14:32 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-11-2013

O proxecto Portocabral, que no fondo, era entregar terra comunitaria ás mans de un negocio privado, tiña (e ten) aliados poderosos

Portocabral: A veciñanza comuneira defende o seu, que tamén é o de todos e todas

Valorar (2)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ



A veciñanza comuneira é a única con lexitimidade para decidir como por en valor o seu monte veciñal, mesmo con dereito a equivocarse, porque a súa decisión é tomada democraticamente en asemblea xeral. Os acordos asemblearios das comunidades de montes non son, como di, no seu delirio caudillista, o alcalde do concello de Vigo, "acordos de particulares". Son acordos dos titulares das terras. Son tan lexítimos como os acordos que poida tomar, nas súas competencias, os órganos de goberno do concello de Vigo. Esta plena capacidade de decisión, ten que ter un marco. Marco que ten que vir limitado por: a defensa da integridade do monte veciñal, a posta en valor do monte veciñal de xeito multifuncional e sustentábel e a implicación da veciñanza comuneira nesta posta en valor. O proxecto Portocabral era (é) unha proposta que non encaixa neste prantexamento.  

O proxecto Portocabral, que no fondo, era entregar terra comunitaria ás mans de un negocio privado, tiña (e ten ) aliados poderosos como eran(son): o equipo de goberno do concello de Vigo, a Confederación de empresarios de Galiza, os medios de comunicación locais, a xunta rectora da comunidade de montes de Cabral ( que ten todo o dereito a equivocarse). A todos estes aliados, agás a xunta rectora, movíanos intereses económicos particulares.  

O proxecto Portocabral, no momento de crise que estamos a padecer, tiña un envoltorio moi atractivo. Ofrecían 12 millóns de euros pola terra veciñal  e prometían 3.000 postos de traballo. Hai que ter unha conciencia comuneira firme para non deixarse deslumbrar por este engado, conciencia comunitaria que ten fondas raíces no comunalismo das poboacións do medio rural galego, reflexado ao traverso da historia, en diversos feitos (sistemas de regadíos, fornos , monte veciñal, tarefas agrarias, veceiras, festas, traídas de augas..........). Hai que ter un prantexamento claro de que o futuro do monte veciñal pasa por ser  unha das pezas para o desenvolvemento local e rural de xeito multifuncional e sustentábel, para non deixarse engaiolar por eses cantos de serea .  

A veciñanza comuneira de Cabral, tivo esa conciencia comunitaria. E na súa asemblea xeral, democraticamente, rexeitou o proxecto Portocabral. Estiveron a altura da veciñanza comuneira do século XIX (que impediu que se venderan os montes ), da do século XX (que recuperou os montes veciñais usurpados polo franquismo) e a do século XXI (que rexeitou a privatización destas terras comunitarias). Resulta chamativo que os defensores do proxecto Portocabral cuestionen a decisión da asemblea xeral da comunidade de montes de Cabral polos poucos votos de diferenza (sobre 50 mais negativos que positivos ).Son os mesmos que nada dicían, cando na lexislatura pasada, o Partido Popular gobernou con a diferenza de un deputado/a e con moitos menos votos ca suma dos votos dos partidos da oposición. Fica claro que ao capitalismo só lles vale a democracia cando vai de acorde cos seus intereses.  

Tanto os que defenden a privatización dos montes veciñais, como os que optan por convertelos en públicos, teñen un obxectivo común: sacarlle estas terras a veciñanza comuneira. Aos primeiros non hai que pedirlles nada, hai que combatelos. Aos segundos se que compre pedirlles que fagan unha reflexión. Se o monte veciñal de Cabral, fose un monte público e non unha titularidade comunitaria, o proxecto Portocabral, sería unha realidade, xa que decidiría o concello de Vigo. E mais, se os montes veciñais galegos, fosen titularidades públicas, cando entre en vigor a lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, serian postos á venda, porque os bens públicos pódense vender, as titularidades comunitarias non. A lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, é unha lei negativa, xa que vai eliminar dereitos e servizos as poboacións do medio rural, mais non será de aplicación aos montes veciñais por ser estes, titularidades comunitarias .  

A veciñanza comuneira de Cabral, coa súa decisión tomada de xeito democrático , defendeu o seu. Mais tamén defendeu o de todos e o de todas. Porque os montes veciñais en man común, son unha titularidade de carácter xermánico e xa que logo, con características de ben común e de ben social. Das funcións sociais e medioambientais que cumpren, benefíciase a sociedade no seu conxunto. Se son convertidos en titularidades públicas, e moito mais si se privatizan, deixaran de cumprir estas funcións.  

Poida que non este mal as proliferacións de plataformas cos nomes de: s.o.s, defendamos, salvemos, protexamos..... tal ou cal monte veciñal. Mais, será fume de cana, se o monte veciñal, como titularidade comunitaria desaparece. E hoxe o monte veciñal en man común está en perigo de extinción. A loita pola súa supervivencia debe situarse nun primeiro plano. Porque o monte veciñal é unha sinal de identidade da nosa nación e porque o monte veciñal debe ser unha das pezas para acadar un desenvolvemento socio-económico en beneficio das maiorías sociais.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña