20:07 Venres, 10 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-04-2010

O desenvolvemento de plantas transxénicas pon en grave risco o dereito á soberanía alimentaria dos pobos

Son os transxénicos a solución?

Valorar (10)

IRIA VILLAR RODAL


Froita transxénica coñecida como "Tangelo" (Fusión de mandarina e pomelo)


Nos últimos tempos estamos vivindo a chegada do que dan en chamar a segunda "revolución verde", coa aparición das plantas modificadas xeneticamente. Se a primeira, que se vendía como solución a todos os problemas alimentarios do mundo, o único que acadou foi facer unha agricultura mais dependente, incrementando as diferencias entre países pobres e ricos, esta nova proposta liderada polas grandes multinacionais de agrotóxicos e agora líderes da biotecnoloxía, non difire moito.

Volven a utilizar a necesidade de "incrementar a produción para alimentar a unha poboación en continua expansión". Este argumento xa se empregou cando se nos tentaba vender a "revolución verde" como a solución aos problemas da inseguridade alimentaria, cando o problema real atópase na concepción que ten o sistema capitalista da produción de alimentos, entendendoos como un ben especulativo.

A finalidade non era como tampouco o é agora, asegurar o dereito á alimentación da poboación, a finalidade en canto á produción de alimentos transxénicos radica no beneficio económico que supón controlar a produción mundial de alimentos.  

Biodiversidade e soberanía alimentaria

O desenvolvemento de plantas transxénicas pon en grave risco o dereito á soberanía alimentaria dos pobos, polo risco que supoñen os cultivos transxénicos para o mantemento da biodiversidade. As plantas transxénicas poden contaminar plantas silvestres emparentadas, como xa se comprobou en México co millo transxénico.

O feito de que as empresas poidan patentar sementes, organismos vivos ou partes deles, danos unha idea de como poden derivar todos estes problemas a unha total dependencia destas grandes multinacionais, e mais se temos en conta que, según Olivier Schutter, relator especial da ONU sobre o dereito á alimentación, só 10 compañías controlan o 67% do mercado de sementes e practicamente o 100% do mercado mundial de transxénicos.

Isto sen esquencer que cando se merca unha semente transxénica, o agricultor está mercando o dereito ao uso desa semente durante esa campaña, e non a semente en si mesma, creando unha maior dependencia destas multinacionais. Ademais de asegurar esta dependencia dunha forma legal, tamén o fan de xeito biolóxico, coa tecnoloxía "terminator" que invalida toda posibilidade de que as sementes sexan viables.

Redución do emprego de agrotóxicos?

Un dos argumentos dos defensores deste tipo de cultivos é que con eles se reduce o emprego de agrotóxicos. Chama a atención que as plantas transxénicas que máis se cultivan son as que están ligadas ao uso de agrotóxicos.

Un exemplo disto é o coñecido como millo Bt, no que as plantas levan incorporados os xenes da proteína Cry que producen a toxina Bt. O que nos din é que se trata dunha toxina moi específica que só mata aos animais que se pretendan alimentar da planta transxénica. O que non contan, é que os cristais que produce este xen, poden chegar ao polen das plantas polo que a través do vento poden contaminar outras plantas e danar outros insectos que non son un perigo potencial para a planta. Ademais, esta toxina estase liberando continuamente polo que as posibilidades de provocar resistencias son máis que probables. A aparición de resistencias ao Bacillus thurigiensis perxudicará principalmente aos productores convencionais e ecolóxicos, xa que este está sendo un método de loita biolóxica moi eficaz empregada racionalmente.

Outra modificación xenética moi favorecida polas multinacionais son as plantas resistentes aos herbicidas da mesma empresa que fabrica a planta, co cal a empresa ten asegurada a venda da semente e do agrotóxico. Isto provoca un incremento de residuos no cultivo, ademais da eliminación total de vexetación espontánea, o cal provoca grandes desequilibrios ecolóxicos e maiores riscos ante procesos erosivos do solo. A pregunta é: Compensa o suposto incremento na produción fronte ao gasto económico, ecolóxico e de saúde que supón o incremento no uso de herbicidas nos cultivos? Non falemos da resistencia da vexetación espontánea a eses herbicidas (xa se deron casos), o cal deriva nun incremento nas aplicacions e polo tanto un incremento nos custos de produción, ademais dun incremento dos residuos nos cultivos.

Todo o exposto anteriormente nos deixa de manifesto que o cultivo de organismos xeneticamente modificados non aseguran aspectos fundamentais para manter a soberanía alimentaria dos pobos, e polo tanto tampouco vai ser a solución para acadar a  seguridade alimentaria que pretenden vendernos. Este tipo de cultivos favorece aínda máis os monocultivos, incremento da contaminación por aplicación de pesticidas, dependencia dos agricultores a insumos externos, riscos de contaminación de cultivos ecolóxicos e tradicionais, perda de variedades locais, ademais dos efectos sobre a saúde dos consumidores.


[28-04-2010 ] Medios comentou:

Contra a entrada de variedades alleas de alta productividade e variedades transxénicas compre fomentar a investigación, clasificación, e programas de mellora das variedades autóctonas. Rompo unha lanza polo departamento de producción vexetal da USC e das lineas de investigación abertas neste eido, que abren camiño para frear a entrada de productos foráneos que menguen a riqueza varietal das nosas produccións.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña