07:12 Venres, 22 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-10-2013

Baixo o título de “Terra e Papel” presenta o artista, Fonso Castro, a súa orixinal homenaxe a Rosalía e á obra que inaugura a nosa literatura moderna

Alongada sombra dos Cantares

Valorar (0)

MARICA CAMPO



Lonxe da semántica da Negra Sombra, a sombra á que me vou referir é acubillo, espazo pracenteiro, referente para medir a altura da árbore. Sombra tanto máis alongada canto a árbore segue a medrar 150 anos despois de que Rosalía a plantase “nunha infeliz patria”, como ela dixera, a parila outra coa súa palabra.        

Dubidei en titular este artigo doutro xeito: “Os cantares dos Cantares” por referirme ás cancións que, con poemas do libro, facendo unha das máis fermosas lecturas, a musical, proliferaron este ano conmemorativo. Tempo Catro, Uxía, Najla Shami, Resonet, son algúns dos nomes que me veñen agora á memoria, mais non son os únicos.  Non o fixen porque  non vou parar só nisto xa que son moitas as artes que xorden da que é unha obra mestra.      

Quero, nomeadamente, dar noticia  dunha secuela  ben interesante, esta vez plástica, de Cantares Gallegos, que se exhibirá en Lugo, a partir do día 3 de outubro na sala de exposicións que é a Capela de Santa María, e en Pontevedra desde o 19 de decembro.      

Baixo o título de “Terra e Papel” presenta o artista, Fonso Castro, a súa orixinal homenaxe a Rosalía e á obra que inaugura a nosa literatura moderna. Poderíamos entrar na polisemia do título, capaz de evocar o libro que nos chegou en papel a portar nas súas entrañas a terra, e, asemade, o universo de formas producidas agora a partir de elementos nados da terra e tamén de papel.      

Fonso Castro é  primeiro encadernador e, alén da pura funcionalidade alimenticia deste oficio, leva moitos anos dedicado á encadernación artística na que ten obtido abondosos recoñecementos nacionais e internacionais. As encadernacións artísticas de Cantares Gallegos son unha das seccións que integran esta mostra.      

Outra é a dos libros de artista. Estes libros, como é sabido, son obras de arte realizadas por un artista visual que, en simbiose coa literatura, crean exemplares de gran beleza, afastados do que poderiamos chamar libro usual. Como o proceso non é industrial, teñen tiraxes moi limitadas, o que aumenta o seu valor. Os precursores deste xénero son  todos os que romperon coa páxina tradicional, tales como os futuristas italianos, os construtivistas rusos, o dadaísta e surrealista Marcel Duchamp  ou os poetas Mallarmé e Apollinaire. Mais é Ruscha, que en 1963 realiza ‘Twenty-six  Gasoline Stations’  (Vinte e seis estacións de gasolina’), quen inicia a construción de libros desde unha perspectiva plástica. Pode unha maleta ou un estoxo ser un libro? Afonso demóstranos  que si.      

Veremos tamén libros que son esculturas noutra singular sección, onde un simple busto sen cabeza nos trae o recordo dunha das indumentarias máis coñecidas de Rosalía.      

Non faltan tampouco instalacións feitas  con libros de artista,  a utilizar o propio espazo como un elemento expresivo máis.      

Para aqueles –algúns hai- que consideran a obra de Rosalía de Castro anacrónica, demodée, ruralista ou outra serie de adxectivos que na súa ignorancia fan sinónimos, esta exposición pode ser a proba de canta modernidade encerra. Porque Cantares Gallegos é a humanidade e esta, sendo a mesma, vaise lendo, facéndose explícita, nova nas formas, ao longo dos séculos.  


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña