15:02 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-09-2013

Por iso é preciso o acto de Montecubeiro. Non só para desagraviar as vítimas ofendidas por este señor. Senón para ir máis alá.

A 40 anos dos 40 anos seguimos igual

Valorar (0)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



O Estado Español non é normal, non é homologábel a ningunha “democracia” occidental por moitas aspas que se lle poña nin está a altura de Estados de África (Suláfrica) ou América (Arxentina, Uruguai, etc...) no que ten que ver coa presentabilidade en canto a súa rotura cun réxime totalitario e ao respecto das normas internacionais de dereitos humanos en moitos dos aspectos como a derogación das leis de punto final, imprescritibilidade dos crimes contra humanidade, desaparicións forzosas, etc....          

O caso é que esta anomalía afecta en todos os ámbitos da vida cotiá até tal punto que chega a convivirse con estas aberracións como si se tratase de algo natural. Pasou moito tempo e aqueles medos baixo os que se tragou con isto, ou cando menos se puxeron de escusa para xustificarse diante dos que nunca aceptaron isto (véxase o caso do nacionalismo galego) a cousa xa parece endémica ou estrutural e, xa que logo, consubstancial ao Estado no que vivimos. É neste contexto que un alcalde que xustifica o asasinato dos disidentes poida seguir ostentando o seu cargo co respaldo do partido gobernamental.       

Por iso é preciso o acto de Montecubeiro. Non só para desagraviar as vítimas ofendidas por este señor. Senón para ir máis alá. As vítimas ademais de represaliadas no franquismo, foron insultadas na transición ao ser silenciadas como quen bota baixo da alfombra aquilo que lle afeaba a imaxe daquela modélica transacción. As vítimas son insultadas continuamente mentres se rende homenaxe  nas institucións e vías públicas aos símbolos do franquismo a pesares dunha lei da memoria que prescribe a súa retirada (xa non falemos do Val dos Caídos). As vítimas son tamén agredidas cando se lembran delas os oportunistas que no seu día os esqueceron, non están lexitimados para revestirse da valentía e honestidade que os levou ao sacrificio pola liberdade cando eles se caracterizaron pola traizón e a renuncia no momento que cumpría ser firme e intransixente en cuestións coma esta. Por iso é preciso participar en todos os actos de homenaxe e reparación de sobras merecidos por quen sufriu ese réxime de terror. Mais compre dar un paso máis. Debemos demandar o fin da impunidade e esixir a penalización do enaltecemento do fascismo.          

A impunidade non só afecta ao feito de que se libren os torturadores e asasinos das penas polos crimes cometidos. Aquí ningún Videla vai morrer na cadea polo que parece. Mais tamén é certo que a impunidade repercute en moitos outros aspectos de xeito que unha e outra vez nos leva a bater coa lei de amnistía de 1977. Mesmo para algo tan inocente como poida ser exercer o dereito a saber, isto é, permitir investigar os arquivos. Aplícase as restricións normais, como se o réxime franquista fose normal. É mais, desde que houbo a explosión de investigacións sobre a memoria histórica, unha vez que pasaron os anos de rigor para acceder as causas da época da guerra, non só non se permite revisar as do resto do réxime até a transición, senón que se pon unhas taxas abusivas para documentarse sobre o primeiro período. Ou é que un euro por fotocopia tamén é normal?.            

É fundamental derrogar a lei de amnistía que establece a legalidade dos crimes e presenta como delincuentes a quen os denuncia, pois está acusando aos asasinos de actos legais (e non me refiro só ao caso de Garzón). Por iso cando o BNG, a través de Francisco Jorquera, presentou no Congreso a solicitude de que se derrogue a lei 46/1977 e así poder investigar os crimes do franquismo, non se entende o voto en contra do PP, PSOE e CIU. Sobre todo CIU, mesmo recoñecendo que esta lei supuxo un teito de cristal que impediu avanzar na reparación daqueles crimes. Mais, con que cara se poden sentar nos organismos internacionais os gobernantes españois dos partidos “turnantes” logo de rexeitar isto?



As ONGs como “Human Rights Watch” ou Amnistía Internacional xa viñan demandando esta derrogación desde había tempo, mais será a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os dereitos Humanos quen o 10 de febreiro de 2012 pida formalmente ao Estado Español a derogación da lei, argumentando que incumpría a normativa internacional sobre Dereitos Humanos. E estes son os que andan polo mundo adiante bombardeando desde Libia a Afganistán na “defensa dos Dereitos Humanos”?.            

Mais isto, que é indispensábel, tampouco é suficiente. Actos como os protagonizados polo alcalde de Baralla deben ser sancionados. Non se pode permitir que cargos públicos que defendan publicamente o asasinato dos opoñentes. A apoloxía do fascismo é penalizada en moitos Estados que o sofreron. Unha sociedade na que existen desigualdades debe regular cuestións coma esta porque alentaría aos máis fortes a accións violentas contra os excluídos e máis débiles (racismo, machismo, etc...). Por moito que se respecte a liberdade de expresión nun Estado (que este non é o noso caso) debe castigar este tipo de condutas que van en contra dos obxectivos de promover a convivencia pacífica e a corrección das desigualdades e discriminacións. Sería unha reacción exemplar que serviría para educar a cidadanía sobre cuestións que se están dando por naturais, e que por moito que se empeñen neste Estado, non son espontáneas nin normais.          

En definitiva, alí estaremos en Montecubeiro, preto de 40 anos despois de Franco, e porfiando na vella aspiración que pode escandalizar polo humilde e pouco ambiciosa, mais insistentemente negada, de que nos deixen ser normais, e quizais esa sexa máis unha razón para nos desfacer do Estado que nolo prohibe.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña