01:40 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-01-2014

Soberanía para rachar de vez coas políticas que se impoñen desde Bruxelas

Apostarmos pola necesaria ruptura co euro e a UE

Valorar (27)

XABIER PÉREZ IGREXAS



2014 será ano electoral. A fins de maio terán lugar os comicios para designar a composición do Parlamento Europeo. Nestas últimas semanas, e previsibelmente nas que han de vir, moito se ten falado arredor das fórmulas de concorrencia electoral duns e doutros, nunha cita na que a circunscrición é estatal, polo que as alianzas son case forzosas. Porén, pouco ou case nada se ten abordado polo momento a respecto das propostas políticas, que se queren levar a Bruxelas, precisamente nun momento histórico no que a UE é o epicentro político (e económico) da radicalización da loita de clases, nun proceso de centralización política que vai camiño de a configurar como un super-Estado.      

O Partido da Esquerda Europea, capitaneado pola Syriza grega e do que IU é destacamento no Estado –e por extensión a súa franquicia galega tamén no noso país-, xa expresou a súa aposta: reformar a UE. O que non explican é por que vieiros transitará esa reforma, nin con que mecanismos, máxime cando o Parlamento europeo –como é sabido- non é nin de lonxe o principal centro de decisión comunitaria.        

Nun momento no que para amplas capas sociais é máis evidente que nunca o carácter intrinsecamente antisocial do denominado proceso de construción europea, o nacionalismo galego -en todas as súas vertentes- debe contribuír de maneira decidida a profundar no combate ideolóxico, quitándolle de vez o pouco da carauta que conserva e apostando pola clarificación face os espellismos de reformas imposíbeis que, ademais, non representan unha solución real. Neste senso, cómpre que o nacionalismo popular volva poñer acima da mesa, con toda a pedagoxía que for necesaria mais tamén con total claridade, a caracterización que historicamente ten feito da UE e do seu xermolar, como instrumento imperialista ao servizo dos intereses do grande capital monopolista, nomeadamente do centro do continente.        

Mais iso exixe clarificarmos,en rigor, tamén a nós propios. Primeiramente estabelecendo que a actual ofensiva antisocial que protagoniza a UE (en tanto que parte integrante da chamada Troika), e que conta na execución coa anuencia dos gobernos neoliberais (no caso do Estado español quer do PSOE, quer do PP, tanto ten),  non é unha desviación, non é unha orientación errada, non é un problema de modelo. Ao contrario, estas políticas son a expresión material, neste momento histórico, dos fundamentos mesmos da propia UE. Como se explica no A FONDO de Sermos Galiza dedicado a esta cuestión, intitulado “A forca europea: o que a UE supón para Galiza” , o problema non son as políticas concretas, senón que estas responden cumpridamente a un deseño deliberado. Políticas que, como sosteño no limiar do devandito caderno, “non só non son contrarias ao cerne mesmo da arquitectura político-económica sob a que se edificou a UE, senón que son unha expresión consubstancial a esta. Certamente a correlación de forzas, desfavorábel para a esquerda continental e hostil cara á esquerda transformadora, permitiu unha máis rápida radicalización e agudación das políticas antisociais, baixo o paradigma neoliberal. Mais a própia xénese e desenvolvemento histórico da unión deixa patente que foi deseñada como un instrumento de clase, ao servizo do gran capital.”          

En consecuencia, a superación desas políticas, o combate efectivo co modelo económico e social ao que obedecen, exixe a ruptura cos instrumentos desde as que se desenvolven. De aí que sexa pertinente abrirmos sen complexos o debate social arredor da saída non só do euro senón mesmo da propia Unión Europea, como paso indispensábel para lograr zafarnos da súa política de agresión. Unha ruptura que desde Galiza só se pode afirmar con base en tres elementos: soberanía, democracia e traballo.        

Soberanía nacional a todas luces inviábel no marco dunha UE en agudo proceso de centralización da toma de decisións, como deixaron patente os denominados procesos de rescate en diversos Estados membros. Soberanía para rachar de vez coas políticas que se impoñen desde Bruxelas. Democracia real e efectiva,  incompatíbel cunha UE que axe sen ambaxes como instrumento político, económico e militar dos grandes monopolios, impoñendo os intereses do capital sobre os dos pobos. E traballo, en chave de xustiza social e entendido como a defensa do noso dereito a producir face unhas políticas comunitarias, quer no ámbito industrial quer no agro-pesqueiro, condenan a Galiza a ser periferia dependente e empobrecida, provedora unicamente de servizos e masa de consumo para mercadorías foráneas.          

Neste plano, pois, a resolución das necesidades do pobo traballador galego, a derrota das políticas de agresión contra deste, pasan por rompermos decididamente co euro e a UE. Esa é a chave, e ese debera ser o principal eixo da proposta política do nacionalismo galego rumo os comicios de maio e para alén destes.



[19-01-2014 15:48] independentistas comentou:

Esqueces citar que a posición da ALE, da que fai parte o BNG, e tan ou máis pro-UE que a do PEE. Haberá que ser consecuentes...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña