05:56 Martes, 26 de Marzo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-04-2010

Un número grande de cidadáns galegos son conscientes da depredación, da orfandade, pero tamén da solidariedade e da vontade de crearen e conformaren a unidade colectiva

Anatomías III: Que cultura

Valorar (9)

FRANCISCO CARBALLO CARBALLO



Desde o castrexo constatamos en Galiza unha cultura agraria europea. Cultura que evolúe coas aportacións grecolatinas, que na Idade Media se visibiliza no "Camiño de Santiago". O humanismo levedou esta cultura; a Ilustración púxoa á proba. Hoxe estamos a saíren dela; estamos nun relanzo de duración imprecisa.

Que cultura vivimos? Porque a cultura marca, é a variábel explicativa e resolutiva de cada un e de todos nós. Acaba de dicir Punset que a ciencia está a entrar na cultura popular. Digo máis: a ciencia é xa o piar das culturas europeas. Entre estas a de Galiza.

Parece razoábel analizar os cambios culturais para enfrontármonos como axentes responsábeis da cultura. Marcial Gondar publicou en A Nosa Terra (1993), unha contribución singular á análise deste devalar: "Crítica da razón galega. Entre o nós-mesmos e o nós-outros". Di: "O capitalismo salvaxe do presente, actuando en contextos pereferizados como o noso, non ten outra mentalidade que a do depredador que caza no que non é seu. Cando unha reserva se esgota non ten máis que abandonar o campo á procura doutro espazo virxe".

A forma en que os galegos contemplan a desfeita é variopinta: os que, ao prezo dunhas migallas, entoan coa súa práctica un "despois de min, o diluvio", os que están convencidos de que a cousa non vai con eles porque "cambiarás de muiñeiro pero non de ladrón", os que cren que o que está a acontecer é a crise necesaria para que este país entre, "xa dunha vez", nos vieiros do progreso". Marcial Gondar analiza a coherencia da cultura agraria de Galiza e ausculta ao enfermo roubado, ao enfermo mutilado, aos galegos co dereito a evolucionar desde si mesmos e ao seu ritmo, mais cazados polos depredadores.

Variados estudosos da nosa cultura teñen cometido erros de vulto ao isolar a cultura agraria galega da súa matriz común, Europa. Afirmo que a cultura galega desde os celtas foi a mesma cultura europea con variantes secundarias. E que evolucionou desde si no medievo. Que soportou estoicamente na Idade Moderna a opresión lingüicida do poder e os sorrisos de literatos mercenarios nos séculos XIX e XX. Desde os anos da penetración masiva do capitalismo -1960 a hoxe- a devastación iguala aos terremotos de Haití.

No tempo da "Longa noite de pedra" do franquismo, o fogar máis fiel a esa cultura agraria galegoeuropea foi devastado. Lede o libro de Anxo Collarte, "Labregos no franquismo, economía e sociedade rural na Galiza interior" (Difusora, 2006).

O falanxismo, o nacionalcatolicismo, todo o sistema ditatorial fascista, 1936-1978, foi couza, gangrena e peste que asolou Galiza; expulsou á emigración aos campesiños e a outros, fíxose cos seus aforros para industrializar España e deixounos ao pairo. Inda así naceron unhas unidades familiares agrarias de posíbel acerto. Presentouse o neoliberalismo do 70 a hoxe a destrozaren a economía agraria.

Foi unha desgraza; é unha calamidade esa ruptura cultural. Temos que soldaren o pasado co presente. Estamos neste intre nunha creatividade galopante de cultura galega. Hai obstáculos de ferro e de boca de lobo. Mais un número grande de cidadáns galegos son conscientes da depredación, da orfandade, pero tamén da solidariedade e da vontade de crearen e conformaren a unidade colectiva: revitalizando raíces necesarias, defendendo restos do barco imprescindíbeis, producindo en todos os campos...

Agora ben, a nova cultura a crearen ten de piar a ciencia. Ciencia non só para elites, como foi o humanismo do século XVI, en parte tamén a ilustración do XVIII. Ciencia a penetraren a cultura  popular. Esta nova realidade non exclúe outros elementos conformantes: míticos, relixiosos, exóticos.

Quero subliñar dous problemas. Primeiro, o decretazo do ensino que impón o goberno do PPG. Ollade, quere impedir que o galego se dea nas asignaturas científicas; quere reducilo ás literarias. Ata aí chega a "cólera" antigalega do PP, do seu FAES, dos seu parrulos  sucursalistas. É necesario, é vital que a ciencia, piar da cultura actual, se pense, lea, escriba en galego. Sen iso imponse un xenocidio cultural.

Segundo. A cultura actual de base científica vai envolta en diversas aportacións, v.g. relixiosas. Pois ben, as relixións organizadas en igrexas son premodernas. Todas. A Igrexa católica está a facer un esforzo de cristianismo moderno. Entre nós liderado por Encrucillada, grupos Irimia, etc. A cultura actual tende a rechazar elementos disonantes, premodernos. E iso tamén lle pasa coas relixións. Compre analizar a realidade, sexa do relixioso, do mítico etc. Se se empeña en impoñer a premodernidade, terá rechazos. Así adviñeron certos terrorismos islamistas, certas posicións "pentecostais" reaccionarias etc. Unha cultura de piar científico esixe compañías que acepten a modernidade, senón provocará colisións perigosas.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña