Non hai moito tempo estaba vendo unha serie que trataba da Idade Media onde para sufragar os gastos dunha guerra inventaban unha nova taxa que o pobo debía asumir a pesar de non ter onde sacarlles máis. Situación moi parecida a que estamos vivindo na actualidade coa salvidade que si antes era para sufragar os gastos dunha guerra agora son para sufragar a mala xestión dun goberno tanto autonómico como o do estado español que só se preocupa por salvar a banca, a igrexa e aos seus.
Dende o 2002 xa se vén aplicando o céntimo sanitario no noso País para o co-pago sanitario e sen embargo a sanidade pública nos últimos anos non só sufriu recortes brutais senón que a están intentando reducir a súa mínima expresión.
Seguindo os datos da Xunta falan dunha recadación duns 50 millóns de euros pero esta cifra non se recada céntimo a céntimo como din senón que a suba do porcentaxe vai ser a máxima posible que se permite por lei, o que supón unha suba total dos carburantes de 4,8 céntimos por litro. Deslousado a suba é de 3,6 céntimos para o gasóleo e de 2,4 céntimos para a gasolina con esta nova aplicación.
Baixo a escusa que no 2014 as transferencias do estado español veranse reducidas necesitan buscar fórmulas de ingreso que para non variar os prexudicados volvemos ser os homes e mulleres que formamos este País. Pero realmente inverten ese 50 millóns en sanidade? En breve imos ter a oportunidade de ver os orzamentos para o 2014 e o recorte que van aplicar en sanidade.
Todas as medidas tomadas neste senso están deteriorando a sanidade pública, un dereito que tiñamos garantido e agora atopámonos que para ter este dereito moitos mozos sen traballo, en paro, sen prestacións e solteiros téñense que declarar “sen recursos” para poder ter aceso a este dereito, ao menos durante dous anos.
Mentres aplican a suba dos carburantes tamén van a aplicar o co-pago dos medicamentos hospitalarios o que vai supoñer que moitos pacientes non teñan acceso as medicacións necesarios para curar ou ben para paliar os efectos das enfermidades. Isto unido a unha poboación galega envellecida coas pensións máis baixas do estado español e que nestes momentos supón as veces o único ingreso en moitos fogares galegos vai a supoñer unha verdadeira traxedia, pero isto non lle interesa velo nin que se vexa reflectido nos medios de comunicación autonómicos que pagamos cos nosos impostos. E non debemos esquecer os recortes en Dependencia que agravarán inda moito máis a situación de moitos enfermos galegos.
Non hai vontade por parte destes gobernantes que se colgan o cartel de populares, pero deberían de colgar o cartel de exclusivos e seres superiores, en aplicar políticas económicas reais para paliar esa falta de ingresos estatais sen ter que exprimir a unha poboación seca. Empezando pola supresión de organismos autonómicos, das deputacións, menos privatizacións e mais aposta polo público, de subvencionar a igrexa,... seguro que non faría falta tantos recortes en sanidade, educación, e dependencia.
Non podemos aguantar máis subidas de taxas mentres os salarios baixan, recortan pensións, cae o emprego e deixan que o pouco tecido empresarial morra mentres só se preocupan polo estado da banca e caixas que mentres estas parece que se van solventando non fan préstamos a emprendedores e as PIMES. Son tempos duros pero e que cada día nolos están poñendo máis duros mentres sen embargo certas personaxes, das de sempre, medran e viven comodamente no que chaman a casa do Pobo (Parlamento) que cada vez é menos do Pobo para ser máis populista.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.