22:39 Luns, 22 de Abril de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-04-2010

Neste ano cúmprese o 100 aniversario do seu nacemento, sen embargo o ano vai andando e institucionalmente Seoane permanece invisible

Luís Seoane: o compromiso do artista

Valorar (4)

MANUEL VILAR ÁLVAREZ


Luís Seoane no seu estudo


Neste ano cúmprese o cen aniversario do nacemento de Luís Seoane, figura destacada das artes visuais do século XX. Sen embargo o ano vai andando e institucionalmente Seoane permanece invisible.

Críticos e especialistas cualifican a Luís Seoane como o máis grande pintor galego do século XX. A isto hai que sumar outras facetas nas que destacou o artista, como na poesía, autor de textos teatrais (sen representar), editor, deseñador, activista, etc. e sempre tendo no horizonte o seu país: Galiza.

Se algo caracteriza toda a obra e a vida de Luís Seoane é seu compromiso con Galiza, desde un lado e outro do mar, cando estaba aquí e cando sufriu exilio. Toda a súa obra ten un obxectivo social e político, que podemos definir como axudar a que Galiza teña un papel que xogar neste mundo, que teña presenza. Pero para estar no mundo hai que, primeiro, ser e ser un mesmo. E Seoane vai traballar para descubrir que temos historia propia, que temos unha cultura construída desde nós e pola masa social do pobo, que temos memoria. Pero esa historia, esa cultura, non valería de nada se non volve a ser coñecida pola sociedade, polo pobo diría el. Por iso unha boa parte da súa obra vai dirixida a mostrar esa historia, especialmente durante os anos escuros e duros, a por rostro a personaxes do pasado, a personaxes rebeldes que vía como necesarias "figuras conductoras" cara a un futuro mellor. E esa historia vai ser tamén mostrada en forma de mitos e lendas, porque creo que foi Dumezil quen dixo que non hai pobo sen mitos e sen lendas, que de habelo tería que inventalas para facer posible unha existencia normal. Isto é así porque os mitos axudan a crear a idea dun propósito colectivo, polo tanto, e como di A.D. Smith, son elementos que están dentro do concepto de nación.

Un dos tempos históricos ao que máis acudiu Seoane foi ao medievo, tanto á historia deste período como á arte románica, ás figuras de pedra que decoraban as fachadas das igrexas. E faino por varios motivos: porque aquí atopa referentes claros para concienciar ao pobo, atopa líderes simbólicos, atopa referentes lendarios que poden constituír esa historia do cotiá e dos humildes, a historia que entra pola porta traseira da Historia, e pode espertar os espíritos durmiñentos, que diría Viqueira. Pero tamén porque aquí vai atopar imaxes visuais que poidan dar corpo a un mundo cosmovisional propio, e busca aquí esas imaxes porque consideraba o románico como a arte máis europea ou internacional de nós, a máis internacional. E para os nacionalistas, e Seoane érao, o románico era percibido tamén como unha arte da terra, unha arte que fala da continuidade no tempo e ben enraizada na terra, pero que tamén podía ser moderna, ou porque estaba ben enraizada podía ser moderna.

Hoxe pódese valorar máis outros conceptos, como mobilidade ou cambio e mesmo podemos valorar aquilo que nos une con outras sociedades no canto do que nos diferencia, pero entón a continuidade histórica, a permanencia no tempo e a diferenza eran valores precisos para construír unha identidade propia, para sermos nós mesmos.

Todas as nacións teñen unha tradición histórica, a nosa foi cortada e pensábase que no medievo estaba a nosa era dourada. Polo tanto coa época medieval Seoane tivo un diálogo figurativo, pero tamén ideolóxico, pero non de morriña, senón ollando ao futuro. Pero Seoane non foi un artista ancorado no pasado, foi un home do seu tempo, preocupado polas cousas do seu tempo, inquedo e cos ollos sempre abertos ás cousas que se facían no mundo. Sabía que para que a obra dun artista chegase á universalidade tiña que partir e pintar unha realidade concreta. E a realidade, mesmo no exilio, era a galega. Non era un artista "ensimismado", mesmo chegou a expoñer nos grandes centros marcadores de tendencias, fíxoo en Nova York e os seus dous máis prestixiosos museos gardan obra súa. As imaxes creadas por Seoane son un referente visual para moitos galegos, forman parte do noso imaxinario social.

Seoane foi un artista comprometido, un artista que buscou dar respostas, desde os campos nos que exercía a súa actividade creativa, a un poder que negaba a existencia do feito propio galego, e dar respostas políticas, pois había que cambiar as cousas e había que cambiar o poder que ocultaba e negaba a nosa realidade propia.

É fácil de entender a invisibilidade institucional de Seoane, porque segue sendo un artista difícil para un poder que nega a nosa especificidade.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña