23:41 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-09-2013

A Mariña de Lugo, de igual maneira que outras comarcas do noso país, está a demostrar que é un paraíso arqueolóxico aínda por descubrir

A Casa dos Cristos de Queinzal de Abaixo

Valorar (1)

XOÁN RAMÓN FERNÁNDEZ PACIOS


lintel datado en 1767 que se atopa nunha casa en Dorres, localidade situada no departamento dos Perineos Orientais, na rexión do Languedoc-Rosellón


Este é un artigo diferente a todos os que levo escrito, pois aparte de aportar a información habitual solicito axuda de ti que nos estás a ler.

A Mariña de Lugo, de igual maneira que outras comarcas do noso país, está a demostrar que é un paraíso arqueolóxico aínda por descubrir. En Louselas (Ribadeo) foi descuberto un dos asentamentos paleolíticos máis antigos de Galiza, preto deste asentamento sacouse á luz un petróglifo podomórfico no que se representaba a transformación de home en oso, representación vinculada ao nomeamento dun rei. Xa dentro do mundo romano tivo moito eco informativo, tanto a nivel nacional como do resto do estado español, o redescubrimento das minas de ouro romanas nas Espiñeiras, tanto na do concello de Barreiros como na de Foz. Aparte de todo isto foron abundantes as aparicións de galerías escavadas a pico produto daquel mundo da minería baixo terra do mundo romando e medieval.                    

Neste artigo imos falar dun lintel que tivemos a sorte de contemplar por primeira vez non hai moito tempo nunha casa situada no barrio de Queinzal de Abaixo, parroquia de San Martiño de Mondoñedo, concello de Foz.                    

Tal e como podemos ver na imaxe o lintel está colocado sobre a porta principal da casa, pero non era ese o seu lugar orixinario. Segundo nos contaron os antigos propietarios da casa a “pedra” estivera sempre sobre a porta da cuadra, que era unha edificación anexa de tamaño reducido cunha soa porta de entrada, (feito que nos chamou poderosamente a atención pois na tipoloxía  habitual das cuadras galegas estas soen ter dúas portas, unha cara o exterior e outra cara o interior que a pon en comunicación ca edificación principal). Tendo en conta esta particularidade e o lintel que a adornaba fíxonos pensar que a citada cuadra fose nun principio unha capela que formaría parte dun casal, composto pola casa do señor, que ben podería ser unha torre, capela, hórreo, forno, construcións anexas e campos de labor ao arredor. Faltábanos buscar na documentación medieval existente algunha referencia a este casal. Coidamos que o atopamos. Trátase dun foro realizado o 6 de novembro de 1445 no que o Cabido de Mondoñedo afora a Vasco López de Moscoso e a súa dona Sancha Vázquez “as casas coas suas vinnas et herdades et muyno et jures et pertenenças que estan eno lugar de Vilajoane con todas suas entradas et saydas et dereytos” (1445, 6 de novembro. Arquivo Catedralicio de Mondoñedo, Tombo Pechado, fol. 177 v.), os aforados terían que pagar 300 marabedís anualmente polo día de San Martiño.

Para a quen lle interese o mundo da investigación xenealóxica este Vasco López de Moscoso viría sendo o bisavó de Lourenzo López de Moscoso, primeiro conde de Fontao, mentres que Sancha Vázquez era, está demostrado documentalmente, filla ilexítima do Deán da Catedral de Mondoñedo, Pedro Mariño de Lobeira.

lintel nunha casa situada no barrio de Queinzal de Abaixo, parroquia de San Martiño de Mondoñedo, concello de Foz

Cen anos despois comprobamos documentalmente que o citado casal seguía pertencendo a membros desta familia, en concreto a Lope Sánchez de Moscoso, que o herdara de seu pai “el lugar que agora llieba en Villa Juane con sus casas e torre e guerta e viñas y heredades segun quedo de Rodrigo Sanchez de Moscoso, su padre” (1547, 6 de maio. Arquivo Catedralicio de Mondoñedo, documentos soltos, armario 9, estante 1, mazo 1, nº 37).                      
O que nos chamou poderosamente a atención foi a decoración deste lintel, composta por tres círculos onde se pechan dúas cruces fundacionais, en ámbolos lados, e unha roseta hexapétala na zona central.                                

Polo que sabemos, a roseta hexapétala nun principio era unha representación do sol, entendido como pai e salvador. Era lóxico que fose entendido así xa que o ser humano sentíase máis seguro de día que de noite e porque o calor que emanaba o citado astro permitía o florecemento de tódolos froitos.                    

Representacións destas rosetas hexapétalas aparecen en Galiza xa con anterioridade á entrada dos romanos no noso país, aínda que a época de maior esplendor e difusión atópase dentro do mundo romano. É case infinito o número de estelas romanas, tanto conmemorativas como funerarias, nas que se pode ver este tipo de representación.

A igrexa católica, tal e como ten feito en incontables ocasións, en vez de loitar contra este tipo de representacións para erradicala das crenzas populares acabará incorporándoa na simboloxía eclesiástica. A roseta que podemos ver en moitas das igrexas galegas é unha representación de Deus pai. Tamén o mundo da heráldica nobiliar adopta a roseta hexapétala tal e como se pode ver no escudo de armas dos Pedrosa-O’Connor que se atopa no pazo de Pedrosa (San Cibrao, Cervo, Lugo).                                    

Os elementos  que rodean a roseta do noso lintel son cruces fundacionais que podemos ver en moitas das nosas igrexas galegas.

Certos investigadores apuntan a posibilidade de que ese tipo de cruces pertenzan á orde de Malta. Esta orde relixioso-militar está moi vinculada coa protección dos camiños de peregrinación situando as súas igrexas e hospitais moi preto das vías xacobeas. Se ben é certo que en San Martiño de Mondoñedo existiu un hospital, no que se acolleu a un grande número de peregrinos,non quere dicir que as cruces deste lintel se poidan vincular á orde de Malta, xa que este tipo de cruces pódense atopar en igrexas alleas totalmente ao mundo  das peregrinacións xacobeas.

Despois de ter consultado varias referencias bibliográficas e algunha que outra páxina web tan só puidemos atopar un conxunto iconográfico igual, tal e como podemos ver na imaxe, esta vez é un lintel datado en 1767 que se atopa nunha casa en Dorres, localidade situada no departamento dos Perineos Orientais, na rexión do Languedoc-Rosellón.  Resúltame incrible que non existan máis representacións iguais á aparecida no lintel da casa de Queinzal no resto de Galiza, por iso solicito axuda aos nosos lectores. Se algún lector sabe da existencia dunha representación igual a esta que lle faga unha fotografía e que a mande nun comentario a este artigo sinalando, iso si, o lugar e a parroquia na que se atopa.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña