23:40 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-04-2010

As actuacións políticaa do Partido Popular pasan de seren imprudentes a seren deliberadas intencionada e ideoloxicamente

A hipocresía do PP

Valorar (10)

PAZ ABRAIRA SOBRADO


Vista satélite de Galiza nunha das súas vagas de incendios de verán

O Partido Popular ten moi clara a súa liña de actuación en Galiza. Non deixan nada á improvisación e todo está perfectamente definido. Nunha proba máis da súa hipócrita política, vemos como presumen de celebrar o Día do Libro, coa lectura de textos de Rosalía de Castro, mentres destinan máis de un millón de euros a promover e publicitar o seu decreto antigalego. E aínda por riba, todo adobado con esa falsa imaxe de rigor, de seriedade e modernidade coa que Feixóo maquilla a súa cohorte e todo canto fan.

Renegan do País

Está claro que o PP non quere ao noso país. Está claro que renegan del e fano con ostentación e con chulería. Temos un goberno que non goberna, carente de ideas e de alternativas, e máis centrado en atacar os nosos sinais de identidade que en defender os nosos intereses. E cando non lles queda máis remedio que dar pasos, fano de forma timorata e acomplexada, tal e como se viu co asunto de R.

Os servizos públicos nunca tantos recortes sufriron. Pechan comedores escolares, recortan as axudas para libros e bolsas de estudos, meten as empresas privadas a obter beneficios na sanidade pública, atrasan a apertura de novas instalacións sociais, botan á rúa a centos de traballadores e traballadoras sen importarlles o seu futuro,... e aínda por riba temos que aturar que nos digan que é para reducir o gasto innecesario. Como se a apertura de centros de día ou a prestación do servizo de comedor en colexios de concellos como a Ribeira de Piquín ou Negueira de Muñiz fose "un gasto innecesario". Non nos deixemos enganar. Detrás dos recortes orzamentarios non hai unha política de redución do gasto. O que hai é unha clara eliminación de servizos públicos e de debilitamento do país.

A política da marcha atrás

A política que está a desenvolver o Partido Popular desde a Xunta de Galiza ten unha clara intencionalidade, e non é, como pretenden facernos crer os seus máximos representantes, moi ben axudados polos medios de comunicación, unha redución do gasto. O que perseguen é a redución dos fondos destinados a políticas sociais e a sectores públicos que son estratéxicos para o noso país. O que perseguen é que deixemos de ser nós para converternos nun apéndice do Estado español, sen identidade propia e, por suposto, sen nación e sen nacionalismo.

Un dos últimos anuncios de recorte fai referencia á eliminación do Bantegal, o Banco de Terras de Galiza, iniciativa pioneira neste país posta en marcha desde o Goberno galego polo nacionalismo co obxectivo de que as explotacións galegas poidan acceder á terra en condicións vantaxosas para as dúas partes, arrendador e arrendatario. Pero está claro que o PP ten un afán destrutivo que o leva a eliminar todos os avances normativos e prácticos que o BNG puxo en marcha na pasada lexislatura.

Isto, unido á forte redución dos fondos destinados á prevención dos incendios forestais, cifrada en máis de 8 millóns de euros, vai significar un retroceso evidente no medio rural, retroceso que pode que xa non sexamos quen de superar.

Estamos saíndo dun inverno especialmente chuvioso, o que unido á suba das temperaturas vai facer que a vexetación medre moito e rápido en moi pouco tempo. Todos temos na memoria os efectos gravísimos dos lumes forestais. Está claro que só a política da extinción non chega, hai que facer política de prevención e de información. Temos que lograr que, como mínimo, os núcleos de poboación, as casas, non estean rodeadas de vexetación que poida arder sen control.

Esta teoría, tan sinxela de entender, deu en tres anos moitos froitos, e logrouse reducir o número de incendios forestais de maneira moi significativa. E conseguiuse introducir na sociedade a idea de que é preciso que todos nos comprometamos no coidado do noso territorio. Pero o primeiro responsábel é a administración galega, e a actual, o goberno do PP, quere dinamitar eses avances. O territorio, a nosa específica estrutura territorial, tamén é un sinal da nosa identidade e o Partido Popular sempre o tivo na diana da destrución.

O País, o centro do debate

Galiza e os nosos problemas deben ser o centro dos nosos debates. Agora que tantas polémicas artificiosas se montan en Madrid, sempre en Madrid, -velaí outra volta o debate sobre o uso do velo islámico, e xa é curioso que sexa o portavoz da Conferencia episcopal quen o defenda-, os galegos e as galegas debemos manter os ollos abertos e a mente clara.

Os ollos abertos e a mente clara para combater o deseño destrutor dos intereses do País que está a articular o PP desde o Goberno galego. As súas actuacións de seren illadas,- que non o son-, até  poderían cualificarse de temeridades. Pero cando pasan de seren imprudentes a seren deliberadas, -intencionada e ideoloxicamente deliberadas-, non nos queda outra que reaccionarmos con enerxía. E o nacionalismo volve estar nesa loita. O País precísao.


[28-04-2010 ] Abelardo del Caño comentou:

Parabens! certamente é un analisis sinxelo pero completo da política do PP no país. Pouco hai que engadir! Mais dito esto, como nacionalistas temos unha autocrítica que nos facer! Cómo é posibel que con todos os datos expostos, non sexamos capaces de transmitir a nosa xente non xa todo! senon tan siquera unha pequena parte da realidade? Sabemos o papel da prensa no pais, somos coñecedores da implicación dos medios, de todos os medios! na consolidación dos poderes caciquís na nosa terra! Todo o dito ten que nos animar a conquerir transmitir o noso pobo o coñecemento da realidade, por riba das eivas co Estado, e todo o seu cortello de partidos, medios, eirexa, etc, segue a manter na Galiza. O teu acertado analisis remta acertadamente tamén:"E o nacionalismo volve estar nesa loita. O Pais precísao"Así sea!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña