14:17 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-10-2013

Unha vez máis constatamos como a atención deste Goberno se concentra en detectar os incumprimentos dos cidadáns máis débiles mentres se comporta permisivamente cos grandes defraudadores

Perseguidores dos débiles e encubridores dos poderosos

Valorar (0)

EDUARDO ÁLVAREZ



Son moitas as plataformas cidadás que se constitúen nestes tempos para reaccionar fronte as graves medidas que os gobernos do PP están a executar: Plataforma cidadá Queremos Galego, Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, Plataforma de Afectados por Participacións Preferentes e Subordinadas, Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, Plataforma en Defensa da Sanidade Pública…

As últimas en seren creadas, das que teño referencia, son as diversas plataformas de emigrantes retornados. Fixéronse públicas as do Salnés, Santiago, A Estrada, Lugo cidade, A Mariña, O Morrazo, Ponteareas… ¿Cal é a causa da orixe destas últimas asociacións? Pois non, de certo, estabelecer vínculos afectivos cos países nos que traballaron como emigrantes senón defendérense os seus integrantes contra as reclamacións do pagamento do imposto do IRPF correspondente aos catro últimos exercicios por parte da Axencia Tributaria. Reaccionan fronte á cruel navallada con que o Goberno sorprendeu este sector composto por xubilados que cobran, na xeneralidade dos casos, cantidades que non superan os 900 euros mensuais.

É certo que, legalmente, estes xubilados teñen o deber de realizar a declaración das rendas obtidas polas pensións percibidas de sistemas de previsión social distintos dos españois porque o obxecto do imposto do IRPF consiste no gravame da totalidade das rendas do contribuínte con independencia do lugar onde se producisen e calquera que for a residencia do pagador. Isto, claro está, sempre que os ingresos superen os 22.000 euros anuais, se proceden dun único pagador, ou os 11.200 euros, se proceden de dous ou máis pagadores, suposto este último, coido eu, que constituirá boa parte dos casos dos afectados por esta reclamación tributaria.

Membros da Plataforma de Emigrantes Retornados do Salnés

De certo, estes cidadáns, en boa medida, eran descoñecedores do seu deber de declarar estes ingresos. Por isto, cando lles notificaron a débeda quedaron fondamente sorprendidos polas elevadísimas cantidades que a Axencia Tributaria lles reclama en concepto da propia cantidade requirida e, sobre todo, polas sancións derivadas do incumprimento do deber de declarar, dos xuros de demora que se lles engaden a estas cantidades e mais das sobretaxas por declaración extemporánea correspondentes aos catro períodos tributarios que non se viron afectados pola prescrición. Esta omisión de declarar débese ao descoñecemento da lei e non a un propósito defraudador. Mais, aínda que así for, a propia Administración tamén sería responsábel deste incumprimento porque, segundo o artigo 34 da Lei Xeral Tributaria, os contribuíntes deben ser informados e asistidos pola Administración tributaria sobre o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas tributarias. ¿Por que, desde o momento en que a Axencia Tributaria detectou os primeiros casos de incumprimento do seu deber por parte dos xubilados emigrantes retornados non lles comunicou a cada un deles por escrito a obriga de realizaren a declaración en vez de promover unha exhaustiva localización de todos eles reclamándolles a débeda dos catro últimos anos coas súas correspondentes sancións e sobretaxas?

Evidentemente, unha vez máis constatamos como a atención deste Goberno se concentra en detectar os incumprimentos dos cidadáns máis débiles mentres se comporta permisivamente cos grandes defraudadores. ¿Por qué se concede unha amnistía fiscal que beneficia os grandes patrimonios e se perseguen con saña os pequenos pensionistas? ¿Por que Facenda, por exemplo, tolera que o Xefe do Estado lle realice unha doazón de 1.200.000 euros a unha filla baixo a aparencia dun préstamo para evitar o correspondente pagamento do imposto de doazóns? ¿Por que o PP defende a legalidade dos sobresoldos que cobraron de Bárcenas os seus dirixentes, expertos coñecedores da lei e algúns deles eximios xuristas tributarios e elaboradores de normas que eles mesmos aprobaron e violaron, e se ceba, pola contra, cos indefensos xubilados descoñecedores dos seus deberes? ¿Como se explica que a dirección do Partido Popular lle pagase 1.411.140 euros en cartos negros á empresa do arquitecto Gonzalo Urquijo polas reformas realizadas na súa sede madrileña, evadindo o ingreso de 254.005 euros de IVE en Facenda e mais o correspondente imposto de sociedades, e agora o propio ministerio de Facenda emprenda unha campaña de inspección de centos de xubilados retornados por incumpriren un deber que descoñecían?


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña