22:19 Luns, 03 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-11-2013

A clase empresarial latinoamericana é o cabalo de Troia dos intereses estadounidenses en toda Latinoamérica

Venezuela: burguesía parasitaria

Valorar (0)

XURXO MARTIZ CRESPO



Nunha das súas repetidas visitas a Caracas, Felipe González aseguraba que o Estado «non estaba para fabricar pantalóns vaqueiros». Trasladado á Venezuela actual, poderíamos engadir que non está tampouco para fabricar papel hixiénico, importar insumos ou dentífrico. 

Cabalo de Troia            

A clase empresarial latinoamericana é o cabalo de Troia dos intereses estadounidenses en toda Latinoamérica. En Venezuela nótase máis ese papel pola proximidade e pola dependencia histórica do petróleo venezolano dos Estados Unidos (EUA). Non é casual que o ex presidente George Bush (pai) dedique uns días ao ano para ir pescar á Gran Sabana[i] co seu amigo o empresario cubano-hispano-venezuelano Gustavo Cisneros, e aquí debemos salientar o termo «amigo», pois Bush (pai) e Cisneros son antes que nada amigos.

Serviu a situación de carestía artificial para o agromar do malestar popular que meses máis tarde xustificaría, activa ou pasivamente, o golpe contra Allende, logo da saída á rúa das mulleres chilenas para enfrontarse a un goberno que os «mataba de fame[ii]»,  e as continuas cazoladas organizadas en Santiago contra o presidente chileno que máis tarde foron reproducidas, semanal e diariamente en Caracas. É o mesmo modelo de guerra mediante o asedio da antigüidade que, levado á súa máxima expresión, corresponde aos embargos comerciais (Cuba/Irán/Iraq/Siria) ou o embargo aplicado polos Estados Unidos a calquera que considere que prexudica a súa seguranza[iii] sen importar se comprador ou vendedor son estadounidenses.                

Visitei  varios supermercados en Caracas no mes de outubro. Desde o Unicasa do barrio popular da Candelaria até o Excelsior Gama da podente zona de Los Palos Grandes. Mentres os andeis rebordaban de produtos importados, viños, whiskys, queixos, aceite de oliva, etc, a xente comentaba sobre a escaseza dos produtos subvencionados polo Goberno revolucionario como fariña de millo, papel hixiénico ou polo.                 

Ignorando a lóxica neoliberal de González, os grupos de interese por medio dos seus media acusan o Goberno bolivariano de ineficiente por non producir o que debían producir os empresarios, que á súa vez alegan que non poden facelo perdendo, coa cándida desculpa de que a produción dos bens que escasean xeran perda na súa produción debido ao seu baixo prezo regulado polo Goberno, cando a subvención dun produto o que implica non é a venda con perda senón que o prezo da ganancia do empresario o asume o Estado.                

Dar unha volta polo Estado español sería un bo exemplo do que significa a desregularización do prezo, por exemplo, do solo, da vivenda ou da ausencia de control das actividades financeiras.                

Non é casual que esporadicamente en calquera país latinoamericano apareza unha escaseza que prexudique os máis febles. En Lima, entre 1975 e 1977 vin eu os programas televisivos do goberno revolucionario do xeneral Juan Velasco Alvarado, nos que ensinaban á poboación a limpar os dentes con mazá (ante a escaseza de dentífrico) ou a facer limoada con caramelos de limón e auga quente ante a ausencia de azucre; carne guisada sacada de mondas de plátano e a substitución da carne moída (con veda de 15 días ao mes) por carne de soia. Todos os gobernos de esquerda sufriron repentinas e agudas escasezas.          

A burguesía parasitaria
           

Cualificar de «clase empresarial» o empresariado venezolano é tanto como pensar que a tenda da esquina da nosa casa é o equivalente, en pequeno, a calquera cadea de alimentación.              

Unha vez máis, cómpre lembrar que o único empresario que mantén Venezuela con base nas súas exportacións é o propio Estado venezolano desde a nacionalización do petróleo[iv], mediante a venda e o cobramento en divisas da súa transformación, comercialización e venda no estranxeiro.              

A clase empresarial venezolana é o equivalente a esa pequena tenda da esquina que vende en moeda deficitaria produtos comprados no estranxeiro con divisas orixinadas coa venda do petróleo estatal. Unha vez vendido localmente o produto, a catro ou cinco veces o seu prezo de importación, cómpranse as divisas estatais e iso si, expórtase capital privado en dólares cara aos bancos dos Estados Unidos[v].              

Pretender agora responsabilizalo da escaseza de determinados produtos é colocar o Goberno bolivariano á mesma altura que o Goberno cubano, esquecendo os máis de 300.000 millóns de dólares que o empresariado venezolano ten en bancos estranxeiros e o sistema de libre empresa que hai en Venezuela. As escusas da falta de divisas para a compra de insumos no estranxeiro non se corresponden cos andeis dos supermercados nin coa flota de vehículos novos que se poden ver en Caracas.            

Parafraseando a González, é tanto como pedir que o Goberno faga os vaqueiros, iso si de boa calidade, e dea os cartos para mercalos.




[i] Sur de Venezuela.
[ii]
En Venezuela organizáronse grupos femininos opositores que mesmo tentaron  tomar por asalto o Fuerte Tiuna en Caracas  para provocar agresións que levantasen a xente contra o goberno democrático de Chávez.
[iii] Estados Unidos impediu a venda de 12 avións a Venezuela comprometidos mediante contrato en 2005.
[iv]
1 de xaneiro de 1976, durante o primeiro Goberno do socialdemócrata Carlos Andrés Pérez, do partido Acción Democrática.
[v] Estados Unidos non compartirá con Caracas información bancaria de venezuelanos. El New Herald. 15 de setembro de 2012.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña