12:16 Sabado, 06 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-04-2010

O Decretazo afecta a toda a poboación escolar, converténdose nunha cuestión que, á súa vez, atinxe á sociedade galega no seu conxunto

E despois do “Decretazo”, que?

Valorar (26)

ROBERT NEAL BAXTER



Todo o mundo (sensato, enténdase) concorda en que o denominado 'Decreto do plurilingüismo' representa un ataque frontal contra o galego dun alcance inaudito desde a fin do réxime de Franco (de estirpe tan galega como os proxenitores do actual decreto). O aberrante e falso discurso da 'liberdade' dos pais e das nais a exerceren o 'dereito' á ignorancia no nome da súa prole dentro do sistema escolar vai da man do -igualmente falso- discurso da 'imposición'. Destaca a utilización perversa e trampulleira do termo 'imposición', que se aplica alegremente ao decreto anterior, froito do consenso entre todas as partes (até a retirada do PP movido polos ditames da Calle Génova no último momento, iso si), mais non á continuada tentativa de imposición real do novo Decretazo por parte do Partido Popular, pese ao rexeitamento máis explícito de institucións tan representativas como a Mesa Sectorial, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e, xa máis recentemente, do Consello Escolar. Todo un paroxismo surrealista que só ten parangón no feito de as/os médicas/os galegas/os traballaren en Portugal, mentres as/os doentes portuguesas/es son tratadas/os na Galiza, mais iso é xa fariña doutro fol...

Por falta de espazo suficiente para describir este rancio despropósito, limitareime a remitir as/os lectoras/es ao Dicionario Xerais de Sinónimos e Antónimos (véxase a entrada 'burrada' na páxina 108...).

Certamente, un dos aspectos máis preocupantes radica en que, ao lexislar os usos da lingua no ensino obrigatorio, o Decretazo afecta toda a poboación escolar, converténdose efectivamente nunha cuestión que, á súa vez, atinxe a sociedade galega no seu conxunto -teñan ou non fillas/os en idade escolar-, ao recaer o futuro da lingua (entre outras moitas cousas) sobre as súas costas.

Tal  vez por iso se ten prestado menor atención fóra dos ámbitos propiamente académicos ao lugar que ocupa a nosa lingua nas universidades galegas: ao non ser o ensino universitario obrigatorio, non afecta todo o mundo na mesma medida. Agora ben, malia non xerar tanta preocupación social, si cumpre lembrar que as universidades non son torres de marfil afastadas da vida do resto da poboación. Sirva de ilustración o feito de a poboación estudantil da capital compostelá representar 32% da poboación residente na cidade (menos altas mais aínda significativas son as cifras de 9% para A Coruña e 7% para Vigo), polo que non se debería subestimar o seu impacto.

A interacción dos usos lingüísticos entre a sociedade xeral e o estudantado e, asemade, a influencia que exerce a práctica lingüística fomentada (ou non) na propia universidade sobre a sociedade en xeral non deixan de ser de interese, sobre todo ao representaren as/os estudantes un grupo socialmente prestixiado, polo que os usos que do galego se fagan servirán quer para consolidar quer para botar abaixo os estereotipos que leva parella a situación de  diglosia secular que padece o país: a mesma percepción do galego que tenta consolidar e fomentar a actual Xunta co seu decreto, que sacralizaría o español como lingua propia das ciencias e das matemáticas (materias serias...) mentres o galego fica relegado aos ámbitos considerados de menor importancia.

Cal é, pois, a situación real do galego na Universidade?

Non é a miña intención entrar nunha descrición pormenorizada da situación en cada materia e en cada universidade, para iso están os informes varios que se poden consultar (véxase as notas a rodapé). Abondará cun par de exemplos para termos unha idea desgrazadamente moi clara do lugar que se reserva ao galego nas máis altas institucións académicas do país.

Se, como afirma Narciso de Gabriel (en Lingua e futuro, páx. 113), a situación é un auténtico desastre na Universidade da Coruña, onde, segundo confirman as cifras da Análise sociolingüística da Universidade da Coruña (2005), as materias impartidas na lingua do país non pasan de 9%, as cifras correspondentes á Universidade santiaguesa, ese notorio niño de activismo lingüístico, tampouco son exactamente motivo de celebración: en termos xerais, o galego non excede 27,50% da docencia en 1º e 2º ciclo (algo menos nos mestrados); en 28 titulacións, o español representa entre 80-100%; mentres que estas taxas só as alcanzan 8 titulacións no caso do galego (incluída a propia filoloxía galega).

Todos os datos obxectivos desmenten a falacia (por non dicir 'caroca') da 'imposición' do galego na educación, desta vez no ámbito universitario, proclamada reiteradamente por persoeiros como Roberto Blanco Valdés (La Voz de Galicia, 11/05/2008 e do 05/08/2009), catedrático de dereito constitucional -departamento onde, segundo as cifras oficiais, 83,61% das aulas se dan en español-, ou a estrafalaria declaración dun estudante de dereito da Coruña segundo o cal "nos hemos cansado de la imposición del gallego" (La Voz Libre; 30/09/09). É que para un rapaz de Lugo como el debe cansar moito ter que aturar tantas as aulas (na Facultade de dereito da Coruña, de veras?) na lingua natural do país onde estuda...

Moito se fala de "liberdade" e do "dereito a escoller", mais u-la liberade do estudantado universitario galego de recibir aulas na lingua da súa elección? A liberdade das e dos estudantes está coutada, ostensibelmente, polo dereito do profesorado a optar masivamente por impartir tan só unha mínima parte da súa docencia na lingua propia da Galiza. A este respecto, o seguinte comentario de Goretti Sanmartín (en Lingua e futuro, páx. 80) dá que pensar: "E que maior preconcepto existe que ignorar e mesmo gabarse -como acontece, por exemplo, no ámbito universitario- de descoñecer a lingua propia do lugar onde resides, onde traballas, onde xogas, onde amas?".

É certo que cada Universidade ten aprobada a súa normativa lingüística interna, mais tamén é certo que, na maioría dos casos, os tépedos dereitos que nelas se contemplan non van moito máis alá dos dereitos lingüísticos básicos enunciados no propio Estatuto da Galiza, sendo por tanto, en calquera caso, de obrigado cumprimento tanto dentro das universidades como fóra delas. Ao careceren de mecanismos sancionadores reais en casos de incumprimento, estas normativas non son na práctica máis que un brinde ao sol, demostrándose claramente insuficientes e ineficaces, á luz dos feitos, para garantiren ao estudantado a posibilidade de exercer o dereito a recibir unha educación integral en galego de ser esta a lingua da súa elección (a elección neste caso sería libre e informada, independentemente das preferencias dos seus pais e das súas nais), para así gozaren da mesma 'liberdade' que se reclama machuconamente para aquelas persoas que non queren estudar na lingua propia da Galiza, fronte á imaxinaria imposición do galego na educación a todos os niveis.

De saír adiante (polo método da apisoadora), disque o decreto "garante o equilibrio entre as linguas oficiais" (Xesús Vázquez dixit), mais, aínda que iso for certo (cousa que todo indica non ser o caso), de que serve poder aprender o galego no colexio se logo non se pode practicar de xeito normal máis adiante na educación superior? Por iso, a cuestión que me fago é: despois do Decretazo, que?


[30-04-2010 ] Ramom gris comentou:

Há que começar a experimentar novas estratégias. Uma é a dos modelos linguísticos, de jeito que os nossos filhos se relacionem com meninhos que também falam galego e que recebam tudo em galego.
E segundo é apostar e dizer claramente sem complexos que a nossa língua é internacional e fala-se para além da Galiza, em Portugal, Brasil, etc.
E terceiro apostar agora por isto, porque Brasil é uma potência emergente e a nossa língua é uma oportunidade económica.

[27-04-2010 ] MARILUZ comentou:

TEN QUE FACERMOS REFLEXIONAR O FEITO DE QUE OS NOSOS FILLOS SAIAN DA CASA FALANDO O GALEGO, E ENTREN NA ESCOLA E AO POUCO TEMPO ACABEN SENDO FALANTES DE CASTELÁN E O GALEGO FIQUE SÓ PARA FALAR COS DA CASA. iSO SI QUE É UNHA ABERRACIÓN!!!. ÚLOS DEREITOS LINGÜÍSTICOS DOS GALEGOS NA ESCOLA?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña