20:20 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-11-2013

Portal cultural

No ciberespazo, mais cos pés na Terra

Valorar (2)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



Dicía Julián Assange que a rede está ocupada militarmente polos EEUU e os seus aliados. E dicía ben. Disidentes coma el ou Edward Snowden poñen en evidencia o que moitos sospeitábamos ainda que poucos alcanzan a expresar nos seus xustos termos: o imperialismo. Mais é obvio que a teoría de Toni Negri e Michael Hardt sobre a existencia dun imperialismo sen imperio, sen centro, sen localización, etc... é refutado polos feitos de que a globalización virtual non deixa de facerse senón baixo o dominio dun Estado concreto e dunhas corporacións radicadas neses Estado e ao servizo das que este Estado está. Pois que ninguén se engane. Non se trata de que as grandes corporacións presten apoio aos servizos secretos americanos. É ao revés. Estes están ao servizo das grandes corporacións dese país.

Fronte a iso temos a tentación de recluírnos nun mundo a-tecnolóxico. Hai quen fai chamamentos á desconexión. E en parte teñen razón: Apagar os móbiles e acender a vida. Mais só en parte. Naquela parte que nos fai dependentes ou nos empuxa a sublimar nos blogs o que non somos quen de facer ou falar na realidade. Agora ben, sendo conscientes que non podemos prescindir do noso caduco corpo físico, de que este precisa satisfacer as súas necesidades materiais no entorno social e natural no que habita, isto é, que na rede non se vive, non podemos cometer o erro de abandonar os medios que o sistema pon ao noso alcance aínda que a intención con que o fai sexa para someternos e controlarnos. Non deberíamos deixar que as teorías da conspiración nos arrastren á paranoia apocalíptica desmobilizadora. Hai que saber detectar as fendas e contradicións no propio proxecto dominante, e explotalas no beneficio dun. Porque se a dominación non tivese contradicións non sería dominación.

Certo que a “democratización” da tecnoloxía se fai co fin de obter beneficios económicos e control social, mais tamén o é que representa unha oportunidade para que aquelas forzas que teñen menos recursos poidan implementar proxectos até agora só privativos das grandes empresas.

Neste escenario é que o asociacionismo cultural de base volve a revivir logo de moitos anos de letargo. Mantendo os mesmos obxectivos de cultura participativa, directa e de proximidade, desta volta é quen de acompañarse de novos medios tecnolóxicos que poñer ao servizo do seu labor.

Medios, non fins, ao alcance de entidades sen un peso que agora as pexas económicas non impeden canalizar, divulgar e arquivar o traballo voluntario dos activistas culturais a través do mundo dixital. Agora ben, quizais cumpría facer algunhas reflexións sobre isto á luz das experiencias que se están a poñer en marcha. Para iso pódese apuntar algúns temas de debate:

- Desviar esforzos e enerxías ao ciberactivismo pode retraer a intervención social directa na rúa ou servir de axitación desta.
- A substitución da cultura “on line” pola cultura presencial pode levar ao solipsismo (A xente xa non se senta con outros a ver un vídeo, unha conferencia, etc... si a pode ver comodamente na casa), ou hai cousas insubstituíbeis que compre complementar nas programacións de xeito que en vez de competir se retroalimenten ambas as dúas actividades.
- A facilidade de crear micro-espazos web, mesmo persoais, levarían a unha fragmentación que impediría topar puntos de encontro, debates confrontados, referencias comúns, etc... e mesmo que a sobre-información impida ver a información, ou é posíbel artellar unha coordinación das experiencias individuais e colectivas para conformar un proxecto máis amplo e interconectado.
- O voluntarismo, a “piratería” e o acceso “on line” gratuíto fronte ao presencial fará imposíbel a viabilidade dunha industria cultural, ou pode servir de contraforte ao ensaiar novas fórmulas de difusión e financiamento.
- A comodidade que presenta construír de proxectos locais poderá levar a que se desvíen os efectivos cara ese proxecto máis doado, facendo desbaratar as estratexias de carácter nacional, ou será a través do enganche nos proxectos locais que poidamos vencer a censura dos grandes medios nacionais e internacionais dominantes e tecer alternativas conxuntas que poidan retalos con éxito. Sería preciso debater isto e máis asuntos relacionados co xeito de facerlle fronte a esta nova realidade para tratar de que sexa xestionada do xeito máis axeitado para os nosos intereses nacionais e de clase.

Na comarca de Tabeirós-Terra de Montes vén de nacer unha experiencia, como outras que se están a dar ao longo do país, para inventariar, recuperar, dixitalizar e divulgar o patrimonio cultural (material e inmaterial) e os recursos naturais da bisbarra.

O día 28 de novembro tivemos ocasión de presentar un libro dixital. Un traballo que dificilmente tería canles de publicación en papel. Mais esta actividade non escusou o acto presencial. Compre combinar ambas as dúas esferas. Non abandonar as rúas e as prazas, non substituílas polas webs. Así, publicouse na rede un diario dun fuxido no monte no 1936, comentouse e debateuse nunha conferencia pública, e utilízase de base para mobilizar de cara a homenaxe pública que se pretende levar a cabo. Agora ben, compre rachar o localismo e establecer vencellos cos demais proxectos semellantes co fin de atar cabos, ser máis fortes xuntos, forxar nación e, en definitiva, tamén no mundo virtual, derrotar ao imperio no seu propio terreo. Para iso queda moito por andar, mais o importante é aclararnos para saber en que dirección camiñar porque senón podemos estar a andar en círculo ou indo en polo carril contrario á emancipación. Se fosemos quen de usar destes medios sin que estes nos usen a nós segunramente outro galo cantará para mudar a nosa Terra no mundo real.

[01-12-2013 22:16] Carme comentou:

Concordo Garrido. Fas unha atinada reflexión

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña