemplarización dun movemento  de resistencia bastante máis importante do que ata agora nos levan contado, cun poder de convocatoria moi superior ao que temos escoitado.                

A importancia deste movemento así como o gran número de nobres convocados queda patente na afirmación que realiza o profesor Xosé García Oro ao falar dos perdóns reais concedidos aos nobres galegos que se opuxeran ao goberno dos Reis Católicos. Os novos monarcas necesitaban tropas para as súas campañas do sur peninsular, por iso deciden proclamar en Galiza unha amnistía xeral condicionada á participación nas campañas en contra dos mouros, esta amnistía provocou que “parte daqueles mil cincocentos que recentemente fuxiran a Portugal e a Bretaña están agora en disposición de recuperar a legalidade e a liberdade e de regresar no seu día, ó seu solar galego”, (García Oro, X. Galicia na Baixa Idade Media. Páx. 208). O anteriormente citado acontecía no ano 1487 e para evitar que algún nobre galego quedase descolgado desta amnistía os Reis Católicos volven a convocar un perdón xeral no ano 1488.              

Este interesante dato aportado por García Oro permite que nos fagamos as seguintes reflexións:            

1.- Resulta lóxico emigrar a Portugal pola súa proximidade xeográfica co territorio galego e polas relacións tanto comerciais como sociais que mantemos co país veciño. Pero por qué fuxir á Bretaña? Qué relacións mantíñamos os galegos a finais do século XV para que nobres emigren e sintan seguros na Bretaña?              
2.- A cantidade de 1500 nobres emigrados resulta moito máis elevada se pensamos que fuxirían acompañados da familia, pois tendo a familia preto deles asegúranse que esta non sufriría a cólera e a vinganza real. Cantos galegos tiveron que fuxir en realidade das represalias propias dese proceso de pacificación do territorio galego?              
3.- Se temos 1500 nobres galegos emigrados, fuxindo das represalias, iso significa que a resistencia nobiliar galega a implantación do estado centralista dos Reis Católicos foi un fenómeno xeneralizado de rexeitamento. Supoñemos que non todos os que loitaron contra Mudarra e Acuña acabaron exiliados polo cal o número de nobres contrarios á política de Sabela e Fernando foi moito maior do que a historiografía oficial ten recoñecido.              

Este feito debería facernos dubidar das ideas que temos sobre o que se nos ten dito da “Doma e Castración de Galiza”. A resistencia nobiliar galega foi un movemento xeneralizado, non só foron Madruga, Lemos e Pardo de Cela senón que estes tres son o exemplo do que estaba a acontecer en Galiza.            

Loitaban estes nobres galegos pola independencia de Galiza?            

Como sempre manteño estes nobres loitaban tan só por defender os seus dereitos e a súa independencia pero ao facelo tamén loitaban por defender o grado de independencia que tiña o noso país con respecto ao goberno de Castela. Afirmar isto non é mentir nin terxiversar a historia. Si, é certo que os nobres galegos loitaron contra os Reis Católicos para defender as súas propiedades e os seus dereitos como tamén o é que ao facelo loitaban en beneficio do seu país, Galiza.

Que razóns movían aos nobres galegos que para gañar o perdón real se viron obrigados a combater en Málaga, Baza ou Granada?                

Supoñemos que o fixeron para recuperar o seu estatus, as súas terras, as rendas, as preeminencias e poder volver ao seu país, a Galiza, pero a historiografía oficial afirma que a única razón pola que loitaron era por recuperar ou reconquistar un territorio que por xustiza pertencía aos cristiáns como herdeiros do poder visigodo. Chegouse a afirmar que eses nobres galegos loitaban pola defensa da unidade nacional, por España (concepto inexistente nesta época).            

Como levamos visto é certo o que afirmaba o profesor Olivera porque cando aparecen os documentos as historias fantasiadas esvaécense. Así debe desaparecer da nosa historia nacional esa idea de que ante o proceso de “Doma e Castración de Galiza” tan só se levantaron Pedro Madruga, o Conde Lemos e Pardo de Cela, aos que a historiografía oficial enseguida calificou de “ejemplos puntuales de nobles rebeldes”, porque o rexeitamento nobiliar galego a ese proceso de doma foi bastante máis xeneralizado do que nos queren facer crer.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña