13:27 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-12-2013

Agora, neste momento, os trileros xa se transformaron en estafadores a cara descuberta

Goberno de trileros

Valorar (8)

EDUARDO ÁLVAREZ



Cando eu era neno, non había feira na contorna á que non concorresen dous ou tres trampóns que tiñan como obxectivo sacar os cartos a algúns daqueles feirantes que acababan de vender uns porcos ou un xato. Servíanse estes personaxes de moi pouca escenografía, pois cunha simple caixa de cartón cuberta cun pano e con tres gobeletes e unha carta de baralla nuns casos, ou un dado noutros, tiñan dabondo para executar a súa actividade espoliadora. Con rápidos movementos de mans facían caer na trampa os incautos que acudían aos seus reclamos. Lembro tamén que tanto o trilero protagonista como os seus cooperadores necesarios que interviñan como partícipes na teatralidade da estafa non falaban galego senón un español con trazos dialectais. Hoxe subsisten aínda algúns trampuzas de feira que obteñen reducidos beneficios porque quedan poucos incautos que se deixen engaiolar pola oratoria fluída e mans prestidixitadoras. Mais, si proliferan outros trileros que, co uso da manipulación dos gabinetes de prensa e cos altofalantes dos medios de comunicación, amplifican as súas palabras e conseguen efectos en certos sectores da sociedade máis perniciosos que os daqueles estafadores da miña infancia. Un dos máis destacados practicantes da arte do trile ocupa hoxe en día a presidencia do goberno galego. Ascendeu ao poder a través de sediciosas campañas denunciando concursos eólicos ilegais que posteriormente os tribunais de xustiza recoñeceron axustados absolutamente a dereito, prometendo substanciosos contratos para construír barcos nos estaleiros que se foron esfumando co decurso do tempo… E agora, de novo, chegado o momento de seren presentados e sometidos a debate parlamentar os orzamentos para o ano 2014, o mesmo embaucador, revestido de trilero máximo, directamente e coa colaboración da conselleira de Facenda, en ambos casos con trazos lingüísticos alleos ao galego, proclama como grande beneficio fiscal para os contribuíntes que non superen anualmente a base liquidable de 17.707 euros unha redución de medio punto na cota autonómica do IRPF. Anunciando a nova, o Gabinete de prensa da Xunta emite un comunicado que, entre outras cousas, recolle literalmente que o Goberno galego pedirá menor esforzo ás rendas máis baixas a través da redución do tramo máis baixo do IRPF para as bases liquidables de ata 17.707 euros, o que permitirá achegar máis progresividade ao sistema e dotará de menos ingresos aos que máis teñen.

Pois ben, señores trileros, saiban que non conseguen facernos comungar con roldas de muíño. O que anuncian como un beneficio fiscal para as rendas máis baixas constitúe unha trampullada máis das que tan habituados están a realizar.          

En primeiro lugar, a redución de medio punto de retención do IRPF que ofrecen non afecta os que menos teñen. Saben vostedes moi ben, señores trileros, que existen na Galiza moitas persoas que cobran salarios aos que non se lles practica retención porque, en función da situación familiar de cada contribuínte, están exentos de retención os salarios inferiores aos 11.162 ou os 16.952 euros anuais. Todos os empregados de fogar, case todos os traballadores a tempo parcial, os traballadores das categorías máis baixas de convenios colectivos de limpeza, do comercio, da hostalaría, de servizos sociais…  ao non practicárselles retención, tampouco non teñen dereito a redución do medio punto da cota autonómica do IRPF. En cambio, si teñen dereito á redución dese medio punto todos os contribuíntes que superan a base liquidable dos 17.707 euros porque esta primeira escala está incluída en todas as demais bases liquidables superiores e, por tanto, tamén os contribuíntes con rendas anuais que multipliquen varias veces esa cantidade terán dereito á redución que vostedes anuncian que beneficiará as rendas máis baixas. Salarios de menos de 900 euros ficarán sen dereito á redución por vostedes anunciada mentres que salarios cinco, dez ou vinte veces superiores gozarán dela. Velaí unha medida tributaria que permitirá achegar máis progresividade ao sistema e dotará de menos ingresos aos que máis teñen.          

Ah! A cousa non remata aquí. Vostedes desde Galiza reducen medio punto a cota autonómica da base liquidable inferior aos 17.707 euros, e desde o ministerio de Facenda, o homólogo trilero señor Montoro, en colaboración coa Secretaria de Estado señora Fernández Currás, incrementa esa mesma escala estatal cun gravame complementario do 0,75 para reducir o déficit público no exercicio 2014. Isto é, os trileros de Madrid aumentan o gravame nun 0,75 e os de aquí redúceno nun 0,50. O resultado final desta complexa operación de adición e de substracción simultánea ascende a un cuarto de punto en prexuízo dos mesmos contribuíntes. Para completar este esperpento, procedería tamén que, desde diferentes lugares de Galiza, organizasen caravanas de próceres do Partido Popular para confluíren nunha data determinada diante do Ministerio de Facenda en Madrid para pedir explicacións sobre esta contradición tributaria.        

Mais, mentres os consumados trileros cunha man erguen con arroallo un gobelete para descubrirlles aos circunstantes este beneficio fiscal, coa outra man elevan cada litro de carburante en 3,6 céntimos que, sumados aos 1,2 xa existentes desde 2003, fixan este imposto autonómico en 4,8 céntimos por cada litro. Agora, neste momento, os trileros xa se transformaron en estafadores a cara descuberta porque estoutra medida fiscal prexudica, e agora si, absolutamente a todos os cidadáns e nomeadamente a aqueles que teñen menor poder adquisitivo.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña