00:07 Venres, 02 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-10-2013

Falo do Consello da Mocidade, descubrídevos

Foi en 1963

Valorar (14)

XOSÉ RAMÓN ERMIDA MEILÁN



Foi en 1963, falo do Consello da Mocidade. Descubrídevos. A medias entre outubro e novembro deste ano, tres mozos galegos residentes en Madrid que curiosamente non tiñan pasado pola oficina de galeguismo de Xelmírez, 15 Bautista Álvarez, Xosé Antonio Arxona e Raimundo Patiño, facían público á opinión galega, isto é, unha minoría na escuridade do franquismo, un manifesto sob o titulo de “Pola Unión do Pobo Galego” no que se chamaba a articular unha organización política que respondese aos núcleos centrais do pensamento que lle era propio ao nacionalismo e as posicións que viñan defendendo na altura os movementos de liberación nacional dos países en camiño de descolonización. A chamada deste grupo de Madrid tería resposta inmediata na terra, tanto naqueles que partillaban a súa proposta, isto é, reorganizar un Partido Galeguista á altura dun mundo galego ao que xa chegara Fannon, Lubumba, Ben Bella ou Fidel, como naqueles outros que sen coincidir coas súas formulacións de poñer en pé unha alternativa política en chave nacionalista e antiimperialista, ben por recomendación do grupo reitor nucleado arredor de Piñeiro ben por convencemento, entendían necesario aglutinar a toda canta mocidade defendese unha opción galeguizadora e que fixese aboiar o problema galego. Así as cousas, este primixenia Unión do Povo Galego madrileña disólvese e xunto con outros mozos e mozas agrupados fundamentalmente arredor das Asociacións Culturais que comezaran a agromar e seguían a expandirse, dan orixe ao Consello da Mocidade, que a pesar das reticencias das xentes de obediencia Piñeirista, na vontade e na orientación viña ser a sección no país do Consello de Galiza.

Viviu pouco, porén deixou pegada após aquela morte en Xaneiro de 1964. O Consello da Mocidade foi, nin máis nin menos, o que podía ser unha organización clandestina naquela Galiza que se achegaba aos 25 anos de paz. O seu continxente non pasou nunca dos 50 adherentes, contaba cunha estrutura de carácter nacional se ben o elemento universitario tampouco era o maioritario, abonda dicir que viña ser unha organización de cadros con presenza na totalidade das cidades galegas, nas principais vilas e na capital da metrópole e a preparación política dos seus membros diverxía pola experiencia e a procedencia. Agora ben este Consello, o homólogo a aqueloutro que o nacionalismo articulara no exilio, resulta dun proceso de debate e decantación entre certos sectores da xuventude, como consecuencia do coñecemento do pensamento de Castelao, dos procesos que se estaban a vivir no Terceiro Mundo e por suposto das relacións destes mozos coas xentes do exilio, contactos que o Grupo da Rosaleda tiña secuestrados e dinamitados, e que se restablecen xa a finais dos 50 en Madrid primeiro con Luís Seoane e xa ao pouco co outro Luís, isto é, o Soto. Non é esta unha cuestión menor, pois será o que explique que o seu primeiro Secretario Xeral sexa un home formado politicamente en Bos Aires baixo o maxisterio da vella afiliación da Sociedade Pondal, e cuxa chegada será anunciada polo propio Seoane na súa primeira visita ao Estado, aclarémonos, falamos de Antón Moreda. Á marxe de ser unha persoa de síntese entre as dúas correntes do nacionalismo de alén mar é unha imaxe gráfica da conexión do organismo dos mozos co exilio. Porén o realmente transcendente é que o Consello ten moito de concesión por parte do grupo de Piñeiro, pénsese que o de Láncara choca frontalmente coas formulacións deste, e así aproveita a primeira ocasión favorábel para iniciar a súa desfeita. Era o 7 de xaneiro de 1964 e comeza a depuración e morte do Consello coa expulsión dos que Piñeiro e os seus deron en ver comunistas e arxelinos, a saber Moreda, Bautista, Manuel María, Patiño, Ferrín, Saleta, Arxona e así até perto de 20.

Bautista Álvarez

Non foron as fobias, era a política. O máis doado é tender a explicar as diverxencias, máis cando son irresolúbeis e rematan con solucións traumáticas, como posicións que teñen a ver con actitudes persoais. A explicación á sorte e ao remate da experiencia do Consello da Mocidade é a mesma, aínda cando este organismo é o primeiro campo de batalla aberto contra do Piñeirismo após o librado por Castelao desde o exilio, o confronto antes e  tras a Asemblea de Coruxo na década dos corenta e xa, máis no plano simbólico, o conflito que se vive no núcleo fundacional de Galaxia ao pouco do seu nacemento.

Situémonos. Nunha banda atopámonos cunha alternativa que loita por articular unha forza política sobre o programa tradicional do nacionalismo sintetizado no “Sempre en Galiza”, que ten en conta o proceso que se está a vivir no malchamado Terceiro mundo, e toma como propias algunhas das súas referencias doutrinais, e que por suposto no plano internacional xogan ao antiimperialismo. Enfronte unha proposta que considera ao “nacionalismo como o cabalo de Troia do Comunismo”, que analiza “que non son nacionalistas porque non son reaccionarios”, que sitúa o problema galego como “un problema cultural, sendo este o noso ámbito de actuación”, que aspira a “galeguización das forzas de obediencia estatal” e que no plano partidario aspira a pór andar un partido socialdemócrata e outro democratacristiá.  

Aqueles eran uns tempos nos que con clareza se definían as posicións e así Piñeiro afirmaba en 1956 que “o nacionalismo é unha ideoloxía do século XIX, porque se fundamenta no concepto de soberanía nacional, concepto que como todos sabedes é claramente decimonónico. Non podemos ser nacionalistas, como homes do século XX, non debemos ser nacionalistas porque nun mundo divido en bloques non imos facer o xogo ao comunismo”. Non ficaba atrás Moreda cando na súa presentación en sociedade nun xantar na Rosaleda, ao pouco de vir de Bos Aires, era interpelado polas razóns que o levaban a definirse como galeguista e diante da insistencia do contertulio sobre as súas habilidades literarias ou artísticas, esa era caricatura á que reducira o Piñeirismo a herdanza de Bóveda e Castelao, concluíu: “Non son escritor, nin pintor. Simplemente son galeguista ou mellor aínda nacionalista, porque penso que Galiza é unha nación, é suxeito de dereitos políticos e ten dereito a súa autodeterminación”.

Hai silencios que aclaran máis que as palabras. Non é casual que cando estamos a vivir o 50 aniversario dun dos feitos fulcrais da historia do movemento nacionalista, a maioría dos protagonistas directos daqueles feitos, mesmo algún que fixo do Consello elemento nuclear na súa obra literaria, dirixan e partillen unha estratexia de silencio sobre o vivido e acontecido naquelas datas, datas e feitos que as máis das veces chegaron ao “grande público” polas súas publicacións tanto no campo da creación como no campo memorialístico.

Inocencia a xusta, posto que afirmar, restaurar e pór en valor a experiencia do Consello lévanos necesariamente a impugnar determinadas propostas políticas que señorean hoxe en Galiza, na medida en o principio de autorganización, a necesidade de forzas políticas propias ou dividir os espazos políticos no País atendendo a derivada nacionalismo/españolismo están presentes no discurso e na práctica do Consello desde aquel manifesto chamado inicial titulado “Pola Unión do Pobo Galego”.

Pero hai máis, sacar o Consello da Mocidade do anonimato, obriga a retratar ao anverso e ao reverso do Piñeirismo, isto é, ao fillo que medrou ao pé do pai e ao fillo que quixo matar ao pai pero que seguiu apegado igual que o seu irmán a súa educación e ao seu libro de estilo. Sumariamente a primacía da elite face ao povo, do individuo fronte á masa, da capacidade da dirixencia face a disposición da sociedade e, por suposto, o mimetismo cara o de fóra, o intelectualismo retórico e a falta de crenza nas forzas e capacidades do país para valerse por si só. E o que é máis importante, porque informar sobre o proceso que dá orixe, o desenvolvemento e a xestión posterior dos sucesos do Consello implica necesariamente situar no debate os principios reitores que informan da proposta nacionalista, unha proposta aberta a lecturas diversas e plurais, pero no que non fican dúbidas naquelo que Piñeiro e Moreda, cunha sinceridade que botamos en falla en boa parte dos dirixentes do hoxe, situaban no cerne da proposta cando afirmaban a asociación entre soberanía e nacionalismo e, por suposto, a consideración de Galiza, en tanto nación, como suxeito de dereitos políticos.



[18-10-2013 11:55] Salga2 comentou:

Esclarecedor artigo que boa falta fai pra poñer en claro o xurdimento do renovado nacionalismo galego da man da UPG. Non convén tampouco esquecer unha liña na que se debería afondar e investigar
mais, o papel que a CIA tivo no tutelaxe e financiación do grupo que vostede chama "da Rosaleda" e o papel que certos personaxes tan eloxiados polos voceiros do Imperio tiveron e teñen nas cambadelas e liortas que o nacionalismo consecuente sufriu e sofre na actualidade. A longa man da CIA chegou e seguro que hoxe tamén chega ate esta afastada esquina da Península

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña